14:17 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2010

Cada día Galiza é máis dependente alimentariamente; precisamos dunha importación de alimentos básicos para os que dispomos de potencial produtivo

Unha reforma da PAC que nos deixa sen alimentos

Valorar (5)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ



Novamente estase a debater no seo da Unión, un cambio nas políticas agrarias, outra nova reforma da PAC (Política Agraria Común), pero outra vez máis sigue sen se cuestionar o modelo. Seguimos pois con contra-reformas que afianzan máis os intereses da agro-industria e os do capital.

As axudas á produción establecidas para compensar a caída dos prezos en orixe (nas explotacións) sempre foron cuestionadas, dado que na realidade nunca solucionaron o problema polo que foron creadas, xa que as constantes baixadas nos prezos en orixe foron máis acentuadas que as axudas establecidas pois estas están continxentadas (limitadas), este é o primeiro gran fracaso da PAC.

O que si esta claro, e que todas as medidas tomadas na política agraria europea, e asumida polos gobernos dos seus Estados, provocou unha selvaxe reconversión nas explotacións, problema que aínda seguimos padecendo. Na Galiza desaparecen arredor de cinco mil explotacións por ano, o que está a provocar unha desertización no noso rural, e o que é mais grave, cada día Galiza é máis dependente alimentariamente; precisamos dunha importación de alimentos básicos para os que dispomos de potencial produtivo.

Dende a primeira PAC (década de 1980) até hoxe, fixéronse varias reformas que foron desnaturalizando os primeiros obxectivos. Ao principio o montante económico estaba dirixido a medidas de mercado e a exportación dos produtos (ao 50%), logo veu una primeira reforma, (ano 1990) onde se incorporan as subvencións ao desenvolvemento do rural, que practicamente non está relacionada directamente coa produción de alimentos. A terceira (ano 2000) incorporanse os pagos directos as explotacións e supón caseque o 50% do orzamento destinado para a agricultura na Unión Europea. Aquí esta un dos grandes problemas xa que o 80% das axudas van destinadas tan só ao 20% das explotacións, que son dun modelo produtivista intensivo, e tamén están neste lote "explotacións" de persoeiros como a Duquesa de Alba, Mario Conde e a mesmísima raíña Elisabet de Inglaterra, xentes que teñen grandes propiedades e meten nelas grandes rabaños de gando co único fin de lucrarse do erario público, co beneplácito dos nosos gobernantes. Neste caso a produción de alimentos non importa.

A última reforma no 2008 é a pinga que fixo verter a auga do vaso, xa que desacoplan (o 60%) as axudas da produción, ou sexa percíbense cartos destinados a agricultura sen necesidade de ter produción agrícola (é dicir, con ter os terreos en estado produtivo, pero sen producir xa é suficiente para percibir a subvención); o absurdo da burremia ou, máis ben, roubar diñeiro público queda legalizado.

Por estas razón é preciso un cambio na PAC. O primeiro que hai que argumentar é a necesidade de protección por parte dos gobernos da agricultura, partindo sempre da base que o fin é producir alimentos. Tamén temos que deixar moi claro que as axudas teñen que ser para os/as labregos/as ou sexa para as persoas que vivan da agricultura, non para os simples propietarios/as da terra. Por último temos que expor aos nosos gobernantes que no reparto económico debe de primar o seu carácter social non o produtivista, acaso é máis importante dende o punto de vista social, paisaxístico e ecolóxico unha explotación de viño nos canóns do Sil ou unha da Mancha?.

Diante desta situación é necesario a organización dos/as labregos/as para defender novas políticas acordes coas necesidades da nosa Nación e na defensa dos nosos postos de traballo, e temos aí a vista a primeira mobilización de folga xeral en setembro, onde teremos que introducir no debate a importancia da soberanía alimentar, así como o combater o liberalismo para o campo deixando a produción alimentar aos países ricos e as multinacionais da alimentación, os cales producirán alimentos con agrotóxicos e man de obra barata de xentes do sul.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña