12:17 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-06-2022

O noso país, Galiza, é de vidro. Secasí, resiste máis golpes dos que debera. Semella de Duralex

Elucubracións arredor do vidro

Valorar (13)

MARICA CAMPO



Desculpen o título ou, polo menos, non tomen a palabra ‘elucubrar’ na máis positiva das acepcións, a de facer unha obra tras moitas horas de meditación. Tampouco na peor, a de realizar meditacións longas e laboriosas, sen sentido e sen fundamento. Deixémola no punto medio. Porén, hai un problema: o punto medio aquí non existe, como non existe noutras moitas cousas.  

Non coñezo ningunha persoa á que non lle guste o cristal, como non coñezo a ningún neno ou nena a quen non lle gusten as patacas fritas. Mais xa se sabe que as excepcións confirman a regra.  

O vidro ten algo de subxugante e fermoso, mesmo o máis simple. E pode ser multiforme,  funcionar de moitas maneiras ou  mesmo representar unha ameaza.  

Polo que toca á multitude de formas, hai que dicir que, cando xa é, é; non varía agás que quebre. Ten a súa personalidade. Non lle acontece como aos líquidos que pode conter, se se trata dun recipiente. Estes sempre se adaptarán á forma do vaso, xerra ou garrafa.  

A súa funcionalidade está amplamente demostrada. Desde unha campaíña de vidro até unha copa, pasando por diversos tipos de botellas, hai sempre a posibilidade de convertelos en instrumentos musicais. E seguiríamos: cristal lente, cristal prisma óptico, cristal bágoa, cristal xoia, cristal fibra, cristal escultura, vidro de ventá, probeta, serpentín ... e moitas máis cousas entre as que, por suposto, non debe faltar o zapato de Cincenta -machismo á parte-, nin a bóla da pitonisa.  

A beleza, en distintos graos. Por exemplo, desde un humilde e cotián vaso, até unha copa de cristal de Bohemia. Neles podemos reparar en elementos estéticos tales como a forma, a cor, a finura, ou os gravados, se os tiveren. E, sobre todas as cousas, a beleza do vidro radica na súa fraxilidade, nun perigo que o acompaña sempre, o de pasar da forma ao caos. O caos que vén ser case o non ser.  

Alén de todo o dito, non quebra nas imaxes, metáforas e comparacións, esa imaxinaría feita de palabras que, as persoas da miña idade, é probábel que coñecéramos primeiro nos vellos catecismos: “Como un rayo de luz que entra por un cristal, sin romperlo ni mancharlo...”. Claro que tamén bebiamos en fontes de cristal, sabiamos de olladas e ollos vidrosos e rebentábamos os cristais das pucharcas.  

O mundo en paz é de cristal. Cada pobo ten a súa historia, crenzas e costumes: a súa forma. Se se lle impón outra, rompe porque é fráxil. Como rompe cando os poderosos lles adxudican aos países pobres a función de seren o vertedoiro de lixo e os subministradores de materias primas, sen axudalos a progresar nas condicións de vida. O caos reina a causa dos que os utilizan como escenario das súas guerras e os abandonan, destruídos,  despois.  

O noso país, Galiza, é de vidro. Secasí, resiste máis golpes dos que debera. Semella de Duralex. Ben se sabe que, este vidro temperado, cando escacha, faino nunha explosión de anacos diminutos, imposíbeis de xuntar de novo. Sen dúbida, a súa maior debilidade é a que chaman resiliencia, a súa capacidade de aguante.  

Se o vidro tivese sensibilidade, poderíamos afirmar que para facelo temperado aplícaselle o mesmo procedemento que á ra que morre fervida. Esta, metida nunha cazola de auga que se vai quentando paulatinamente, permanecerá tranquila. Non así se a meten en auga fervendo. Tamén o cristal vaise quentando pouco a pouco, até alcanzar temperaturas superiores aos 700 grados centígrados e devir no que coñecemos pola súa marca, Duralex.  

Galiza-Duralex, agora que unha parte significativa dos galegos e galegas espertaban do seu sono e tentaban poñerlle couto á invasión de eucaliptos, asiste, maioritariamente pasiva, á chegada de El Dorado ou Jauja, que ocuparán, coa complicidade da Xunta e a empresa Altri, as boas terras da Ulloa. Perspectivas irreais a cubrir a realidade: eucaliptización maior, captación das súas limpas augas e contaminación arreo.  

Porén, como se pode escoitar na película Cara a rutas salvaxes, dirixida por Sean Penn, “A fraxilidade do vidro, non indica fraxilidade, senón calidade”. O Duralex, se lle damos a volta á frase, non é fráxil, ergo, debemos dubidar da súa calidade.  

Basta xa, Galiza, fráxil copa, común graal onde bebermos os zumes da terra e non os detritos do Capital máis obsceno.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña