12:54 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-08-2010

Para as administracións públicas comandadas polo PP a escusa da crise é unha boa coartada que facilita o seu ataque ao tecido cultural do país

Os libros galegos arden ben

Valorar (4)

XOÁN COLAZO PAZÓ


Portada do filme "Fahrenheit 451" de François Truffaut


Nunca estivo inactivo nin demasiado oculto. Sempre tentou andar ás alancadas tripando nas nosas cabezas. O proceso comezou hai cinco séculos e tivo fluxos e refluxos. O colonialismo. O proxecto de españolizar Galiza. A nosa liquidación como pobo diferenciado.

Nós levamos séculos xa opóndonos a ese proceso. Enfrontámonos a uns imperialistas fracasados, mais teimosos. Estamos agora ante unha nova arremetida que como unha carga de profundidade vai directa ao cerne da nosa identidade. A decisión política de acelerar a desaparición do idioma galego tomouse estratexicamente e está en marcha. Estamos a combater en todas as frontes o decreto do ensino e as medidas accesorias, e logrouse cando menos poñer este problema no centro do debate da sociedade galega.

Porén hai outras batallas menos visíbeis e igual de importantes. Refírome aos actuais intentos de liquidar o libro galego e de rematar con calquera espazo de comunicación propio. Quizais o procedemento para levalos adiante sexa máis silandeiro, pero posibelmente moito máis perigoso e efectivo pola súa falla de visibilidade que pode dificultar sermos conscientes do mesmo e darlle unha resposta acaída a tempo. As consecuencias que isto pode traer serán moi graves e perdurarán a longo prazo.

Semella claro que sen galego non hai Galiza. E sen cultura galega non pode haber un futuro para o noso idioma. Existen varias vías abertas para relegar a cultura galega, a principal delas é facela inviábel economicamente. Para iso o obxectivo é destruír o tecido produtivo, a industria e proxectos empresariais que sustentan as producións culturais galegas. En definitiva, liquidar os soportes polos cales poida fluír a nosa lingua, a nosa cultura propia e a nosa identidade. O poder político da Xunta demostrou que quere levar adiante este proxecto ideolóxico a través de ducias de medidas adoptadas nese mesmo sentido. Cobran así creto declaracións do conselleiro de cultura, realizadas pola boca pequena a persoas non identificadas co nacionalismo, nas que amosaba que un dos seus labores principais é, primeiro rematar coas librarías e logo co libro galego. Como bos aliados dese poder político están a actuar certos poderes financeiros que, se nunca foron moi proclives ás nosas industrias culturais, están agora contrariados pola coherencia e insistencia do nacionalismo en democratizar as caixas. A maiores, sectores mediáticos e editoriais mesetarias, ou propios do noroeste pero tributarios do mesmo bafo nocivo, están obxectivamente interesados en facerse co negocio existente no segmento económico que hoxe ocupa a cultura galega. Se non existen libros galegos, xornais galegos, radios en galego grupos foráneos ou alleados poderán mellor vender os seus produtos igual ca os venden en Zamora, Sevilla ou Madrid. Non só de ideoloxía se alimenta a besta.

Para as administracións públicas comandadas polo PP a escusa da crise é unha boa coartada que facilita o seu ataque ao tecido cultural do país. Elimináronse as subvencións á tradución en 2009, que se triplicaran durante o noso paso pola Consellaría de Cultura. Retirouse o mínimo de dotar cun 50% de libros en galego as bibliotecas escolares. Suprimiuse o apoio ao Culturgal 2009. Desceron nun 25% as subvencións aos grandes proxectos editoriais ese mesmo ano. O sistema de empréstimos no libro de texto, cunhas axudas que só chegan agora a un terzo das familias fronte ao cento por cento do período anterior, implica tamén graves prexuízos para librarías e editoras que teñen neles un dos principais medios de ingresos. A redución xeral das subvencións ao libro galego é unha decisión moi grave que afecta ao sector. Hai que ter en conta que do valor de cada libro só uns céntimos están financiados con fondos públicos, e, a maiores, as subvencións non son tales cando a realidade é que a administración adquírelle ás editoriais libros a prezos reducidos, facéndose entrega de centos de exemplares por título. Somos quen de imaxinar que como contraprestación aos miles de euros a fondo perdido que reciben empresas doutros sectores estas tivesen que facer entregas dos seus produtos á Xunta? Citroën non dá a cambio vehículo ningún polos millóns de euros que a Xunta lle outorga en subvencións cada ano, sacando -iso si- o coche para o uso privado de Feijoo.

Por outra banda, tampouco se fan políticas de apoio indirecto á produción cultural galega, que segue estando minorizada e ocultada para o público. A invisibilidade do libro, a inexistente política de fomento da lectura, a falla de difusión e de crer nas posibilidades dos nosos produtos culturais seguen aí, e respostan á visión explicitada por Roberto Varela. Pode valer isto como contrapunto a unha cultura galega para nada subvencionada en comparación coa española, que ten todos os parabéns para recibir fondos a mans cheas e promocionarse sen taxa, algo que non se discute. Estímase que por cada euro destinado a subvencionar a língua galega hai 170 € públicos destinados ao idioma español. Outro dado: Galiza é a sétima entre as comunidades do Estado en canto ao gasto liquidado en cultura por habitante, isto é, hai outras 6 comunidades onde as administracións destinan máis fondos á cultura, e dende logo non son fondos para a cultura galega. É esta a que sobreviviu sempre, e aínda hoxe, a contracorrente.

De todos os xeitos foi sintomática a falla de reacción acaída á decisión da Deputación de Pontevedra de deixar sen efecto unilateralmente, e sen a mínima comunicación formal, o convenio que mantiña coa Asociación Galega de Editores para a merca de novidades editoriais en galego. Non tanto pola cantidade que supuña (40.000 €) ou porque se sumase á manchea de decisións lesivas para o galego, senón porque dalgún xeito se estaba a asumir o falso discurso de que a cultura galega vive de subvencións e que nesta conxuntura económica había que prescindir diso e apoiar verdadeiramente aos empresarios e á economía que tanto o precisan. E será que no ámbito de actuación desa administración -Pontevedra- non existen ducias de empresas que empregan miles de traballadores e traballadoras, entre elas as principais editoras, gráficas e distribuidoras do país? Pola contra, os 50.000 € destinados por Louzán a unhas xornadas racistas de Galicia Bilingüe deben ter moita incidencia na economía galega, supomos que nos hoteis onde se aloxaron os conferenciantes de fóra que viñeron insultarnos.

Alén da súa transcendencia para o país, temos que ter en conta que o peso na economía galega da "industria cultural" é do 2,2% do PIB, sobardando as achegas do naval, a pesca, o téxtil ou o sector químico. Estamos en valores inferiores ao Estado e á Unión Europea, pero o seu peso é significativo, sobre todo se valoramos que son 26.000 as persoas empregadas en preto de 3.400 compañías, e que os ingresos anuais xerados acadan máis de 1.500 millóns de euros. Non sería unha boa nova que a crise, que afecta á demanda de produtos culturais en primeiro lugar, arrasase este sector económico por falla dun apoio público que é o seu primeiro dinamizador.

Analisando as características deste sector en Galiza enxergamos a atomización en múltiples microempresas, unha rendibilidade económica inferior á media das empresas galegas e a existencia duns longos períodos de retorno para os investimentos. Isto derívase dos propios condicionantes da cultura, que implican que o sector sexa moi vulnerábel en épocas de crise. Dentro do mesmo óllase que o principal subsector é o eido editorial, evidentemente moi vencellado ao futuro da lingua. Polo tanto calquera ataque ao libro galego supón un ataque frontal ao galego.

De porparte, os idiomas son tamén unha fonte de riqueza para os países. Se no Estado español dise que o 15% do PIB está vencellado a ese idioma, en Portugal os estudos atribúenlle ao portugués o 17% do PIB. Podemos inferir que o galego tamén é un activo moi importante para a nosa economía, que pode contribuír ao noso benestar material en maior medida do que agora, se o coidamos e promocionamos convenientemente.

Nestes intres estamos a asistir á adopción de medidas que por decisión política pretenden dinamitar a base económica da cultura galega. Como consecuencia destes ataques estanse a producir peches de medios dixitais en galego, o cuestionamento grave de proxectos editoriais de longo alcance, e o enfraquecimento do noso tecido económico cultural. Podemos comprobalo na rede, nos andeis das librarías, nos quiosques. Se non hai soportes para realizar unha comunicación efectiva na nosa lingua estarase cuestionando gravemente o galego, e non haberá un espazo mediático e cultural nacional, propio. Só mediante o mantemento e alargamento dos nosos espazos comunicativos en galego poderemos defender con solvencia a nosa identidade colectiva, o noso país. O resto é pensamento único, uniformización.

Para Castelao, se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis ca por obra e graza do idioma; velaí por que o autor dun libro galego sempre será un patriota. E para facer patria precisamos tamén ter libros, xornais, páxinas web en galego, poder seguir escribindo, lendo e espallando a nosa cultura.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña