22:20 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-08-2010

Debemos loitar pola existencia en Galiza dunha caixa de aforros ao servizo do todo un pobo e non dun banco ao servizo dos seus accionistas

Bancaixas

Valorar (11)

RUBÉN CELA DÍAZ


José Luís Rodríguez Zapatero e Emilio Botín


O título deste artigo non pretende ser propaganda gratuíta  dunha importante caixa de aforros do levante español, senón o resumo máis cativo que se pode facer do futuro inmediato das caixas de aforro.


As caixas de aforro -até o de agora- foron entidades semi-públicas gobernadas polo tridente  institucións-traballadores-clientes.

Pouco ou nada queda da filosofía que rexeu parcialmente o funcionamento das Caixas de Aforros como entidades que prestaran servizos financeiros á clase traballadora, sen afán de lucro, que posibilitasen revestir os seus beneficios na propia cidadanía a través das súas obras sociais, que primasen o investimento produtivo no seu ámbito territorial, etc.

As Caixas de Aforro non foron nunca precisamente ONGs, pero no último tempo, a diferenza aparencial e real entre unha caixa e un banco, cada vez foi a menos, no filosófico e na práctica diaria: cobran por ter conta, por realizar case calquera transacción, practicamente as mesmas dificultades para os cretos e hipotecas,  entraron de cheo en múltiples operacións puramente especulativas e moi especialmente no negocio inmobiliario, señores que en vez dirixir e representar se cren os propietarios das Caixas, etc. Indiscutibelmente facía falta un cambio de rumbo no funcionamento das Caixas de Aforros.

Sería lóxico pensar que, neste intre, e en base ás causas que orixinaron a actual crise económica e as súas consecuencias, á hora de abordar esa reforma, se tivesen en conta criterios como a necesidade da intervención pública nos mercados financeiros, un maior control do sistema bancario, a necesidade de primar os investimentos produtivos sobre os especulativos, o favorecemento das condicións de creto ás familias, ás PEMES, etc. O papel que deberían xogar as obras sociais da Caixas máis alá de mercar suntuosos edificios para as súas sedes e a organización de festexos varios, a necesidade de democratizar o funcionamento interno das Caixas, etc. Pero non.

O PSOE co acordo tácito do PP, decidiu meterlle man ás caixas, pero en sentido contrario. Mentras a maioría da sociedade ollamos cara unha estampa sicodélica: non só se lle fai pagar a crise ao conxunto das e dos traballadores (suba do IVE, aumento idade xubilación, abaratamento do despedimento, etc.), senón  que premian a quen a provocou, pondo en bandexa  ao capital español e do resto do planeta -e a prezo de saldo- ás Caixas de Aforro, iso si, previamente fusionadas e saneadas con cartos públicos. Non é un agasallo pequeno precisamente: as Caixas representan a metade do mercado financeiro do estado. A metade que até agora non copaban os bancos. Para entendernos, un auténtico chollo: primeiro sanean as caixas con cartos públicos, o FROB adicou 11.200 millóns de euros á restruturación das caixas (o que equivale a todo o orzamento da Xunta de Galiza...). O botín (nunca mellor dito) non está nada mal, chegando algunhas estimacións a cifrar o valor do que se pretende privatizar nuns 100.000 millóns de euros no estado español, algo así como o 10% da riqueza total do estado.

Os pasos fundamentais están dados: rachar as trabas burocrático-xurídicas e a creación dun estado de opinión favorábel a tal reforma.

- O primeiro dos pasos está acadado coa convalidación do Real Decreto-Lei 1/2010 do 9 de xullo que modifica o funcionamento das caixas de aforro. Paso bendicido polos que realmente mandan e que contou co total rexeitamento do Bloque Nacionalista Galego. A partires de agora, entre outras cousas, as Caixas poden emitir "cuotas participativas con dereitos políticos" até un 60% do valor da Caixa. É dicir, accións puras e duras como as de calquera empresa do IBEX-35, e como en calquera desas empresas, as e os accionistas estarán representados na proporción das súas accións nos organismos de dirección. Por se isto non fose de abondo, hai un plan B: as Caixas poden crear un banco e vendelo, quedándose elas coa parte das accións e a obra social, converténdose nunhas fundacións que manterían a obra social cos dividendos que desen as accións do novo banco.

- O segundo dos pasos mediante unha campaña mediática na que coinciden os opinadores oficiais do PP e do PSOE que consigue presentar esta privatización non só como positiva, senón tamén como  algo inevitábel. Transmítese que as caixas están agora desastrosamente xestionadas a pesares de que nada indica que están mellor xestionados os bancos (non fai falta remontarse a Banesto para manter esta afirmación senón que se pode obxectivizar mesmamente cos datos do tan manido estrés-test). Ademais afúndase na criminalización da política mediante a prohibición expresa aos cargos públicos electos de formar parte dos órgaos de goberno das Caixas baixo unha aparencia de "profesionalización da xestión" que o que cuestiona no fundo non a presenza "partidaria" senón a presenza "pública".

Moitos galegos e galegas vimos de dar unha importante batalla para poder manter unha Caixa de Aforros ao servizo Galiza. Por desgraza, non rematamos unha, para térmonos que voltar a pór a fronte doutra: a existencia en Galiza dunha caixa de aforros ao servizo do todo un pobo e non dun banco ao servizo dos seus accionistas.


[05-08-2010 22:36] Xosé Ares González comentou:

O que eu saco en limpo, é o pouco ou nulo poder político que ten un goberno autonómico fronte ao Centralismo, como é posible que costase tanto sacar adiante unha lei de caixas en Galiza e pola contra que fose tan doado deixala sen operatividade tras a aprobación do Real Decreto-Lei 1/2010 do 9 de xullo que aprobou o goberno español?

Hai que ver... uns esforzándose para que o poder resida no parlamento = pobo, mentres outros tentan entregarlle aos bancos o mellor negocio do século chave en man e de balde.

[05-08-2010 11:36] Xaquín Castro comentou:

O PSOE estase a lucir tomando medidas que nin o mesmísimo Aznar foi quen de tomar. Deixémonos de lerias: privatizar as Caixas de Aforro e facer desaparecer as Caixas de Aforro. En poucos anos, todo en mans do BCSH, BBVA, La Caixa e Caja Madrid... todos eles cunha grande preocupación polos proxectos produtivos no noso país :)

Non concordo co autor do artigo no tema de parecerlle negativo que non poidán estar nos consellos de administración das caixas políticos electos. Para min foi vergoñento ver durante as negociacións da fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova, a un señor como Moreda pontificando sobre o que había ou non que facer coas caixas galegas... iso si, non sabías moi ben se o fai en calidade de presidente da Deputación da Coruña, de Vicepresidente de caixa Galicia, de presidente provincial do PSOE ou do seu bolsillo. Así mellor, aínda que na práctica non valga para nada pois, Rato non é cargo electo, máis non creo que sexa presidente de Caja Madrid nin pola súa cara bonita nin polo seu perfil apolítico nin apartidario.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña