21:18 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2010

Tivemos esa sensación tan necesaria de autoestima e de recoñecemento do moito valor cultural e artístico que temos, da nosa capacidade creativa

Espírito rosaliano: capacidade e fermosura de Galiza

Valorar (24)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Actuación de Sonia Lebedynski. Panteón de Galegos Ilustres. 15 de xullo de 2010

A Lucía Carreira, tan eficaz
A Pilar García Negro, tan oportuna


Caía un orballo impenitente ao saírmos de Bonaval. Bulimos cara a estación dos camiños de ferro, após participarmos no acto reivindicativo do 15 de xullo, convocado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, de volta para casa. Ao baixarmos as escaleiras desde o Hórreo, escoitei un xubiloso e orixinal canto de gozo triunfal, mesturado con sonoras palabras de xúbilo. Era a voz de Francisco García, o noso compañeiro, alcalde de Allariz, en compaña doutros amigos ourensáns. Expresaba o entusiasmo e a emoción que, de forma peculiar cada un, sentimos no transcurso dos actos, e de forma senlleira na eclosión final, de tanta fermosura. Era a  pegada que deixaron en nós. Viñamos de mamar vida, alegría e confianza, algo de valor por si mesmo, non sometido nin condicionado pola maior ou menor transcendencia mediática do evento, como se encargou de me indicar o bo alaricán. Tivemos esa sensación tan necesaria de autoestima e de recoñecemento do moito valor cultural e artístico que temos, da nosa capacidade creativa.

Non vou subliñar o valor superior, a vixencia actual, da obra de Rosalía de Castro. Comprobamos a forza de atracción da súa clareza e misterio a través do recitado, por escritores e escritoras galegas, dalgúns dos seus poemas nas distintas prazas públicas que percorremos -Toral, Universidade, Cervantes- , tamén en Bonaval. Porén, voume referir a quen, sustentándose na obra rosaliana nesta ocasión, ofreceu proba da súa arte: Uxía Senlle, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Sonia Lebedynski e Xabier Díaz...Que capacidade, que potencialidade, que voces, que mestría, pero que falta de espallamento social e de adecuado recoñecemento públicos!!! Il non sería bo que falásedes máis entre vós? Non cómpre, de forma urxente, neste campo, un asociacionismo reivindicativo, para facer valer o resultado dos vosos esforzos, que tanto necesitamos?

O Coro da Asociación Cultural Solfa, de Santiago, mostrou o poder da organización popular ao servizo da nosa lingua e da nosa tradición musical. Xusto o que non se adoita facer nos coros, normalmente pasto do mimetismo e da  españolización. Vimos como o conxunto coral era dirixido por unha moza duns vinte anos -camiseta branca, calzóns negros, esquinada  margarida nos seus cabelos mouros. Cando virou para corresponder  os aplausos dos asistentes, após escoitarmos Campanas de Bastabales, comprobamos que era a sorprendente soprano que, había menos dunha hora, con indumentaria máis solemne, tiña cantado de marabilla o Pietat Signore de Stradella na Praza da Universidade, acompañada da pianista Paula Gago. O seu nome artístico, ben evocador: Esperanza Mara. Xustamente o elo entre o popular e o culto, o símbolo dunha poderosa fusión creativa, como no caso de Rosalía. Que tesouro!  Canto sacrificio, desde a base, sen alentar nen protexer debidamente !!

Resulta milagrosa a canteira  musical  galega, tan  ao pairo. A mesma que se manifestou, con tanta dignidade, pericia técnica e criterio propio, na Banda da Escola de Música de Rianxo. Escoitando a súa versión  do Ángelus de Massenet, ficamos enlevados coa sensación de felicidade, redimidos polo sensorialismo máis emotivo e vital. Comprendemos que sabio foi quen en 1891 decidiu que os restos de Rosalía fosen recibidos en Bonaval con esta peza sinfónica. Vigorosa, fresca, directa e incitadora foi a versión do Himno Galego con que nos agasallou tamén esta Banda de Rianxo. Imposíbel non acompañala coas nosas voces tan enérxicas que -  malpocados!!!- nalgúns de nós pretendían mesmo acadar a categoría das dun tenor.  A ocasión non era para menos. Tiñamos que intentar pornos á altura do que escoitabamos.

O nacionalismo galego faría ben en, dentro das súas forzas, pero en todos os ámbitos  e  sen complexos, reforzar a súa defensa  desta canteira musical, popular e galega. A indiferenza e menosprezo practicadas normalmente pola autoridade dominante e hexemónica non poden seguir contaminando a nosa actitude de facto, como tampouco inxectando no pobo galego desprezo por el mesmo. Nun país normal, a explosión de arte e de comunidade de sentimentos no recoñecemento do noso esforzo colectivo que vivimos en Bonaval, lembrando a Rosalía e esixindo a apertura do Panteón de Galegos Ilustres, merecerían a retransmisión, nun horario de máxima audiencia, pola Radio e pola Televisión públicas, e un impacto nas privadas e nos xornais que non tivo. Saben mellor do que nós canta importancia teñen os símbolos para un país.  Para eles Galiza non debe ser máis que unha provincia de España, para o que hai que inocularlle unha burda deformación do seu espírito e do seu carácter que pasa pola adoración paifoca de todo o foráneo e polo desprezo e a ignorancia sobre o que é noso.

En Bonaval, o día 15 de xullo,  o espírito rosaliano de dignidade e de capacidade, de fermosura e felicidade para Galiza,  reanimounos a  través da súa manifestación viva actual: o esforzo de moitos sectores populares, contra vento e marea, tamén no campo artístico, por seguirmos existindo. De non terdes estado presentes, prégovos que procuredes unha gravación na rede. Paga a pena. Permítaseme, para rematar, expresar os meus parabéns e agradecementos a todos os grupos de gaiteiros e cantareiras - Pandeireiteiras de Bouba- que nos acompañaron, coa súa música e a súa voz, desde Adina a Bonaval, eles e elas tamén espírito rosaliano vivo.


[24-07-2010 13:55] Salgado comentou:

Non vou a louvar o artigo de Paco Rodriguez, fala so.Agora ben, si que debemos facer un esforzo mais e apoiar os nosos poetas, musicos, magos, dramaturgos,traballadores da Cultura, etc. boa falla nos fai un rearme ideoloxico, unha boa organizacion e que retomemos o Liderazgo Cultural, que nunca debimos perder, Motivarnos por unha posta o dia con metodos novos e con innovacion nos mesaxes e abrindo novos canles de difusion . Que tal si revitalizamos o Frente Cultural, que tan fructiferos froitos deu polos anos 70?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña