"É mais fácil impor as 10 ou 12 horas de trabalho aos operários da indústria automóvel, se eles nâo souberem, se se lhes apagar a memória dos rios de sangue que correram para a classe operária europeia conquistar a jornada das 8 horas de trabalho".
Fernando Rosas
Este parágrafo, escrito por un dos historiadores portugueses máis recoñecidos e comprometidos arestora cos sectores populares, é dabondo ilustrativo verbo da importancia de recuperar a "memoria dos oprimidos", quer como dique contra regresións político-sociais propiciadas pola presente etapa neoliberal do capitalismo, quer como xermolo dun mundo mellor.
Polo contrario, a desmemoria das capas desposuídas verbo do seu propio percurso, só beneficia aos detentores do poder económico e político. Porque, segundo o propio Rosas, "... as tarefas da Memória sâo obviamente indissociáveis da sociedade que queremos como presente e futuro". Sen memoria, sen a "súa" memoria, as capas populares está abocadas a non xogar un papel determinante quer na sociedade actual, quer na sociedade futura.
Mais, en calquera dos episodios da historia das sociedades transitan distintas memorias; como afirma Rosas: "nâo há memórias objectivamente puras, há memórias que conflituam, que se tentam anular, em última análise, quer se queira ou nâo, que tomam partido...".
Permítaseme un exemplo vencellado ao mundo do mar, obxecto dos meus últimos traballos, utilizando o espléndido limiar que o actual director do Museu Marítimo de Ílhavo, Álvaro Garrido, fixo para a reedición crítica do "texto e do contexto" da coñecida obra de Alan Villiers "A campanha do Argus. Uma viagem na pesca do bacalhau" referida á "grande pesca" ou "faina maior" nos bancos de Terranova e Groenlandia. No referido limiar, Garrido, con elegante perspicacia, pon enriba da mesa a apropiación da memoria colectiva da pesca do bacallao polo Estado Novo salazarista en consonancia coas grandes compañías armadoras e cos capitáns dos lugres a vela, mudando represión por epopeía e pescadores explotados, suxos e famentos por navegantes intrépidos, a imaxe e semellanza dos descubridores oceánicos. Pois ben, logo do 25 de Abril de 1974 esfarelada xa a Ditadura de Salazar, a memoria colectiva da pesca do bacallao continúa hexemonizada e mediatizada polo persistente influxo social dos herdeiros daquela grande patronal e polo abraiante prestixio que acadaron os todopoderosos capitáns de altura. Deste xeito, aínda hoxe é ben raro atopar testemuños confrontados ás liturxias nostálxicas que inhiben de maneira consciente a visión crítica, procedentes dos solitarios e indefensos tripulantes dos "doris" ou dos mariñeiros debruzados día e noite no convés dos lugres.
Segundo a nosa maneira de ver, algo parecido debeu acontecer na nosa beiramar, evidenciándose arestora as dificultades para conformar e transmitir unha memoria na que a descarnada dureza da conflitiva desigualdade cotiá, exerza de contrapunto ás visións tinxidas de saudosa e esforzada harmonía. O caso de Vigo-Bouzas, seméllanos exemplar, co agravante da durísima represión que deberon sufrir os sindicatos mariñeiros de clase logo de xullo de 1936, evidenciada na vintena de cadros do "Sindicato de Industrias Pesquras Mar y Tierra" (CNT) asasinados.
Seguindo sempre cos exemplos do mundo do mar, pero que podemos facer extensivos ao conxunto das clases traballadoras do noso país, a memoria colectiva dos "vencidos" ou dos "oprimidos", como se queira, esvaeceuse case que por completo mercé á sanguenta e "memoricida" Ditadura xurdida tras o golpe militar, substituída en boa medida pola memoria xestionada e mediatizada pola Patronal e outras elites conservadoras operativas nas poboacións do litoral; memoria dos "vencedores" que non tivo ningún problema en se transmitir durante o réxime franquista. Pero iso non xustifica que as numerosas experiencias de traballo e loita en común desenvolvidas ao longo do tempo, non formen parte do patrimonio, do "imaxinario colectivo", dos traballadores e traballadoras do mar. Máis aínda, se acreditamos nos escritos de Walter Benjamin, aos historiadores e historiadoras, ás entidades que forman parte do movemento de recuperación da "memoria dos vencidos" en Galicia e ás actuais organizacións mariñeiras, compete recuperar a memoria esnaquizada e ciscada nas ruínas que o devalar da colectividade piscatoria (en sentido amplo) vai deixando. E aquí permítaseme un breve relanzo: como nos alerta a artista e investigadora galega María Ruído, compre non caer no erro de uniformizar a memoria dos "oprimidos", que tamén é diversa, coma acontece, por exemplo, coa da militancia da CNT versus da do PCE.
Compre, pois, recuperar os anacos da memoria dos "oprimidos" para retornalos aos seus herdeiros e a toda a cidadanía, como acto de xustiza e tamén como modesta semente de futuro: porque, seguindo máis unha vez a Benjamin "o pasado dos perseguidos e dos excluídos debe ser recuperado, porque nada do que aconteceu é un asunto cancelado" e moito menos a loita de clases, como demostraron con orgullo hai pouco os traballadores e traballadoras do metal da provincia de Pontevedra. De feito, os mesmos pescadores desesperanzados que se viron xenialmente retratados por Castelao en "Cousas" nos anos vinte do século pasado, aos poucos foron quen de encetar unha xeira asociativa sen comparanza, daquela, no resto dos espazos costeiros do Estado español.
En consecuencia, xa é tempo de que os "vencidos", os "oprimidos", recuperen o fío da súa memoria, con vistas a posibilitar un debate plural entre os distintos procesos memoriais e as súas respectivas representacións simbólicas verbo dos traballos, das confrontacións e das traxedias acontecidas no devalar da nosa nación.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.