04:27 Domingo, 26 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2010

Desde apelacións a supostas obrigas que como mozas feministas deberiamos asumirmos, até o cuestionamento das conquistas históricas máis esenciais deste movemento

Os infinitos discursos do "Falso Feminismo"

Valorar (28)

ALBA MARÍA FEIXÓO LÓPEZ



Por se non foren suficientes os máis burdos desafíos frontais ao sentido e contido da loita feminista: estes da belixerancia, da negación máis chea de zunia ou cecais de medo, os máis próximos á misoxinia propriamente dita, as mulleres vivimos -non sei se como fenómeno de nova xeración ou se xa se coñecen prácticas antergas -outro tipo de cuestionamentos e interpelacións constantes; unhas veces dun xénero tal vez máis light, e outras dunha perspectiva supostamente acorde co feminismo ou cando menos “permisiva” co mesmo.


Voume referir, xa que logo, en primeiro lugar e sen pretensión de facer unha gradación exhaustiva por razón de gravidade, á experiencia non pouco común de que algúns homes (para maior satisfacción nosa) nun ton pseudo-cordial, se dirixan a nós, para nos preguntaren como é que a día de hoxe seguimos a nos declarar feminista, como se dalgunha sorte de anacronismo cavernícola se tratar. A conversa, adoita culminar en formulacións do estilo de: “Se tanta igualdade queredes, como é que non hai un ‘Día Iinternacional da Non Violecia contra os Homes’?”. Na miña experiencia particular entendín, depois de ter mantido a calma e feito abondosos esforzos pedagóxicos, que a inequívoca contestación era: “cando morrades uns oitenta homes ao ano no Estado a mans de mulleres, en moitas ocasións a mans das vosas parellas (cousa que ogallá non aconteza), estarei encantada en promover o recoñecemento dunha vosa data”.


Outro suposto, tanto ou máis indignante por máis incomprensíbel, está no cuestionamente da autoorganización das mozas na loita pola igualdade. E digo tanto ou máis indignante por se tratar decote, de persoas que si se din comprometidas coa causa, e das que se presupón unha mínima formación ou, cando menos, unha sa intuición na materia.


A teoría e a praxe da autoorganización feminista, foi un feito incustionábel no impagábel contributo das feministas do marxismo, en tan renomeadas figuras como a de Alexandra Kollontai, activa partícipe na Revolución de Outubro e posterior membro do goberno soviético, en aplicación estas, do principio de autoorganización que o marxismo propón para os colectivos oprimidos. Mais a autoorganización, xa levaba tempo a se practicar noutras formulacións feministas anteriores e desde logo, constituíu un principio incuestionábel para as feministas da modernidade. O paso ao feminismo denominado moderno, márcao a sempre actual existencialista Simone de Beauvoir, coa súa obra crucial O Segundo Sexo, quen entre finais dos anos sesenta e principios dos setenta, consolidado o feminismo radical e o feminismo da igualdade, avogou xunto coas feministas norteamericanas da época, por un feminismo autoorganizado, ficando os residuais debates que o cuestionaban, totalmente superados.


Un terceiro debate, conectado en certo modo co anterior, ten a ver con se os mozos poden ou non poden denominárense feministas. Entendo esta cuestión en principio ben doada. Desde o momento en que temos ben presente cal é o significado do conceito, como movemento que defende unha cultura de igualdade entre homes e mulleres, e de oposición á discriminación na que as mulleres nos atopamos, dedúcese que certamente que todas as persoas poden (deben!) seren feministas; mulleres e homes. Subscítase esta aparente antinomia, principalmente entre mozos que asumen absolutamente que o colectivo lexitimado para escollermos unha nosa táctica de loita e así, decidirmos como combatirmos o patriarcalismo que obxectiva e experiencialmente vivimos, somos as mulleres; mais confunden autoorganización con feminismo e, xa que logo, un principio non só táctico senón estratéxico, coa ideoloxía mesma. Isto así, non existe unha sorte de “terra de ninguén”: ou se está pola igualdade, ou se está polo patriarcado.


Gustaría desta vez, de facer só un último apunte relativo a estes paradoxais debates. Agora, no que atinxe ás obrigas estéticas, éticas, hixiénicas, amatorias, sexuais, reprodutivas e vitais en xeral, que supostamente nos atinxen ás feministas. Máis certamente, aos concretos perfís que unha feminista ten que adoptar para poder ser recoñecida (e validada) socialmente como tal. Adoitamos escoitar: “Non é que as feministas non vos maquillades, ou que vos maquillades moito, ou que non vos depilades, ou que tendes unha máis que prolífica vida sexual, ou que non vos deitades con rapaces, ou que vestides moi ‘masculinas’, ou que levades tremendos escotes...?” Ben; a resposta é que todoe nada disto é certo. Mais quizais, este tipo de debates non poden pretenderse satisfactoriamente focados no conxunto da sociedade, cando sobreviven, inda que xa máis anecdoticamente, focaxes ben pouco atinadas entre mulleres autodenominadas feministas.


Sen vontade ningunha en me erixir en iconoclasta (xa que si entendo que hai símbolos que nos identifican e que representan vitorias concretas sobre o patriarcado, así como outros que significan todo o contrario) para calificarmos un estilo, perfil, conduta... como proprios dunha muller liberada, cumpriría moito máis que unha primeira ollada.
Porén, a chave estaría na toma de consciencia da incontrovertíbel existencia duns roles de xénero, que adscriben de xeito coactivo ao noso sexo unha serie de características como se por natura nos correspondesen. Partíndomos así de que como colectivo alienado, a presión social afecta, e nunca dun xeito aséptico nin neutral, senón cunha finalidade prosistémica e patriarcalista a todas as nosas “escollas” e “gustos”, é así que poderemos, desde ese coñecemento, avanzarmos cando menos no plano desas nosas eleicións persoais, e afirmamos que son verdadeiramente elixidas; libremente escollidas.


O que é fundamental deixar claro, é que unha especie de autoimposición dunha serie predefinida de normas mesmo puramente estéticas, é precisamente antitética ao mesmo sentido da liberación das mulleres e, xa que logo, antitética ao feminismo. É preciso liberármonos dos corsés, non substituírmos uns por outros e inda menos, facelo por puro afán diferencialista fronte aos “modelos oficiais femininos”... mais indubidabelmente, isto quer de maior reflexión e afondamento. Fique isto así polo de agora.



[26-10-2011 23:28] Bautista comentou:

Unha bagaxe inigualábel polo femenismo e todos os recunchos da zunia do patriarcado. Inapelábel contributo á formazón dunha Galiza Ceibe e Soberana, querida compañeira.

[26-02-2010 ] eu e non yo comentou:

Excelente artigo compañeira!

Sempre feministas!
Un biquiño!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña