17:14 Luns, 23 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-08-2010

D´ "O Libro dos Amigos" á conferencia "A miña amizade con Castealo"

A coraxe de don Ramón Otero Pedrayo

Valorar (7)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Retrato de Don Ramón Otero Pedrayo


Penso que a figura de Otero Pedrayo aínda non foi suficientemente valorada polo nacionalismo galego actual, nin como escritor nin como intelectual firmemente comprometido en plena ditadura coa recuperación simbólica de Castelao. Agás a altísima admiración que sempre tiveron por el homes como Manuel María, Xosé Manuel Beiras, Bautista Álvarez ou Xosé Luís Méndez Ferrín, don Ramón non foi nin é unha referencia habitual para as persoas que militamos no nacionalismo. Mais canto máis se afonda na súa obra e na súa personalidade, canto máis regresamos a Otero, máis admiramos a súa figura como creador e como exemplo de coraxe fronte ao fascismo que destruíu a súa vida, a súa xeración e o soño dunha Galiza dona de si e do seu futuro.

Aquel home que se entregara en corpo e alma á acción das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista e que co propio Castelao e con Suárez Picallo levou a defensa do país ás Cortes nos anos da República, converténdose no primeiro deputado nacionalista pola provincia de Ourense, aquel home que no mes de xuño do 36, na estación do Norte, en Madrid, se despide de Daniel, o seu máis querido irmán, cunha grande e interminábel aperta, vai vivir os anos máis duros da súa vida tras o inicio da Guerra Civil. A vivencia non pode ser máis dramática. A el non o fusilan, pero ten que ver como caen fusilados nas cunetas ou contra un piñeiro os seus mellores amigos, como outros son condenados a moitos anos de cadea ou salvan a vida pagando o seu amor a Galiza co exilio nas máis lonxanas terras, algúns deles para non regresar nunca máis, como lle sucede a Castelao.

Otero pasa os días entre o piso da rúa da Paz, en Ourense,  e a casa de Trasalba, pensativo e calado, entre dor e silencio, mentres o seu tamén amigo Vicente Risco mesmo preside un acto coas novas autoridades militares e pronuncia un afervoado discurso de apoloxía ao novo réxime. Apartado forzosamente da súa cátedra, neses momentos tan amargos, nese tempo de terror e de miseria, a escritura vai ser para Otero Pedrayo o mellor refuxio. Moi pronto reinicia as súas colaboracións en revistas e xornais e colle novamente a pluma para facer unha extraordinaria obra literaria: prosa, ensaio, teatro e poesía. Un caudaloso río de literatura. E coa represión fascista aínda viva, vai don Ramón e ten a coraxe de escribir O Libro dos Amigos, o libro en memoria e homenaxe aos asasinados, aos desterrados, aos silenciados polo franquismo, unha obra que nace do seu inmenso corazón de bo e xeneroso e que se converte nun rotundo manifesto de compromiso co nacionalismo e de denuncia  contra a barbarie. Aí están as semblanzas de Ánxel Casal e Víctor Casas, de Castelao e Alexandre Bóveda, de Roberto Blanco Torres e Arturo Noguerol. Velaí a valentía e a grandeza de Otero Pedrayo. Creo que é o ano 1945 cando don Ramón inicia esas luminosas prosas de combate e maldicir, que aínda chegarían ás nosas mans na edición de Bos Aires de 1953.

1949: cúmprense cen anos do nacemento de Valentín Lamas Carvajal. Don Ramón é convidado a participar na homenaxe ao poeta e xornalista ourensán. Pronuncia dous discursos, un en castelán, no que fai referencia a Castelao, e outro en lingua galega, no Xardín do Posío. Otero cita a Castelao e fala en galego e é plenamente consciente da irritación que o seu verbo provoca nas autoridades e en moitos asistentes con camisa azul. Mais hai que recuperar o idioma e o símbolo de Daniel. E Otero ergue a súa poderosa voz ante todas aquelas xentes do réxime.

Poderiamos proseguir: participa na Misa de Rosalía desde a súa creación sabendo que é un acto de reafirmación galega e en 1950 ponse ao fronte do consello de administración da Editorial Galaxia para arroupar coa súa presenza a restauración da cultura galega. Fai o primeiro discurso en galego nun acto académico da Universidade desa época, a súa poderosa voz atravesa os corazóns da xente que o escoita, como sucede en Santiago o día da súa xubilación ou en Padrón, en 1958, no Día de Rosalía. Desde ese momento, en cada acto público no que participa, en cada conferencia ou discurso que pronuncia, non falta nunca a súa emocionada e vibrante referencia a Castelao. Tamén na década dos cincuenta vaise producir o seu encontro coa nova xeración de escritores galegos da posguerra, cos que manterá unha moi estreita relación, primeiro en Compostela, cos mozos que estudan na Universidade e frecuentan as tertulias do Café Español  ou a mesa-braseiro de Ramón Piñeiro, e algúns anos despois en Madrid, cos integrantes de Brais Pinto, que incluso inician a súa andaina editorial co seu Bocarribeira. E aínda virá máis adiante, nun hotel da cidade de Ourense, a homenaxe de despedida a Celso Emilio Ferreiro, a esa altura militante da UPG, con Castrelo de Miño ao fondo. E en 1971 Otero Pedrayo pronuncia no Museo Carlos Maside de Sada a conferencia A miña amizade con Castelao, que constitúe unha peza maxistral da oratoria oteriana, na que nos adentra desde a intimidade da súa palabra na figura inmensa  de Castelao. O xeneral Franco está vivo e veranea no Pazo de Meirás, mais Otero vai a esas mesmas terras  restaurar a memoria do principal referente do nacionalismo galego contemporáneo, proclamando, ademais, a súa amizade co autor do Sempre en Galiza. Velaí outro exemplo da coraxe de don Ramón.

Creo que nos últimos anos da súa vida a nova xeración na que el puxo todos os seus soños deixouno talvez abandonado nos brazos do piñeirismo e de personaxes que non merecen  figurar nin a pé de páxina. Penso que don Ramón nese tempo final da súa vida merecía e necesitaba o agarimo de toda aquela mocidade que tanta ilusión e tanto vitalismo lle dou. Otero era un home radicalmente nacionalista, que nunca deixou de exercer o seu amor e a súa fidelidade a Castelao e que viviu con gran simpatía e respecto o labor das novas xeracións. Non era Ramón Piñeiro. O día que nos poñamos a ler a súa obra e se publique toda a correspondencia que mantivo cos mozos, ese día comprobaremos a verdadeira estatura do señor de Trasalba. Oxalá non fagamos agora con outras figuras de nós o que noutro momento seguramente fixemos con Otero Pedrayo. Estou seguro que para o reencontro fraternal entre nós sempre atoparemos os brazos abertos dos que de verdade son os nosos mestres no amor inmenso a Galiza.

[25-08-2010 13:51] Ceive comentou:

Fermosa homenaxe a D. Ramón, parabéns!!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña