23:05 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2010

Para a maioría das persoas o signo identitario externo máis definitorio é a pertenza a unha ou outra nación

Se nos negan a nación -tamén- polo mundo adiante, que haberá que facer para romper o muro?

Valorar (10)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN



As persoas, individualmente consideradas, nunca son entes illados. O simple feito de que elas existan só é posíbel pola súa inmersión na sociedade, pois son enxendradas por outras persoas (pai, nai) e desde o momento mesmo de nacer entran en relación, voluntaria ou involuntaria, cunha morea de xente. Só coa morte cesa esta relación social. De igual maneira, as organizacións sociais - sexan do tipo que sexan - non son entendíbeis se non interaccionan colectivamente fronte aos individuos, á sociedade e ás institucións.  

Para a maioría das persoas o signo identitario externo máis definitorio é a pertenza a unha ou outra nación. É verdade que hai outros signos tanto ou máis definitorios como a clase social ou mesmo a relixión, mais estes funcionan fundamentalmente en outros níveis, se cadra máis profundos, pero menos visíbeis socialmente.  As persoas danse a coñecer - maioritariamente - como holandesa, hondureña, birmana...  Pode que alguén se presente como budista, traballador, vexetariano... mais este xeito de autopresentación, de existir, non deixaría de ser excepcional e mesmo anecdótico. 

E nós? Integrantes dunha nación negada, obrigados a viaxar con outra identidade, como nos relacionamos no mundo e co mundo? Como romper ese  cerco que nos invisibiliza pola vía de nos incluír nunha identidade politicamente allea e numericamente máis ampla? 

 Que queiran, que non, Galiza é unha nación!, berramos reiteradamente cada ano polas rúas do País. Se nos negan a nación por parte do Estado, da Xunta, dos partidos políticos e sindicatos españois... , que teremos que facer para tirar o muro? 

Acostúmase dicer que a emigración galega é unha embaixada permanente de Galiza nos cinco continentes. Con máis de 150 anos de emigración ás costas é unha realidade innegábel a presenza de compatriotas nosos nos lugares máis alonxados. Mas a realidade é que esta presenza pouco axuda, cando non dificulta, para dar a coñecer a nosa identidade nacional. A inmensa maioría da emigración galega é identitariamente española e como tal exerce. Non é por acaso que nunha grande parte de Latinoamérica, a acepción "galego" é empregada como sinónimo de "español" e mesmo en certas zonas do Brasil como sinónimo de "europeo". 

Sempre poderemos dicer que Galiza existe, independentemente de que en Kiev, Managua, Dakar ou Seul se saiba ou non da súa existenza. Certo, e mesmo haberá quen entenda que o feito de saber ou non de nós é completamente indiferente aos efeitos da nosa vida diaria.  Será entón indiferente que a publicidade do Xacobeo inclúa, ou exclúa, a palabra Galiza para situar Santiago no mapa do mundo? Por qué nos vai parece mal que os ministros da UE se reúnan na Galiza sen que esta estea presente institucionalmente? Se non nos parece mal que se borre calquera referencia, mesmo xeográfica á Galiza, porque nos vai parecer mal que se eliminen outras presenzas, sexan estas políticas, económicas ou sociais. 

Como en tantos outros espazos, tamén no internacional lle cabe ao nacionalismo facer o esforzo de construír a nación. Coa humildade de nos situar nos límites que nos impón a nosa xeografía, demografía, economía e capacidade política; desde a constatación de non sermos nin millores nin piores ca ninguén; con vontade de aportar e recibir; recoñecéndonos como cidadás do mundo con orgullo de sermos nós. Múltiples deberán ser os obxectivos, os camiños, as metodoloxías; adecuados os recursos humanos e materiais; permanente a vontade política. Temos que estar no mundo e temos que levar Galiza ao mundo, con corazón e cerebro, con ideoloxía e conviccións, con análises e sen preconceitos. 

Non temos moitas cousas ao noso favor. Somos nacionalistas e iso é blasfemia en Europa. A existenza dos estados actuais, as fronteiras entre eles, as "supremacías" dunhas linguas sobre outras, as identificacións conceptuais entre estado e nación..., semellan ser algo establecido por lei divina, inmutábel, desde que o mundo existe.  Temos unha dereita conservadora que coincide, e mesmo rivaliza, cunha ampla esquerda xacobina en negar e combater as identidades nacionais. Tampouco o temos máis doado en outras partes do mundo: un chileno, un mexicano, un cubano..., que se definen e se orgullan de seren nacionalistas (fronte ao imperialismo norteamericano) non admitirían baixo ningún concepto a reivindicación nacional dentro do seu estado. Contra o que poida parecer, as mesmas palabras non sempre teñen o mesmo significado, incluso entre aqueles que se senten unidos polo antiimperialismo. 

Con fecuencia máis ben escasa temos a oportunidade de asistir a charlas, conferencias, coloquios... protagonizados por persoas vindas de outros países - case sempre Latinoamerica - para escoitar as súas experiencias como participantes dos cambios sociais que se está a operar nos seus Países. Con, agora demasiada, frecuencia estes actos redúcense á descrición de paraísos terreais (con certeza inexistentes), ou ao relato de épicas loitas contra o imperialismo (con certeza durísimas) nos que non hai nin erros, nin autocríticas, nin dúbidas...  Outras veces asistimos a xeralizacións do tipo "gobernos progresistas", "antimperialismo", "liberación social"... uniformizando baixo a mesma palabra realidades moi diferentes e por veces contraditorias, ou mesmo tapando con palabras realidades pouco edificantes. 

É traballo noso, dos nacionalistas en xeral e dos camaradas en particular, fuxir deste tipo de prácticas. Se a realidade é contraditoria, plural e, moitas veces, inaprensíbel, nós non podemos engadir máis confusión. Cos inevitábeis subxectivismos, mas sen dogmatismo: levemos a Galiza, tal como a vemos, polo mundo; traiamos o mundo, tal como o captamos, a Galiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña