01:02 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-08-2010

A respecto do galego pensamos que é normal que renunciemos á nosa lingua para facer máis fácil a vida de outros

O falso discurso da utilidade lingüística

Valorar (18)

IRIA TAIBO CORSANEGO



Desde hai uns meses estamos a asistir á introdución na nosa sociedade do debate sobre a utilidade das linguas, máis concretamente sobre a hipotética utilidade da lingua galega. Precisamente ese punto do comezo do debate é o máis interesante, pois non todas as linguas nos dan tanto que pensar. Menos aínda neses termos tan próximos á negación do que nos é máis propio. E aínda menos cando falamos das linguas que nos rodean.

Acompáñase esta falsa idea do tópico da complicación extra que supón o galego. Non polos atrancos que supón para o galego falante esa elección, senón por unha suposta dificultade de ensinanza e aprendizaxe da (e na) nosa lingua, á que se engaden os cambios normativos que, por algún motivo, teñen a capacidade de multiplicárense no imaxinario colectivo desa masa social que procura excusas variadas e moi reveladoras para rexeitar o galego de diversas maneiras. Esta multiplicación normativa irreal (por exemplo, non é verdade que todas as palabras que agora en galego oficial se escriban con "b" hai 10 anos se escribisen con "v") resulta especialmente interesante, pois parece servir moi ben a un conxunto de prexuízos que se moven con moita comodidade a medio camiño entre as ideas sobre a falta de utilidade da lingua galega e a súa escasa entidade como lingua "relevante". Se entrarmos no feo terreo da comparación, a Real Academia da Lingua Española mesmo ten na rede un exitoso Dicionario Panhispánico de Dúbidas. E eu non coñezo ningunha persoa que teña renunciado a usar o castelán por ter dúbidas co seu vocabulario. Tampouco pola aparición de novas palabras no diccionario da RAE (na última actualización do diccionario, de  na rede, de 29 de xullo deste mesmo ano  inclúese por exemplo a palabra "festivalero"). É posíbel que valoremos positivamente a capacidade de adaptación e mellora constante que estas mudanzas permiten. Seguramente isto non nos afecta negativamente nas nosas eleccións porque a verdadeira razón para escoller unha lingua ou abandonar outra non ten nada que ver cos coñecementos filolóxicos (este é tema para outro artigo que podería ter como título: "A lingua galega: todos somos filólogos" ou "Máis filólogos que falantes").

Por outra banda, e retornando á cuestión da utilidade en si mesma, é xusto falarmos de utilidade en relación coas linguas? Debemos entón levarmos ese pragmatismo ao extremo e pasármonos ao esperanto ou a un inglés ou chinés universal? Sería iso posíbel? E desexábel? Posíbel non sei se será, mais levaría un tempiño e seguramente máis dunha xeración conseguir un nivel aceptábel en calquera na lingua elixida, só con pensarmos no noso exemplo: canto tempo e esforzo nos custa dominar unha lingua allea como para sermos capaces de falar unhas frases básicas cando saímos a un país estranxeiro? Ese esforzo é proporcionado, compensa o beneficio de eliminarmos as dificultades para entender outras linguas e as barreiras que pon a necesidade de combinarmos usos para linguas cooficiais?

Por outra banda, calquera falante nativo do inglés seguramente amará a súa lingua, é posíbel que lle guste coñecer as diferentes variantes dialectais que ten, poder descubrir o seu amplo vocabulario, entenderse con xente doutros territorios grazas a ese patrimonio cultural e mil cousas máis. E todos o entenderemos. Mais por algún motivo hai quen pensa que é menos lexítimo que un falante dunha lingua máis pequena cuantitativamente sinta un orgullo semellante por ela. Parécenos máis exótico, máis "riquiño", mais non especialmente digno de orgullo. A respecto do galego pensamos que é normal que renunciemos á nosa lingua para facer máis fácil a vida de outros. Pode ser unha lingua bonita, si, mais non o é tanto se temos un sotaque menos urbano ou neutro e dependendo de con quen falemos preferiremos outra lingua diferente. Sen dedicar moito tempo a meditar o por que da nosa elección.


[23-08-2010 11:19] E.C.F. comentou:

Totalmente de acordo. Todas e todos sabemos que os problemas reais non son a lingua nin os/as falantes senón as políticas lingüísticas. Só dende o poder político se pode acometer a inescusábel, urxente e necesaria tarefa de romper tópicos -as máis das veces interesados- e aplicar medidas de autoestima e de inmersión cara ao galego. O contrario estanos a relegar á crenza ridícula de que ás crianzas e aos cans hailles que falar en castelán para que nos entendan mellor.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña