04:05 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2022

Galiza como Nación asoballada e colonizada, sen Estado propio, está subordinada a un dobre poder exterior

Dende abaixo e desde enriba

Valorar (10)

FRANCISCO GRAÑA




En calquera pais cunha sociedade estruturada en clases, o poder sempre se exerce pola cúpula política, económica e militar, arroupado con outros mecanismos lexitimadores que forman o seu Estado profundo. No Imperialismo burgués colonialista exércese desde o exterior dos países subordinados empregando unhas mediacións socio políticas internas, como na Galiza e outras moitas nacións oprimidas con ou sen Estado, pero todas sen Soberanía propia.  

Como unha excepción,  nos pobos oprimidos e colonizados o poder emerxe desde a súa base social, promovendo a liberación nacional e social con diversas transformacións políticas, sociais e económicas .... demandadas polos pobos e favorábeis as maiorías sociais. Son mudanzas verdadeiras e non espurias que fan xirar a roda da Historia cara adiante. Mais, con posterioridade e con frecuencia caen en certo retroceso social, porén, xa libres do colonialismo orixinario imposto, aínda que os seus efectos, se manteñen nalgunha medida por moito tempo.  

Igual acontece cos movementos democráticos protagonizados polos pobos pero dirixidos   polas vellas elites e clases sociais forxadas no pasado, que aproveitando situacións caóticas e confusas derivadas da crise capitalista tentan de volver a beneficiarse das relacións sociais opresivas e de súper explotación daqueles tempos, usando as estruturas burguesas dos  Estados nacionais. Estes países caen con facilidade no militarismo converténdose en sociedades pasivas e sometidas as ideoloxías fascistas e social patrióticas. Nestas sociedades, a guerra constitúe unha actividade esencial e constante, que é a propia do Imperialismo capitalista.  

A militarización tamén afecta en negativo aos pobos dos países que derrotaron ao Imperialismo acadando a súa Soberanía, ou non se someten ao seu ditado, e de seguido son agredidos por este, para impedir o seu normal desenvolvemento político, social e económico.....ata facelos fracasar para que non renda o seu exemplo diante dos outros pobos asoballados do mundo, usando a súa poderosa maquinaria mediática e manipuladora imperial, ata hoxe sen parangón.  

A Historia nos mostra que, o exercicio do poder conquistado e dirixido polo pobo, non é estábel nin permanente nun mundo dominado polo capitalismo. Pouco a pouco decae e tende a retornar a un estadio anterior do pasado, mais sempre quedan restos das mudanzas progresistas, aínda que deturpadas. O mantemento e a promoción efectiva da auto organización e a participación do pobo nas nacións  liberadas, é a única fórmula coñecida  para  fortalecer o poder popular e frear a súa degradación inevitábel diante dunha nova forza elitista opresiva emerxente propiciada pola inxerencia exterior imperialista. Golpes, Revolucións de cores e toda variedade de inxerencias usando diversas ferramentas, FMI, OTAN, mercenarios e sicarios, multinacionais......e sempre o terror e a  forza militar soterrada ou aberta.  

Nos procesos socio políticos emancipadores, é habitual que coa mobilización popular  afloren  dirixentes brillantes e de valía,  que ao xestionar o poder existente, tenden a limitar e ao final substituír a participación do pobo coa súa personalidade. Baixo o Estado burgués, en primeiro lugar nos países grandes é un fenómeno que con frecuencia conduce a autocracia e o totalitarismo, o que reduce a actividade político social da maioría da sociedade a pouco máis que ao espectáculo circense, delegando  cos seus votos o poder e a representación en outros  intereses alleos ao mesmo. Ao final a libre confrontación de ideas é erradicada ou cando menos  minorada, xunto coa organización popular substituída por por unha elite parlamentaria vulnerábel e inútil  para a maioría do pobo, pero axeitada para o poder burocrático capitalista que a pon ao seu servizo con relativa facilidade, mentres conserve a súa estrutura  de clase que pivota sobre o Estado burgués.     
       
Para Rosa Luxemburgo no réxime das liberdades democráticas burguesas, que é o único  marco que coñeceu,  “ A liberdade sempre foi a liberdade para  aqueles que pensan diferente” “sen eleccións xerais, sen liberdade de expresión e reunión, sen a loita libre de opinións, a vida en todas as institucións públicas se extingue, convértense nunha caricatura de si mesma na que só queda a burocracia como elemento activo” Esta é con certeza unha visión paradisíaca da democracia burguesa, pois o pobo remata en todos os casos convertido por estes mecanismos de representación burgueses nunha masa amorfa e manipulada sumida na pasividade, baixo formas de Estado autoritarias e fascistas, pondo en evidencia a perfecta compatibilidade destas formas coa democracia burguesa  dos países  capitalistas.  

É posible que coa previda erradicación do Imperialismo Unipolar e a súa substitución por un mundo multinacional e multipolar onde medren con abundancia as loitas de emancipación nacional e social nas que  os pobos  sexan os protagonistas e prevaleza  a  igualdade entre mulleres e homes, se provoquen transformacións máis propicias para a transición socialista e beneficiosas para a liberación da  humanidade no seu conxunto.    

Galiza como Nación asoballada e colonizada, sen Estado propio, está subordinada a un dobre poder exterior. Xunto coa mediación caciquil dependente ao servizo do Poder españolista engádese a  do Poder Neoliberal Global capitalista.  As novas tecnoloxías sen unhas novas relacións de produción galegas comunitarias vinculadas a súa propia cultura e economía, só serven aos intereses  antigalegos. Por iso, hai que rematar coa inxerencia política, ideolóxica, e cultural, allea que sempre é empobrecedora e despreza o propio do noso Pais, se non lle serve as súas comenencias.   

Polo tanto as mobilizacións populares dirixidas polas galegas e galegos, dende o Pais  sempre levarán pola ruta do progreso e da liberación nacional, a pesar  do  ambivalente individualismo  das e dos seus líderes.   A  fin de contas todas e todos  dunha ou doutra maneira o somos, sen excepción, inda que algúns moi tóxicos, non obstante unidos como nacionalistas galegas e galegos  e só  dependentes do  pobo  galego.           

 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña