20:26 Sabado, 19 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-08-2010

O patriotismo da diversidade nacional representa tamén hoxe a defensa dun modelo de produción alternativo

A Patria da esperanza

Valorar (17)

ALFREDO SUÁREZ CANAL



A racionalidade da especie humana que é a que a coloca na pirámide do reino animal, é a que permite sintetizar nunha idea ou nun símbolo toda unha forma de pensar, de ser ou de estar no mundo. É a capacidade de abstracción a que nun concepto ou expresión simbólica concreta toda unha vivencia. Esa mesma capacidade de reflexión e análise que nos permite deseñar o marco de convivencia do que nos queremos dotar e mesmo a capacidade de cambialo cando non nos é útil para o noso benestar. A especie humana como animal político e que actúa sobre os espazos colectivos e é única especie capaz de facelo.

A patria é unha expresión que no plano dos símbolos fomos quen de crear ao longo do tempo, para concentrar, aglutinar e defender unha forma de vida concreta, unha historia, un sentimento colectivo, un idioma, unha cultura, un modo de produción, uns dereitos conquistados,  un espazo de relación e convivencia social, unha identidade creada pola relación das persoas dun territorio determinado e nun tempo concreto, etc... A Patria é seguramente todo iso é mais.

É certo que o longo da historia a patria tamén se utilizou como elemento de anexión, de imposición de modelos de produción, de colonización, de negación  e eliminación violenta de outras realidades. Probablemente aínda sendo conscientes de que é unha simplificación que tería matices, sempre existiron dúas formas de entender as patrias: a dos que sempre profesaron delirios de grandeza e aspiraron a impoñer modelos mesmo de xeito agresivo e a dos  que se dedicaron a defender a súa forma de vida e identidade. A primeira é unha concepción excluinte e imperial a segunda é unha expresión de defensa da capacidade creativa da especie humana de producir realidades diversas.

Esta reflexión case filosófica é hoxe moi acaída para vislumbrar por onde debe ir a saída do túnel a crise que sofre hoxe o modo de produción capitalista. A crise  que se esta a padecer en unha parte importante do planeta é sistémica, dun modo de produción que para impoñerse globalizou determinadas pautas de funcionamento, uniformizou estruturas, negou realidades e foi inimigo da diversidade  no funcionamento económico. Practicouse novamente na historia da humanidade un patriotismo excluinte, impositivo, negador da diversidade para que o capital financeiro especulador poidese converter unha parte importante do planeta no seu campo de actuación especulativa. A crise, ademais de selo dun modo de produción, tamén o é de un concepto de relación entre povos e nacións que non se produce con respecto e en pé de igualdade. As realidades institucionais impostas, uniformizadoras, que negan realidades nacionais, non deixan de ser  mais que expresións dun patriotismo de corte imperial ao servizo dun neoliberalismo  e dunha "economía de mercado" que se pretende impoñer a todo o planeta. É o patriotismo ao servizo do capital financeiro especulativo.

Do  outro lado está o patriotismo dos povos, das nacións que existen, o patriotismo da diversidade. Quen non necesita negar nada para existir, que defende outra arquitectura institucional desde abaixo, respectuosa coas creacións culturais, sociais e económicas da especie humana en cada territorio concreto do planeta.

Cando estamos vendo que dende as instancias de poder se propoñen como saída a crise acentuar aínda mais os aspectos negativos do modelo que nos conduciu a ela, debemos entender que o patriotismo da diversidade é hoxe algo mais que un símbolo, é seguramente unha esperanza para aprender de unha vez por todas da historia e levantar outro modelo de produción. Ese é o patriotismo que defendemos os nacionalistas galegos.

Debemos reaxir fronte a un patriotismo negador, globalizador e uniformista, que empobrece as creacións humanas, que reduce cada vez mais os espazos de decisión democrática e pretende ampliar a capacidade de decisión das grandes corporacións económico-financeiras sen control, que converte cada vez mais aos poderes democráticos en títeres. O patriotismo da diversidade nacional representa  tamén hoxe a defensa dun modelo de produción alternativo.

Debería ser necesario que dunha vez por todas aprendésemos da historia para construír un novo modelo de produción e unha nova arquitectura institucional. A crise e a súa saída volve  a  contrapoñer no fondo non só modelos económicos senón, como expresión destes, modelos de entender a patria.

Por exemplo, cando Feixóo argumenta que  non defende un estatuto de nación porque non é nacionalista, está defendendo un patriotismo negador, uniformista, impositivo; en definitiva de corte imperial e vinculado a unha realidade única á que lle concede existencia nacional: España. Ésta claro que el non é un nacionalista galego pero para non confundir os termos non deberiamos dicir que é un nacionalista español, que podería deducirse equivocamente das súas verbas, será en todo caso un vello centralista "nacional" español, ou un imperialista español..

Hoxe é pois enormemente moderno, de actualidade, e constitúe unha necesidade fundamental, a defensa de un novo modelo económico que se sustente tamén sobre un concepto de patria da diversidade, do respecto mutuo, de levantar arquitecturas institucionais a nivel estatal, continental ou planetario de respecto as identidades nacionais e os povos que as conforman, de profundización dos dereitos cidadáns, de ampliar os marxes democráticos de decisión e non de reducilos, de aplicar políticas de redistribución de riqueza utilizando o instrumento de fortalecemento dos servizos públicos igualitarios, de aplicar políticas activas de redución das desigualdades sociais, de establecer pautas de relación entre os povos en base ao beneficio mutuo etc.

E neste contexto onde cobran importante actualidade aquelas verbas de Castelao "...hai unha patria que se chama Galiza...". Sobre ela construímos os nacionalistas o noso patriotismo e xunto co doutros povos do planeta representa hoxe tamén unha esperanza para que a saída a crise non acabe sendo outra volta de torca do patriotismo uniformista e globalizador, en definitiva imperial, ao servizo dun modelo económico que se algo se ten demostrado  nesta crise é o seu fracaso. É pois o patriotismo da esperanza e do modelo alternativo.


[16-08-2010 08:58] Ceive comentou:

Da crise imos saír traballando duro. No pé de rúa existen miles de comerciantes, mecánicas, xente do rural, informáticas, que están traballando durísimo para que as contas cadren a final de més. Ao lado desa economía especulativa da que fala no seu artigo, e dando de comer a moita xente, existe, existeu e existirá unha economía produtiva, baseada no traballo honrado e abnegado que pon en valor as "potencialidades endóxenas". Ese pais que todos queremos alviscar no remate do túnel da crise, está xa eiquí e sempre estivo. Esta época convulsa, fará de peneira e barrerá moitos negocios que traballando con marxes comerciais pequenas vexan minguar en grande medida o seu nivel de ventas como está sucedendo xa, non podendo facer fronte aos gastos fixos e correntes. É a nosa obriga cavilar en alternativas fronte a esa "reconversión", creo que temos a obriga fronte ás nosas bases de ofertar solucións contropracistas, técnicas, e puntuais que acompañen as grandes estratexias que perfilen o noso novo e futuro goberno. Este artigo parece a resposta a un artigo de D.Suso de Toro, en El Pais, no que acusaba ao BNG de inventar unha historia, un pais e unha bandeira. Eu non sinto ter na cabeza un país imaxinario, teño un pais real que necesita de unidades de xestión forestal, que precisa aumentar a superficie útil das explotacións gandeiras, que reforzar certos sectores productivos cos ingresos adicionais que suporían a venda de Kw de enerxía eólica sacada dos nosos montes.
Aproveito para amosarlle a miña máis sentida admiración, camarada.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña