09:18 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-08-2010

Non hai guerra mala (Iraq) e guerra boa (Afganistán), cando ambas responden aos mesmos intereses do imperialismo

Saír de Afganistán

Valorar (3)

NÉSTOR REGO CANDAMIL



Catro anos e 24 mortos despois, Holanda retira as tropas de Afganistán. Non se trata da 'misión cumprida', senón da consecuencia da crecente oposición da poboación neerlandesa á participación nun conflito que non é o seu. A posíbel renovación da misión no Afganistán conlevou mesmo a caída do goberno,  pola oposición dos laboristas e a realización de novas eleccións. A retirada das tropas holandesas supón mais un revés para os Estados Unidos nun conflito que, lonxe de se enxergar unha saída, non para de agravarse.

Os últimos meses están a ser crecentemente complexos para os norteamericanos. A situación militar empeora e a resistencia controla xa boa parte do País;  aumentan as baixas dos ocupantes -só no meses de xuño e xullo morreron 126 soldados americanos-; a estratexia do goberno Obama é criticada mesmo polo máximo responsábel das forzas de ocupación, xeneral McChrystal, que vén de ser destituído; medra a oposición popular á presenza en Afganistán; crece tamén a resistencia dos congresistas demócratas a incrementar os esforzos económicos e humanos para a guerra e, cume de todos os contratempos, a verdadeira face da ocupación ilegal do País vén de ficar ao descuberto en toda a súa crueza.

Con efecto, a publicación por Wikileaks - unha organización con sede en Suecia - de mais de 92 000 documentos militares secretos dos EUA - e a divulgación  dos mais importantes por xornais de diversos países -incluídos os Estados Unidos- , sacou á luz os graves crimes cometidos polas tropas estadounidenses. Os documentos do Exército admiten a morte de millares de civís afgáns a mans das forzas ocupantes desde a invasión en 2001 e a orde de asasinar aos dirixentes rebeldes para evitar a súa captura e posterior xulgamento. Mais tamén recoñece as dificultades crecentes cos que se atopan e a fortaleza e capacidade militar dos talibáns -lembremos, financiados e armados no seu día polos Estados Unidos- que contan con moderno armamento de guerra de procedencia norteamericana e gozan da complicidade dos servizos secretos de Paquistán, aliado dos Estados Unidos.

A situación é tan crítica que necesariamente  coloca de novo no debate as razóns da ocupación do Afganistán. Lonxe fican o apelo xenérico ao combate ao 'terrorismo internacional', a vontade de deter a produción de opio, ou mesmo o louvábel propósito de acabar cos discriminación das mulleres afgás e liberalas do burka, co que os propagandistas do imperio convenceron da necesidade da intervención a boa parte da progresía occidental. En relación ao primeiro, todos os analistas imparciais concordan en que a situación de violencia empeorou en toda a rexión, e que as invasións de Afganistán e Iraq non fixeron máis que alimentar o sentimento de agravio do mundo musulmán face aos Estados Unidos.  As condicións de vida da poboación afgana son ben peores que as de hai 9 anos e a produción de opio aumentou de forma espectacular, até o extremo que se calcula que o comercio ilegal de drogas alcanzou en 2009 os 4.000 millóns de dólares, o equivalente a un terzo do PIB do país. . Aliás, tampouco as condicións de vida das mulleres  melloraron. Polo contrario, o goberno de Karzai acabou por lexitimar legalmente a violencia de xénero que, segundo datos de organismos independentes, sofren 8 en cada 10 mulleres afganas.

En troca, a pesar da cansativa insistencia da mediática propagandística,  as verdadeiras razóns da ocupación fican cada vez máis evidentes e mesmo, por necesidade, acaban por ser recoñecidas publicamente. Recentemente o New York Times publicaba en destaque un artigo acerca das inmensa riquezas minerais por explotar no Afganistán. Os depósitos incluirían "enormes filóns de ferro, cobre, cobalto, ouro e metais industriais esenciais como o litio". Todo parece indicar que a publicación do artigo responde á necesidade de convencer a unha opinión pública cada vez máis desencantada coa aventura militar de que o custo desta guerra merece aínda a pena.

Porén, as motivacións que desencadearon a ocupación foron ben máis importantes. Pola súa ubicación, o Afganistán adquiriu  unha relevancia  xeoestratéxica para os intereses do imperialismo norteamericano. A invasión visaba asegurar o control da zona, protexer o oleoduto trans-afgano e directamente salvagardar os intereses da grande empresa petroleira UNOCAL, á que por certo estaba vinculado Karzai. En xogo están a explotación e o transporte das inmensas reservas de gas e petróleo que existen na contorna do Mar Caspio sen depender de Rusia ou de Irán.

Así pois, máis unha vez, o control dos recursos enerxéticos está detrás das guerras desatadas polo imperialismo, como no Iraq, como no Irán xa no punto de mira. A isto hai que engadir os intereses sempre presentes da poderosa industria militar norteamericana que cos conflitos de Afganistán e Iraq viu incrementar notoriamente o seu nivel de negocio e os lucros. De facto, o orzamento de defensa dos EUA é agora o maior da historia.

E o Estado Español? Para alén dos intereses da petroleira REPSOL, a decisión de enviar tropas adoptouna o goberno de Aznar, entusiasta escudeiro de Bush, en 2001. Agora ben, cando Zapatero gaña as eleccións estabelece unha sutil distinción entre guerra má (Iraq) da que hai que retirarse de inmediato, e guerra boa (Afganistán), onde non só hai que manterse, senón mesmo incrementar as tropas. Non se forneceron nunca argumentos xustificativos desta diferenza, como non fose que a nula simpatía que inspiraban os talibáns e o éxito da ofensiva mediática en Occidente non provocaran no seu día moito debate internacional arredor da lexitimidade da invasión.

Hoxe, disipadas xa totalmente as cortinas de fume propagandísticas,  fica evidenciada para quen queira velo non só a barbarie, a crueldade e a inutilidade desta guerra, mais tamén a ilexitimidade e ilegalidade da ocupación de Afganistán. Por iso, resulta máis inaceptábel a obcecación do goberno do PSOE de manter a presenza e aumentar as tropas, sen estabelecer sequera, a diferenza de outros países como Canadá ou Polonia, data de retirada. Polo contrario, Moratinos aseverou recentemente que o exército español permanecerá sobre o terreo "mentres sexa necesario".  Talvez Zapatero, esquecido o "non á guerra",  pense que Obama é mellor señor ao que servir e está disposto a comportarse como bo vasalo seguindo o ditado da estratexia norteamericana.

Mais non é iso o que precisa nin o que pensa a cidadanía. A presenza do exército español ten un alto custo económico, que pagamos todos, máis de 400 millóns de euros cada ano. Mais, sobre todo, un inasumíbel custo en vidas humanas: son xa 89 os soldados mortos en Afganistán, 17 deles galegos.  E está o respecto á convivencia pacífica e á soberanía dos pobos. Razóns de sobra para reclamar máis unha vez, como sempre fixo o nacionalismo galego, a retirada de Afganistán.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña