13:13 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-08-2010

De onde nos ven pois ese privilexio de levar tal complicado cultivo e traballada elaboración...

Historia e grandeza dos nosos viños: as orixes modernas

Valorar (8)

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ VILAS


Viñedos en Belesar


Semella que os viños galegos están de "moda", e afortunadamente os nosos caldos están callando nas nosas preferencias e no orgullo que  causa o privilexio de poder elaboralos para nós e o resto do mundo. É isto casual ou ven dalgún xeito de tradición ou coñecemento transmitido, pensemos que hai que plantar cepas ás veces en sitios realmente complicados, en parcelacións multiplicadas ata o impensable, hai logo que pregar por que non veñan xeadas en abril, frío na floración, os andazos do mal (mildeu) e da peste (oídio) ou non nos remate a saraiva ou xa nas portas da vendima a podremia, aínda por enriba temos que enxertar e proceder a moitas mais tarefas (podas, rodrigas, estercas, gavias, labras, tirar follatos, enrames, despuntes, esfollas, sulfatas, xofradas, etc., etc.), se falamos de viños tamén hai que pisar, deslamar, fermentar, encubar, trasfegar, embotellar, etc.  Anos moi secos ou moi húmidos poden ser malos, as produción poden cambiar moito entre colleitas, ao final só un territorio moi pouco extenso da xeografía galega (sobre 30.000 has) ten a "sorte" de levar adiante o xa dito privilexio da viticultura, que é posiblemente a rama agraria con mais "oficio", "arte" e "ciencia" acumulados.

De onde nos ven pois ese privilexio de levar tal complicado cultivo e traballada elaboración, aparte de ter as debidas condicións climáticas (insolación, risco de  xeadas, temperaturas medias), exposición (a resgardo do norte) e terras axeitadas (para os mellores viños, solos pobres) hai que ter en conta toda unha forma de saber facer as cousas que non pode partir de unha simples vontade individual, senón dunha  forma histórica de facer as cousas que orienta e marca mesmo ao recén iniciado na viticultura.

Esta  forma histórica e social parte da planificación dos territorios, onde plantar?, con que castes?, como facelo e con que xente?, como elaborar e como vender?, quen iniciou este proceso de xeito sistemático e programado e con tal exactitude de forma que a maioría das nosas viñas das ribeiras históricas seguen plantadas por case mil anos nos mesmos lugares aínda que se cambiara de lindes ou de donos moitas veces?.

Fálase das lexións romanas que trouxeron cepas e as fixeron plantar por todo o Miño (Minius) e o Sil e mesmo chegaron a levar viños aos césares de Roma, quen sabe, con todo xa hai coñecemento do emprego da fermentación das uvas desde moito antes, tamén na Galiza, as nosas castes autóctonas son as últimas mostras dunha variedade antiga, moito maior, mesmo cando a maioría das videiras eran lianas silvestres na inmensa frondosidade que era daquela o territorio galego.  Aínda non negando a matriz histórica que deu ao viño as culturas mediterráneas houbo unha sorte de reinvención desta bebida tan cargada de simbolismo cultural  e histórico, falamos xa na Idade Media séculos despois do devalo do Imperio Romano de Occidente onde o viño conformou unha sorte de pedra angular das novas identidades europeas, e na que Galiza non quedou alleada, da matriz mediterránea pasouse a unha centralidade civilizadora  franco-xermánica que aínda segue presente na súa pegada.

Após a morte de Carlomagno e as divisións consecuentes do seu Imperio,  que tiña por fin reconstituír unha nova orde romana en Europa, e que deron lugar aos xermolos das actuais identidades nacionais, (Na Galiza xa posta en marcha desde a chegada dos suevos, moito antes), e no que se denomina como feudalismo (termo demasiado amplo e xenérico para unha etapa histórica tan longa e complexa). Aparte das guerras entre príncipes e señores asentouse a necesidade de ordenar a economía da terra coa agricultura e os oficios, tarefas que precisan dun tempo de "longo prazo" que era incompatible coa continua inestabilidade política daqueles tempos. Foi precisamente que unha sorte de grupos moi organizados e disciplinados con amplos coñecementos de agronomía, solos, enxeñería, arquitectura, arte, bibliografía,  que se puxeron a tarefa en forma de entidades transnacionais  que se espallaron e asentaron por todas as bisbarras da Europa Occidental durante moito séculos, estas organizacións que non eran outras, se non, as ordes monásticas.

Non nos imos parar xa nas primeiras que se instalaron na Galiza xa desde a época dos Suevos, se non nas que tiveron unha grande determinación e experiencia para organizar economías e territorios e nomeadamente a complexidade do cultivo da vide e a elaboración do viño para súa posterior comercialización.

Todo comeza nas terras Borgoñonas nas lindes entre a Francia e o Sacro Imperio Romano Xermánico, na Abadía de Císter (Citeux) se traza unhas das mais importantes Reformas Monásticas, á da Regra de San Benedetto ou Bieito, e que baixo o liderado de Bernardo de Claraval  (Clairvaux) no século XII deseña en moi pouco tempo unha inmensa rede monacal que atinxe desde as ribeiras do Elba no leste ata a nosa terra no oeste, desde a Escandinavia no norte ata a Sicilia no sur.

Quen eran estes denominados Bieitos ou Beneditinos Cistercienses, desde logo colleron o básico do seu fundador Bieito, que era manter unha actitude ascética e austera da vida aínda que non contemplativa xa que en palabras do propio San Bieito "Non é posible para o home atopar a súa integridade se non comprende a súa dimensión mais fundamental, a do traballo". Na base espiritual que daba unha comunidade fortemente coesionada deu lugar a unha capacidade organizada de desenvolver inventiva e esforzo colectivo para xerar centos de mosteiros e abadías cos súas correspondentes bases territoriais e poboación agraria, desde a paciente tradución de códices e textos clásicos acumulan coñecemento, experimentan e poñen rapidamente en práctica para logo chegar a trazar unha densa tecedeira comercial por toda Europa no que o viño resultaba unha das súas mercadorías mais prezadas.

Precisamente na terra orixinaria do Císter, na Borgoña os monxes clasifican terreos (chegan a cheirar a terra), experimentan coas castes  e "aprenden" a cultivar para obter a mellor calidade, son os antecedentes aos nosas coñecidas denominacións de orixe, logo é que comezan a comercializar e implantar a moderna economía do viño nas novas zonas nas que se establecen, desde logo aínda non negando as contradicións de natureza política que tivo esta orde (chamamento ás cruzadas, intervencionismo papal, etc.), non podemos  seguir asumindo á moi ampla Idade Media como "escuros tempos" no que todo decorría de vagar ou mesmo retrocedía, o exemplo organizativo dos Bieitos do Císter debería ser estudado con atención para coñecermos desde o nacionalismo exemplos históricos a considerar en termos "prácticos", sería outro debate.

E no que chega a Galiza a dita Reforma no ano de  1142 ao lugar cenobitico de Sobrado con monxes brancos enviados polo propio Bernardo de Claraval, as novas formas produtivas son deseñadas desde o centro espiritual e coa finalidade de situar no mosteiro un foco de forte impulso económico partindo da necesaria autosuficiencia e autonomía. Rapidamente despois de asentar en novos ou antigos mosteiros os monxes crean granxas que serán os seus centros agropecuarios e vitícolas, o mosteiro de Sobrado non tarda en ter 6 granxas no Miño no Sil para por novas viñas e elaboración de viño, despois continuaron outros mosteiros como Oseira, Melón, Oia, Melón, Oseira, Xunqueira, Armenteira,  San Clodio, etc.  Nese século XII quedaron en explotación todas as nosas ribeiras vitícolas da Galiza meridional se trazamos unha imaxinaria liña desde o Ulla co porto de Poio. Só na denominada "Terra de Castella" (o que hoxe sería o Ribeiro) os cistercienses tiñan vinte granxas, aínda así a concorrencia foi forte, outras ordes monacais, nobres, bispados tamén botaban man da pose de viñedos e no que o pequeno campesiñado quedaba na práctica fora se non era para traballar, con todo a acción dos mosteiros foi realmente "fundadora", o Ribeiro é un exemplo claro.

O consumo dunha bebida considerada básica na dieta alimentaria, o seu uso no culto relixioso e o prestixio acadado entre os poderosos e a puxante demanda exterior (Inglaterra ou Flandres) fixo que a extensión de viñas, o aumento conseguinte da elaboración de viño marca o trazo principal da agricultura no medievo galego, incide tamén na maior complexidade das relacións forais, o auxe comercial de portos e cidades (A Coruña, Pontevedra, Santiago,  Tui) e mesmo a diferenciación de segmentos urbanos ata entón descoñecidos derivados do fluxo das rendas monetarias xeradas. Non podemos seguir a pensar no noso complexo futuro vitivinícola ou de calquera outro sector produtivo diante da mundialización económica sen reflexionarmos sobre as tamén difíciles circunstancias nas que outras xentes puideron rifar co concurso de organización e esforzo colectivo.


[10-08-2010 14:52] Mar comentou:

estupendo artigo compañeiro Vilas... verdadeiramente hai tanto coñecmento que se nos escapa... este tipo de historias contemporaneas deberian ser as que nos trasmitiran nas escolas.. gracias Vilas por achegarnos un pouco máis á historia dos viños galegos...

[10-08-2010 14:28] Vitor comentou:

Os que habitamos no interior Ourense e Lugo, teremos que pedir a implantación de abadías cistercienses para que logren facer unha ordenación do territorio segundo usos, e poñan de unha vez a produccir os miles de hectáreas de terra que están na actualidade a barbeito. Xa que o corpus de enxeñeir@ da administración non o fai. Parece que a producción forraxeira diminuirá, habida conta da tendencia á baixa dos prezos do leite e a carne. Teremos que cavilar en alternativas, non sí??? Viño quizais????

[10-08-2010 08:49] Ceive comentou:

Insteresante historia da producción vitivinícola. Fas ven en puntualizar o do cultivo do viño polos invasores romanos, creo que non hai níngunha evidencia de producción de viño en terras galegas nesa época. E moi ben esa merecida homenaxe ao papel dos mosteiros no desenrolo da nosa agricultura. Parabéns.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña