12:39 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-06-2022

O Himno á árbore foi cantado por nenos e nenas das escolas nacionais acompañados pola banda de música do Rexemento de Isabel a Católica

Unha trascendente Festa da Árbore en Cordeda (Culleredo) en 1926

Valorar (3)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



A mediados dos anos 20 do pasado século, na etapa na que exerceu a alcaldía de Culleredo o perito agrícola Andrés Pan Vieiro, houbo na zona da Corveira e Cordeda (na parroquia de Santa María de Rutis) un movemento enfocado ao progreso social deses lugares en particular e da parroquia en xeral.  

Unha das demandas era a erección dunha escola nacional. E, precisamente no lugar onde se pensaba instalar esta, impulsada por unha comisión veciñal e o Concello celebraríase unha Festa da Árbore en 1926, que acadaría certa trascendencia.  

Para poder crear alí un verdadeiro bosque, fixéranse doazóns de árbores: Santiago Valpuesta, -que tiña aquí uns importantes viveiros, dos máis grandes de Galicia-, regalou 250 eucaliptos, e os irmáns Juan e Antonio Rubal Trigo entregaron outros 50. O Concello estaba reparando nestes momentos o camiño que enlazaba a estrada de Madrid dende Fonte Culler coa de Santiago na Corveira, e que atravesaba precisamente o campo onde se celebraría a Festa da Árbore.
 (La Voz de Galicia, 26-11-1926). 

A celebración tivo lugar o domingo 28-11-1926.   Como salientou un medio de comunicación, “hubiera resultado un festival de gran utilidad forestal si la lluvia no hubiera obligado a suspenderlo”, pois concorreran das once parroquias do municipio grande número de labregos acompañados polos curas párrocos e mestres nacionais; o lugar escollido, a pesar da súa capacidade, resultou insuficiente para tan inmenso xentío.
 
O Himno á árbore foi cantado por nenos e nenas das escolas nacionais acompañados pola banda de música do Rexemento de Isabel a Católica. Tamén se achegaran varias patrullas de “exploradores” mandadas polo xefe de tropa Ángel Rebollo, que gardaban a orde para a plantación.  

As árbores foron bendiecidas polo cura párroco do Burgo, pronunciando seguidamente discursos sobre a importancia do arborado o alcalde de Culleredo, Pan Vieiro, o mestre nacional Federico García Expósito (que exercera había anos un tempo no concello na escola de Celas), ou o presidente da sociedade “Amigos de los Árboles” da Coruña, Juan Rof Codina (ao que se lle dedica este ano 2022 o Día da Ciencia galega).

O certo é que a climatoloxía non acompañou e, pouco despois de comezar a celebración empezou a chover. Procedeuse entón ao reparto das merendas e recordos da festa á rapazada das escolas. Pero a intensidade crecente da chuvia obrigou ao numeroso público alí congregado a buscar refuxio nas casas dos arredores, téndose que suspender a festa.  

Membros da sociedade “Los Amantes del Campo”, que tamén concorreran, reuníronse para xantar na casa de campo que na Corveira posuía o señor “Garcybarra” -a que coñecemos como Quinta San Luís-. (Tratábase de Fortunato García Ibarra, rioxano de nacenza, propietario da “Papelería y Tipografía Garcybarra”, na rúa Real da Coruña, que publicaría, entre outros, o libro Ferrol y Puentedeume, de César Vaamonde Lores. Moi vencellado á Corveira, colaborou en varias ocasións con asociacións da parroquia. Foi un dos fundadores da “Liga de Amigos de La Coruña”, socio de “Los Amantes del Campo”, aos que recibiu en moitas ocasións na Corveira, directivo de “Amigos de los Árboles” ou do Centro Maurista da Coruña, socio protector da Cociña Económica da Coruña…).

Pola súa parte, a Comisión organizadora e os representantes municipais, que se refuxiaran noutra casa, propiedade de Antonio Cabanela, e que forzosamente se viron recluídos polo temporal, aproveitaron para cambiar impresións respecto aos proxectos que se ían expoñer ao público e ás autoridades, acordando o seguinte:  

-Crear un comité organizador da “Sociedad Progreso de la parroquia de Santa María de Rutis”, presidido por Juan Antonio Rubal e integrado por dous veciños de cada un dos lugares da parroquia.

Este comité empezaría a rexer o 1-1-1927, e procuraría levar á práctica as seguintes melloras, de suma necesitade para a parroquia:

-Creación duna escola nacional mixta na Corveira.

-Arranxo do camiño que nese momento existía dende Cordeda a Conduzo.

-Adquisición do lavadoiro existente en Cordeda, ampliación do mesmo e colocación de luz eléctrica no interior.

-Traslado da igrexa parroquial, que debido ao progreso da súa poboación quedaba nun extremo e lugar intransitable, para o centro da parroquia e próxima á estrada de Santiago.

-Que se sinalizacen e rotulasen todas as Avenidas de dez metros como mínimo, que dende o límite co concello da Coruña, ata a estrada de Acea de Ama a Vilaboa, unan as estradas da Pasaxe á xeral de Madrid, e desta á de Coruña-Santiago.
 
Este Comité convocaría aos seus socios a unha asemblea que tería lugar no mes de setembro de 1927, na cal aprobaríase o Regulamento da Sociedade e sería elixida a Directiva, que empezaría a rexir o 1-1-1928. (El Pueblo Gallego, Vigo, 2-12-1926).  

Cremos que o folleto que en 1927 asinou e publicou Fortunato García Ibarra, -do que posuímos unha copia- titulado “Proyectos de obras que deben realizarse para mejorar las condiciones de comunicación, higiene, instrucción, etc., en la parroquia de Santa María de Rutis, Ayuntamiento de Culleredo” recolle, de maneira exhaustiva, as reivindicacións antes mencionadas.  

Nunha breve introdución, lembra que cando Pan Vieiro tomara posesión do cargo de alcalde, manifestara que o único ideal que o levara a ocupalo era traballar a prol da cultura e do progreso do municipio. Neste sentido, o seu primeiro labor fora a creación de Bibliotecas circulantes, baixo a dirección dos mestres nacionais, estando varias xa funcionando.  

E continuaba:

“Su amor al progreso del campo le orientó hacia la organización de una gran Fiesta del Árbol en la parroquia de Santa María de Rutis, preparada con grandes entusiasmos y con la colaboración del vecindario, que si el temporal que se desencadenó aquel día no hubiera obligado a suspenderla después de ya comenzada, hubiese resultado una de las más brillantes de la provincia”.
 
E finalizaba este proemio lembrando que “desde hace muchos años los vecinos y veraneantes de la parroquia de Santa María de Rutis, vienen clamando por una serie de mejoras en pró de la parroquia….”.  

A continuación, relaciona unha ampla panoplia de reivindicacións sobre camiños, fontes, lavadoiros e temas varios (escolas, plantacións de árbores, prolongación do alumeado público, creación dun posto da Garda Civil, construción da nova igrexa parroquial “en el terreno que hace cincuenta años regalaba con este objeto el general Pieltain en la carretera de Santiago, lugar de “La Senra”, y que todavía está sin que se haya construido en él ningún edificio”, posibilidade de crear unha praza de abastos, prolongación da liña de tranvías de Monelos por Eirís, Portádego, Corveira e Vilaboa ata Acea de Ama…). Se estes proxectos se realizasen “la parroquia de Santa María de Rutis sería una digna antesala de la capital de Galicia”.  

Respecto da creación da escola pública na Corveira, para nenos e nenas, mentres non se establecese a que o Concello tiña solicitado –estaba previsto que axiña se iniciarían as obras-, os irmáns Antonio e Juan Rubal cederon gratuitamente un dos “más amplios salones de su casa Pazo de los Ríos”. Seguindo as orientacións das conferencias que se tiñan dado recentemente en Pontevedra e na “Sociedad de Amigos del País de Santiago” por José Sánchez Anido, vizconde de San Antonio (que tamén tivo residencia temporal en Rutis), impartiríanse nesa escola provisional ensinanzas de educación á vez que de instrución. Con este obxecto serían invitadas as personalidades da parroquia e os veraneantes da mesma. Os gastos de instalación da escola correron a cargo de Antonio Cabanela. Estas mostras de xenerosidade foran acollidas con grande satisfacción por pais e nais, pois víanse imposibilitados de mandalos ás dúas escolas nacionais que existían na parroquia de Rutis. (La Voz de Galicia, 29-6-1927; El Correo de Galicia, Bos Aires, 7-8-1927).  

Os irmáns Juan e Antonio Rubal Trigo, coñecidos como os “cubanos”, eran propietarios da importante Granxa Avícola San Antonio, establecida en Cordeda na que, ademais de numerosas especies de galiñas, ocas, patos e pavos, tamén tiñan coellos, chinchillas… Xa dende 1922 vémolos participando, fóra de concurso, en diversos certames avícolas, como o Concurso Provincial de Gandos celebrado na Coruña en agosto de 1922, no que se lles concede un Diploma de Honor. (El Ideal Gallego, A Coruña, 10 e 16-8-1922; La Voz de Galicia, 16, 22 e 24-8-1922; 1-2-1923). 

Uns anos despois, Juan Rubal será un dos fundadores do Sindicato Avícola da provincia da Coruña, constituído nas instalacións da Granxa Agrícola experimental da Coruña. Será vogal da súa Directiva –outro deles, o citado García Ibarra- e vogal asesor Juan Rof Codina. (La Voz de Galicia, 13-9-1930).

Antonio será vogal do Comité Executivo da ORGA de Culleredo en xuño de 1931, e concelleiro, uns meses, a comezos de 1936.

Orixinarios de Ferreira de Valadouro, Juan sería tesoureiro do “Comité Representativo de las Sociedades de Instrucción” na Habana, que agrupou inicialmente a unha ducia delas (Martín Fernández: “Dos mariñanos lideraron en Cuba y Argentina la lucha antiforal”, La Voz de Galicia, edición A Mariña, 19-7-2020).
 
Tamén estiveron vencellados á creación da Escola Laica A Devesana: cando o 24-3-1907 o mestre laico coruñés Constancio Romero pronuncia un discurso na escola diante da Xunta Directiva, esta estaba encabezada polo seu presidente, Juan Rubal Trigo.

  (http://webcache.googleusercontent.com/search?q=cache:4z2mEjplP10J:www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/cartel_programa.pdf+&cd=12&hl=es&ct=clnk&gl=es)  

Pola súa parte, Antonio Cabanela Cabanillas era propietario dun negocio de ultramarinos e coloniais na Coruña, en Fonte de San Andrés, que será coñecida como “Casa Cabanela”, un proxecto de 1911 do arquitecto Julio Galán, con vivienda nos pisos superiores e o negocio no baixo. Tamén era directivo de “Amigos de los Árboles”. Neta súa foi a reivindicativa mestra, represaliada e dirixente do PCG, María Victoria Díaz Cabanela.  

(Ilustramos este artigo cun folleto publicitario da Imprenta Garcybarra, que forma parte da colección da Real Academia Galega.  

https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/resultados_ocr.do?id=27291&tipoResultados=BIB&posicion=3&forma=ficha).    



[25-06-2022 20:24] rodolfo gabarain louzan comentou:

Mi madre, recordando su niñez en O Burgo , cada tanto me cantaba la canción al árbol :

Cantemos al árbol que voy a plantar.
Si Dios lo protege del hombre y del viento,
¡salud y riqueza dará!
¡salud y riqueza dará!

Uno para el otro los dos creceremos;
él se irá elevando y yo iré creciendo,
Y si triste y solo llego yo a morir,
dejaré en el mundo un árbol siquiera
plantado por mí.

con una hermosa letra y una encantadora música . Lamentablemente nunca después pude escuchar una grabación de esa música . Ellas plantaban un árbol ese día , todos los años .

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña