12:31 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2010

Ao lume no se lle fai fronte unicamente con medidas de extinción, que sí son necesarias, sendo máis importantes as medidas de carácter preventivo

O lume, problema no rural, cuestión social

Valorar (17)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ


Brigadista nun dos incendios de Boiro de agosto de 2010


A día da publicación deste artigo, sabemos que o 30% da superficie ardida no Estado corresponde a Galiza. Un ano máis, cando chegan as altas temperaturas chegan tamén os incendios forestais, para converterse, un ano máis, na praga mais importante e perigosa no noso país.

Eu lémbrome, de cativo, que cando había un incendio as campás da igrexa alertábannos e toda a parroquia participaba na súa extinción, dun xeito máis que notábel tanto que na maioría dos casos non existía outra intervención máis que a dos veciños, e polo xeral a superficie queimada era pequena por varias razóns, porque o número de brazos para loitar contra as lapas era elevado, porque o monte estaba máis limpo (aproveitábase), os camiños públicos valían de cortalumes xa que estaban limpos e axudaban a deter o incendio. Hoxe en día a poboación do rural está formada maiormente por xubilados, polo que non hai brazos, o monte xa non se limpa como antes, é máis, avanza dado que o abandono das terras agrarias é unha constante (máis combustíbel para o lume), e os camiños están cheos de silvas (abandonados) o cal non só non axuda a deter o lume, senón que impide o acceso para poder  facerlle fronte, é así como os incendios se propagan descontroladamente até converterse nos protagonistas das noticias.

Ao lume no se lle fai fronte unicamente con medidas de extinción, que sí son necesarias dado que, nos guste ou non os incendios forestais son unha realidade cada verán. O máis importante para atallar este grave problema son as medidas de carácter preventivo, é preciso por en marcha medidas que axuden a minimizar o problema (cando se produce) de xeito que a extinción dos incendios sexa máis doada. Compre tamén indicar que a eficacia das medidas de prevención dáse a medio e longo prazo polo que para levalas a cabo e preciso aplicar políticas globais, con visión de futuro e sobre todo crer na capacidade do noso agro e do noso monte para crear riqueza o tempo que mantemos equilibrio ecolóxico e paisaxístico.

As políticas de actuación son fundamentais, e como xa dixen precisan dun tempo para seren efectivas, "desgraciadamente" dependen de que ideoloxía é quen as pon en práctica. O actual goberno do PP carece de políticas para o rural galego, pero non tivo ningún reparo en "aparcar" as medidas postas en marcha polo nacionalismo cando gobernou, tales como:

1.- A limpeza perimetral dos núcleos de poboación, destinadas a proteción da poboación e das propias construcións fronte o lume, foi eliminada en nome da crise polo (des)goberno do PP e así atopámonos cun grave problema, cando o lume avanza cara as casas, poñendo en perigo aos veciños/as,  as construcións, e tamén ás propias brigadas que padecen a angustiosa situación de ter nas súas mans a responsabilidade de salvar o fogar e incluso as vidas dos veciños/as. Estamos en crise, SÍ, pero se arde unha casa, o valor económico é maior do que pode valer a limpeza perimetral da aldea, polo que a medida aforrativa anti-crise deixa de ser tal.

2.- As Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), creadas para cultivar e aproveitar o monte. Pois sabemos do minifundio existente no noso país onde un propietario/a ten varias parceliñas de monte ciscadas (non vai nin a elas). As UXFOR eran un un proxecto de xestión colectiva para o aproveitamento e uso destes terreos (limpeza, camiños, puntos de auga, ordenación de cultivos, etc.). Pero coa chegada do (des)goberno do PP foron suprimidas, mais ben crearon "outro tipo de xestión" para o noso monte, pero sen apoio económico co cal o proxecto nace morto.

3.- O Banco de Terras (Bantegal), importante para manter a base territorial das explotacións, pero que referíndonos o que neste artigo se trata (o lume) resulta  imprescindíbel para parar o avance do lume cara as zonas de cultivo e núcleos de poboación, outra iniciativa que acabou no caixón, non interesa ás políticas do PP.

Penso que dende o nacionalismo, frente a iste problema é preciso dar o debate político e social, plantexando as nosas propostas, argumentándoas con firmeza, dado que os problemas hai que buscar-lles solución, non vale dicir (como fai o goberno da Xunta) que hai que reducir gastos pola crise, ou ante a morte de dúas persoas na extinción dun incendio cargar de palabrería barata como fai o Sr. Conselleiro do ramo (Juárez) que a culpa é de non se sabe quen.

Fáltanme por ver ao Sr. Presidente da Xunta (Feixóo) co seu pantalón branco e camisa azul, coller a mangueira da auga (como fixo no verao de 2005) para parar os lumes, aínda que, persoalmente prefiro que non colla a mangueira e poña a andar primeiro ao seu conselleiro, e logo medidas globais e con visión de futuro  para que campe polos noso rural a riqueza e armonía da paisaxe no canto do lume e do abandono.


[20-08-2010 08:44] Pacodevea comentou:

É ben certo que Feixoo debe poñer a andar ao seu conselleiro, pois un individuo que se atreve a dicir que non oculta información sobre os incendios, senón que, máis ben non a proporciona (como se recolle no correo gallego) e queda todo cheo de razón precisa que o espabilen con urxencia, persoalmente creo que un cese lle viría estupendamente, igual o fai pensar en traballar en serio e todo.

[19-08-2010 13:31] Ceive comentou:

Fai tempo acudín a unha charla sobre incendios forestais impartida por D. Antonio Rigueiro, analisaron as causalidades: especies pirofíticas, falla de control do mato, abandoo do campo, falla de infrastructuras..... Pero cando proxectou na pantalla un mapa coa incidencia dos incendios en todo Europa.
Os puntos vermellos, que significaban a incidencia e as hectáreas arrasadas, tinguían o noso pais de encarnado. Somos o ponto máis quente de toda Europa, con un clima cuasi Atlántico.
Esto é sintomático do estado do noso sector agrarío, abandoado polas institucións e pola cidadanía. Espero este país recobre de unha vez por todas o senso común e poña en valor unha enorme potencialidade que por modas, por tendencias de consumo e por unha orientación económica errada está desaproveitada e revirada en combustible para as chamas.
Teño grandes esperanzas como moita xente na FRUGA. Sorte co voso (noso) proxecto!!!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña