12:27 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2010

A última Reforma Laboral pon de manifesto o espectacular engano que a sociedade estivo a sufrir nos derradeiros co chamado diálogo social

O diálogo Social como narcótico sindical

Valorar (8)

XOSÉ FERREIRO FERNÁNDEZ



Levamos trinta anos de conversas fluídas do sindicalismo estatal co goberno e a patronal, conversas onde se trataron todo tipo de temas e cun resultado sempre na mesma dirección. Ano tras ano, acordo tras acordo, sempre se rematou coa mesma posición, que non foi outra que ir sacándolle dereitos aos traballadores e traballadoras, retroceder nas conquistas sociais e aumento do poder dos empresarios e do capital.

Por moito exercicio de memoria que fagamos, non se nos pode ocorrer ningún caso no que despois de producirse conversas entre os chamados axentes sociais saíra algunha cuestión favorábel aos intereses da Clase Traballadora. Sempre, de xeito sistemático, saen desas mesas cuestións que supoñen un retroceso, retroceso que se produce independentemente da época na que nos atopemos, sexa esta de teórica bonanza económica ou de crise económica como a actual. O resultado convértese nunha constante: capital gaña, clase traballadora perde.

A voracidade do capital non ten límites. Por pura definición a súa misión e acumular riqueza a conta do conxunto da sociedade, sen importarlles os métodos que usen, ou as consecuencias dos seus actos. Non lles importa se millóns de persoas morren de fame ou viven en condicións precarias, non lles preocupa arrasar o planeta ou provocar guerras se con elo conseguen seguir a incrementar os seus beneficios e consolidar a súa posición de poder.

Foi unha "ilusión" pensar que se podía negociar de igual a igual con eles. Converteuse nunha inxenuidade crer que acercándose ao mundo burgués se ían conseguir avances en dereitos ou en cesións políticas. Foi un erro radical ter a esperanza de que algunha vez este tipo de persoeiros podían acercarse ás nosas posicións.

Temos que mentalizarnos que o capital tan só estará connosco se lle interesa. Tan só se achegará se con elo consegue incrementar o seu poder e que, no caso de facelo, tan só permanecerá ao noso carón mentres lle interese, estando con moi boa cara pero sempre a conspirar para destruírnos e que volvan os de sempre e así manter a súa situación de poder.

Antes ou despois o conxunto da Clase Traballadora, e polo tanto o sindicalismo real e a esquerda en xeral, ten que entender que o capital non fai concesións. Cando se sentan nunha mesa a facer o que eles chaman negociar, nunca van regalar nada. Tan só van conceder aquilo que lles poida aportar máis beneficios e tan só cederán o que se lles poida gañar pola forza.

Se os empresarios, o capital ou o poder establecido fan algunha cesión sempre é debido a que están en debilidade. Temos que ser conscientes de que o capital ten unha caixa rexistradora por corazón e que nunca van facer concesións por moi xustas que estas poidan parecer ou por moi  positivas que poidan ser para o país. Non, tan só cederán se se ven obrigados a facelo.

É unha confrontación de intereses irreconciliábel. Para que o capital gañe, obrigatoriamente a Clase Traballadora ten que perder. Exemplo claro disto é o acontecido no ano 2009, onde a pesar da intensa crise que estamos a sufrir a banca e as empresas do IBEX 35 repartiron beneficios por valor de máis de 60.000 millóns de euros. Mentres tanto vivimos unha situación de precarización da man de obra, rebaixa de salarios, conxelacións de pensión e recorte masivo de servizos públicos. Os cartos está aí, tan só cambian de man pero nunca desaparecen.

As conquistas sociais que se fixeron ata os anos oitenta foron arrincadas ao capital con moito traballo e sacrificio, nunha época histórica onde existía un contrapoder no mundo, un contrapoder que estendía as súas ramificacións aos países occidentais e existía a posibilidade real pola que no caso de que apretaran demasiado a corda sobre os traballadores e traballadoras xurdiran forzas políticas e sociais que realmente puidera asumir o poder e derrubarlles o seu sistema. Ante esta situación, por medo a que isto ocorrera, producíronse este tipo de concesións sociais.

Despois da caída do socialismo do leste e a conseguinte desorientación da esquerda occidental, o capital perdeu ese medo e pouco a pouco puxéronse a traballar no obxectivo de recuperar todas esas concesión que se viron obrigado a facer durante as décadas anteriores.

O mecanismo utilizado para esta operación foi claro. Nunha situación coa esquerda debilitada e incluso nalgúns casos desaparecida, institucionalizar aos sindicatos e convencelos de que podían ser partícipes da política social e laboral foi unha estratexia que lles está a funcionar perfectamente. Probablemente, nun principio, é posíbel que o sindicalismo español entrara nesta dinámica coa mellor intención, non hai por que negalo. Pero agora, pasados os anos, atópanse devorados por este tipo de estratexias o das cales non queren nin poden saír.

Teñen organizacións totalmente dependentes do sistema e vense obrigados, queiran ou non, aceptar todas e cada unha das medidas que lles poñen enriba da mesa. Incluso, cando se trata de temas tan salvaxes como os últimos recortes económicos ou a Reforma Laboral, a súa oposición parece perfectamente pactada co poder para permitir a implantación das medidas e ao mesmo tempo poder facer o paripé ante as súas bases para intentar subsistir como organizacións sindicais.

Resulta evidente que esta política de pacto social corrompeu as raíces do propio sindicalismo estatal ata o punto neste momento corre serio risco de desaparecer tal e como se coñecía. Dende ese punto de vista enténdense as críticas que o sindicalismo nacionalista leva sufrido pola súa política de oposición a este tipo de diálogo social ou á súa estratexia de fuxir do sindicalismo subvencionado. Agora vese o acerto das decisións tomadas no seu momento e ponnos en situación de enfrontarnos coa cabeza alta e con forza moral ante os traballadores e traballadoras nesta situación de excepción para a Clase Traballadora que estamos a vivir.

O futuro: unha esquerda nacional que represente unha alternativa real e forte.

Ante esta situación, agora máis que nunca temos que facer un esforzo para facerlle fronte a esta situación. No plano sindical estase a traballar na liña correcta dende o sindicalismo nacionalista, pero necesítase máis.

Está claro que no noso país existe unha forza política de esquerdas que é capaz de facerlle fronte ao sistema. O traballo para fortalecer este forza, facela que manteña a súa liña reivindicativa, nacionalista e de esquerdas e co seu traballo orientado cara os movementos sociais e a Clase Traballadora é fundamental ata convertela nunha alternativa real de poder. A CIG demostrou nestes últimos anos que se pode manter unha posición firme, de enfrontamento ao sistema e, ao mesmo tempo, seguir avanzando e facéndose máis forte cada día.

No momento que capital perciba que realmente existe este risco para eles, entón verase como cambia a súa política e en calquera dos casos, acadando o poder ou non, de seguro que o noso país sairá gañando con claridade desa situación. Dende logo, non é imprescindíbel ter poder institucional para avanzar cara a transformación do país ou para ter poder real, que a fin de contas é o que importa para acadar os nosos obxectivos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña