16:15 Sabado, 26 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2022

Galiza non foi, nen é allea a este contexto mundial globalista e imperialista unipolar

Un desenvolvemento sostíbel na Galiza

Valorar (14)

FRANCISCO GRAÑA



Para ninguén é un secreto que na actualidade o Occidente e Europa en oparticular, padecen unha escaseza de recursos naturaís necesarios para as súas industrias e a satisfaciòn das necesidades básicas das  poboacións. Ata o presente, estas foron cubertas con  relativa  fartura cunha explotación  irracional dos seus recursos xunto cos das colonias, semicolonias e os seus países sometidos e ocupados , amais do mero saqueo dos seus produtos coloniais que en moitos casos converteron en un ermo os seus territorios.

O Occidente capitalista, polo tanto,é o culpábel da crise estrutural e ecolóxica causada polo  espolio do capitalismo, mesmo que o cuestiona coma unha formación económica máis, pois en pouco tempo, 400 anos, arruinou a inmensa maioría da humanidade só en favor dun puñado de magnates privados, na que coñécese coma un brutal proceso forzoso de individualización, coa ruptura dos vínculos orixinarios naturaís e sociaís dunha gran parte dos pobos do mundo. Un moi curto periodo da Historia, que máis ben pode calificarse, coma un gran saqueo, e que ao presente  ainda prosegue. Mais para deseperación da súa favorecida élite a crise terminal do capitalismo imperialista unipolar, xa parece irreversíbel por moito que se disfrace de democrecia e liberdade   constitúe un vulgar roubo aos pobos do mundo.
           
Galiza non foi, nen é allea a este contexto mundial globalista e imperialista unipolar. A forte inxerencia do Capital globalista, cicais foi máis aguda nas últimas etapas do franquismo cun nacionalismo galego feble, o que facilitou a chegada do nefasto Réxime do 78 apoiado por unha esquerda españolista maioritaria, xa sen Franco por defunción, e corenta anos máis de brutal opresión españolista, ata hoxe. O asoballamento do españolismo mantense a pesar da contestación do nacionalismo galego, en ascenso na sociedade galega.
           
Mentres tanto coa crise estrutural e ambiental do capitalismo emerxe con certa forza e a nivel global unha ideoloxia ecoloxista e conservacionista, que a pesar dos negacionistas, a crise ambiental é cada vez máis visibel  obrigando aos poderes internacionaís próximos ao Globalismo a elaborar unha Axenda 2030 para combatela, que promove o consumo responsábel e avanzar nunha economia circular, coa progresiva substitución do uso dos recursos fósiles e minerais limitados, polos verdes renovábels para a produción de enerxia limpa.
           
Isto nos leva a unha reflexión e conclusión, de que se queda no mundo  algún pais ou lugar axeitado para desenvolver con plenitude unha axenda ambiental coma 2030; ese Pais é sen dúbida Galiza, co a indispensábel condición de que sexa axeitada co desenvolmeneto do Pais e a súa xente. Porén, hoxe pola razón anterior lonxe de ser unha vantaxe, é a nosa ruína de novo, coma sempre.
           
Galiza é un Pais rico, ideal para que sexa o modelo de pais verde ecolóxico  que promove  a Axencia 2030, pois está inzado de recursos naturais biolóxicos e enerxia verde, que lle permite  o mantemento de toda a súa poboación que nela reside nunhas condicións de abundancia e de vida inmellorábel, en desenrolo constante e sen exclusións. No seu tempo así o percibeu Castelao, enunciando as tres fontes da riqueza galega; a vaca, o peixe e o árbore. Todos eles recursos naturaís biolóxicos renovábeis, aos que hai que engadir no noso Pais a produción de enerxia verde a varrer procedente das correntes fluviaís, o vento, a biomasa....e moitas máis.
           
Porén, Galiza a vez é un Pais pobre, moi pobre....con elevadas taxas de emigración, o que provoca curtos intervalos de estoupidos sociaís e políticos, onde emerxen as ansias galegas de emancipación, en alternancia con longos períodos de mansedume da corda do caciquismo e do piñeirismo, fenómenos alienantes  que teñen o seu orixe nos centos de anos de opresión castelán e españolista cunha relación relación tóxica colonial de dependencia e saqueo polo Reino de España, na que a riqueza galega convértese en pobreza e miseria para o Pais, e o leva á    marxinalidade; xa que o seu exterminio estaba e está no proxecto españolista do Reino de España coma Imperio feudal, e hoxe corrixido e ampliado co capitalismo español do Ibex mantendo as súas esencias feudais, moi útiles para a súa vinculación co Imperio Globalista estadounidense, que amais dos fondos financeiros globais controla as Empresas estatais presentes na Galiza , usándoas coma instrumentos para o espolio e degradación dos nosos recursos. Todo iso no nome do progreso e da modernidade.
           
Así a vaca galega foi abandonada e susbstituída con medida legais centralistas contrarias a propiedade familiar en favor das macro granxas modelo Neerlandés, con frixonas convertidas en máquinas    de producir metano e contaminación da biosfera. Tanto é así. Que os Gobernos dos Paises Baixos comezaron a prohibir a súa existencia entre protestas dos gandeiros. Aquí non fai falla prohibición pois vánse eliminando cun prezo da leite inadmisíbel para as e os labregos, que os levan a ruína. A nosa vaca  marela era o sostemento principal da poboación do campo galego, produtora da mellor carne e leite, ben adaptada aos pastos e ao entorno natural do Pais.
           
Os árbores, castiñeiros, carballos e outros frondosos autóctonos, foron erradicados en gran medida coa introdución masiva do eucalipto. Ao principio as instancias estatais españolas axudaban co lume  a invasión do eucalipto, por ser unha especie pirófita. Mais agora ela mesma encárgase de estender a semente para reproducirse e inundar  a Galiza cun gran eucaliptal para producir celulosa, contaminando os rios  para o Capital españolista que o explota a partir da súa madeira, a cambio dunhas moedas para os  titulares das fincas para que estes poidan abandoar a terra,  emigrar e liquidar a industria do moble antano tan numerosa. Ainda hoxe as raices dos carballos permanecen na terra que ocupan os eucaliptos.
           
Coa chegada da Unión Europea(EU), esta estimou que España con Galiza acaparaba  a maioría da pesca europea, e que por tanto habería que repartir entre os demais socios da UE ao servizo do Capital transnacional. O Goberno do Reino de España, de inmediato nun alarde de solidariedade exemplar, e sen contar cas galegas e galegos coma sempre, mandou desmantelar para satisfacer aos socios da UE, a meirande parte da flota galega, usando o seu poder sobre Galiza e negociando coa UE as cotas de pesca establecidas a cambio de vantaxes para o Capital europeo en detrimento do pobo galego que foi usado como moeda de cambio. A solidariedade de  España coa Europa do Capital foi unha estafa monumental  para o noso Pais. Ao resto dos mariñeiros galegos os enviaron a depredar nas augas de Arxentina e Suráfrica en grande buques factoria dunha multinacional do capitalismo español do Ibex, en substitución das vacas de madeira e os bois de ferro. Unha gran bicoca. Estas son as consecuencias  da nosa pertenza a España, enviar a maioria dos mariñeiros galegos para a emigración.
           
Pero sendo Galiza tan rica e dependente do Reino de España, toda a rapina pódese superar. E así, a inmensa produción de enerxia verde renovábel galega, lonxe de constituír un beneficio para o Pais resulta todo o contrario.  A enerxia eléctrica galega que emigra para a insaciábel España incluíndo os custes de transporte e o mantemento da rede de distribución, que a volta nos facturan desde España, porque nos feitos a enerxia non é do noso Pais senón das corporacións españolas que no seu día recibiron do poder do Estado español a patente para saquear os rios galegos  As desfeitas cometidas nos rios e o territorio galego cos encoros que anegaron a moitos vals dos máis fértiles do Pais, expulsando a poboación galega a pobreza e emigración.
           
Por si fora pouco, non é de estrañar que a pesar da abundancia de enerxia limpa na Galiza, houbo un intento fallido, recen morto Franco, de construir unha central nuclear en Xove, pois este Pais o produce todo de balde, que ao final foi abortado polo nacionalismo galego mobilizado no seu tempo. O que non se puido frear foi a  “navallada” asestada polo españolismo coa construción da Autopista do Atlántico, que en combinación co  abandono do desmantelamento dos camiños de ferro e outras lineas de transporte, cortaron as comunicacións directas entre as Comarcas do Pais e as centralizaron en Madrid, impedindo umha industrialización axeitada e sostíbel coas tecnoloxias mais avanzadas e a dixitalización dos sectores produtivos desde o ámbito e a base comunitaria do Pais, e pola contra en favor dunha industrialización dos recursos naturaís contaminante e colonial, funcional ao capitalismo semifeudal español depredador, xustificada con catro postos de traballo asalariado que desvincularon a poboación galega dos seus recursos, imposibilitando o seu desenvolvemento autocentrado.    
  
Coa globalista Axencia 2030, vai suceder algo parecido ou peor , en tanto Galiza continua dependendo de España e non sexa Soberana. Unha vez máis, apreciamos que co aproveitamento foráneo dos ventos o territorio galego é inzado con auto xeneradores a esgalla, sen contar co seu impacto ambiental  negativo, degradando os “penúltimos” recunchos de Galiza (decimos “penúltimos” porque o españolismo nunca se satisfai co que nos rouba e sempre quere máis e máis....). Agora tocalle a quenda a desfeita que provocará no litoral galego a produción de enerxia mareomotriz ....e así. Ata a seguinte.
           
No tempo presente, no mundo atravesamos por unha aguda crise do Imperialismo Unipolar estadounidense e o bloque subordinado dos seus aliados occidentaís. Avanzamos xa nun mundo multipolar  dun xeito irreversíbel. Ante Galiza  ábrese un novo cenario inzado de oportunidades para a liberación nacional do pobo galego. Mais debemos ter presente que, con independencia destes acontecementos:  a emancipación nacional e social de Galiza é resposabilidade exclusiva da maioria social do pobo galego, ou non será posible. E penso que non debemos confiar nunca en redentores e redentoras que están ou veñan de fora de Galiza, agardando pasivamente  a súa chegada. Pola contra observar sempre as posibilidades que se nos presenten para fortalecer a única alternativa que nos queda para rematar co espolio permanente do Pais, que a evidencia, con teimosía nos mostra sen tregua . A Independencia de Galiza  coa separación de España, sempre sobre a base da nosa Soberania Nacional.
           
Romper con todas as dependencias mentales, económicas e políticas do españolismo, para encarar e emprender un desenvolvemento autocentrado, que poida corrixir todas as desfeitas causadas polo españolismo colonizador. Non podemos deixar de sinalar a importancia e o dereito da dispor dun sistema financeiro  propio galego, non só bancario, coa correspondente Moeda Nacional. E no meo imaxinario, con moedas de 1,5,10, pesos galegos encaradas pola vaca marela, o peixe, o árbore, e nos billetes coa efixie de Castelao. Coa nosa Soberanía Nacional, xa será dabondo para comerciar con todo un exterior mundial multilateral.



[03-10-2022 12:28] Elia López Travada comentou:

Mas os galeg@s votam polo seu suicídio e submisión. Votam aos partidos de Madrid, PP-PSOE, E os seus fillos a emigrar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña