08:09 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-08-2010

A Nación é resistente, porque é un produto xenuíno da Historia

Nación e historia

Valorar (10)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA


Francisco Asorey "Cabaleiros Negros-1916"


Na descontrolada euforia do recente triunfo deportivo, o propietario dun local comercial profería esta asisada reflexión: «por fin gañamos un Mundial; xa podemos ser unha nación!»; e un cliente foráneo que casualmente estaba alí aproveitou axiña para secundar: «un par de victorias más y se acabaron en España las nacionalidades». (Hai xente parva, pero de inocente nada: todos saben moi ben de que vai a cousa). España, a nación que depende dun balón.

 Malia esas comprensibles esperanzas (compartidas por un abano ideolóxico aparentemente amplo), é dubidoso que tan transcendental acontecemento abonde para crear esa nación, e menos a estas alturas, despois de varios séculos de empeño fracasado e cando xa a actual configuración do mal chamado Estado-nación semella ter chegado a un punto límite.

É preciso reflexionarmos a cerca da nación, a despeito de quen pense que se trata de algo imposible de definir ou innecesario. Sería para nós preguiza mental non facelo, visto o seu innegable protagonismo como suxeito histórico, e en todo caso para os nacionalistas é absolutamente forzoso, pois constitúe a base sobre a que elevamos a nosa praxe política.

A vella opinión de que a nación consiste nun «conxunto de persoas que tomaron conciencia dun activo histórico idéntico» inscríbese nun debate hai tempo superado entre o idealismo hegeliano e o marxismo, sobre o que non ten sentido volver: a nación é previa á conciencia que se ten dela. Non é produto do nacionalismo, senón xustamente ao revés. Con maior ou menor nivel de conciencia social, a nación pre-existe, e nun determinado momento histórico un grupo social toma conciencia dese feito, reivindica a identidade e inicia a súa andaina o nacionalismo.

É certo que hoxe o contido semántico da palabra 'nación' adoece de certa confusión. Non foi sempre así nin moito menos: ata o século XIX a xente entendía moi ben o que significaba ser «galego de nación». Foi a partir de entón cando unha ideoloxía historicista apoloxética do Estado provocou a confusión entre este e a Nación, consciente da fraxilidade do Estado fronte á sorprendente resistencia da Nación.

A historiografía contemporánea fixo do Estado o seu protagonista (Historia de Francia, Historia de España, etc.), como si se tratase de entidades históricas con orixes que se perderan no tempo, cando en realidade se trataba de convencións políticas recen constituídas (mesmo recen nacidas, como Alemaña ou Italia). Preténdese lexitimar o poder estatal desempeñado pola clase dominante invocando unha suposta identidade nacional compartida por dominadores e dominados.

Os profundos cambios xeo-políticos que hoxe en día están tendo lugar poñen aínda máis en evidencia o absurdo desa interesada confusión. As decisións políticas entón adoptadas e violentamente impostas foron incapaces de fabricar nacións dentro das artificiais fronteiras estatais, nin de anular as verdadeiras entidades nacionais que subxacían.

En cambio o Estado pertence exclusivamente ao campo da superestrutura política, polo que é convencional e, en consecuencia, conxuntural (na corta ou na longa duración). Responde a unha determinada forma de organizar o poder, e inevitablemente sucumbe cando deixa de cumprir acaidamente esa función, cando o grupo social que lle deu vida precisa doutro instrumento.

A Nación é resistente, porque é un produto xenuíno da Historia. Determinada pola evolución da economía e das relacións entre as clases sociais, foise formando ao longo de moito tempo, por sedimentación lenta, imperceptible, de múltiples aportes humanos e acontecementos da máis variada natureza. Pola súa propia natureza a Nación non pode ser excluínte, pois só é posible cando eses aportes variados se sintetizan nunha comunidade social. Excluínte si que o é precisamente o Estado, cuxa operatividade esixe a anulación de toda diferenza e disidencia.

A concorrencia de elementos económicos, xeográficos, políticos, culturais, ideolóxicos, etc. ao longo de séculos de convivencia, cimenta a cohesión social dunha comunidade humana particularizada entre todas as demais, independentemente do nivel de conciencia explícita que os seus membros cheguen a adquirir. É, por tanto, natural que a nación se manifeste nun vínculo de natureza tan lóxica e de creación tan inconsciente como é o idioma, que por forza identifica entre si aos que o comparten e os distingue dos demais. O idioma é a expresión dunha nación; «o máis sólido dos vínculos que forman a unidade da nación e que se percibe a simple vista» (K. Kautsky).

Resultado dun proceso histórico continuo, a nación non pode permanecer invariable, pero é difícil de alterar. Non abonda con anular algún dos seus elementos constitutivos para minguar a solidariedade interna. Para contrarrestala, o agresor deberá manipular a fondo e con moita insistencia un amplísimo conxunto de factores, con séculos ou milenios de existencia, mentres que unha vicisitude conxuntural pode dar ao traste cun Estado. Así se entende, por exemplo, que cataláns ou vascos se identifiquen a ambos lados da fronteira hispano-francesa, a pesar de séculos de separación política.

Claro está que isto non significa que a Nación non poida deixar de existir. Terminará acontecendo isto se os vínculos históricos se anulan e son substituídos por outros novos, impostos desde fóra. Precisamente asistimos á acentuación deste empeño desde o século XIX, cunha irrupción ata entón descoñecida da violencia coa finalidade de reforzar a exclusividade dos Estados.

A Historia está tamén repleta de ruínas de nacións.

[17-08-2010 10:55] xan comentou:

Estoutro dia cruceime cun xefeciño dun xornal local que estaba todo contente, porque o trunfo de España no mundial era un pao para os nacionalistas galegos, que segundo ele, estarian doentes por iso. Tíñao moi claro de que era un espaldarazo na consolidaciçon nacional de España. Eu dixenlle que andara con tino, porque é perigoso para o destino da nacion española estar nun 50 por cen nos pés de futbolistas cataláns...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña