13:47 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-04-2022

[Francisco Rodríguez, Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino medieval galego (Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2021)].

Lendo “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza” de Francisco Rodríguez

Valorar (13)

MANUEL CABADA CASTRO



Non pretende ser este apuntamento un simple e aséptico, limitado en calquera caso, resumo da valiosa información coa que nos atopamos ó adentrármonos na teima apaixonada (dito sexa isto como loanza!) coa que o autor se mergulla na documentación histórica da “segunda metade do século XIV” relacionada con Galiza. Só quere ser, pois, un simple convite á atenta lectura dun escrito do que seguramente non sairá defraudado quen a faga. Porque, aínda que o autor xa se expresara sobre algunhas destas cuestións en ocasións anteriores, faino agora con máis detemento e con maior amplitude de información neste seu novo estudo [Francisco Rodríguez, Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino medieval galego (Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2021)].

A aportación de datos e a súa concreta análise e valoración non deixarán de ser para unha gran maioría de lectores algo relevante e revelador, dada a moi limitada posibilidade de acceso a este tipo de documentación debido -como non deixa de fustrigar unha e outra vez o autor- a intereses en definitiva políticos que dunha ou doutra forma o impiden ou dificultan. E non se pode negar que a posibilidade e facilidade de acceso á información é requisito fundamental a tódolos niveis para acadarmos unha verdadeira liberdade persoal, social ou política. A persoas coma o autor deste escrito (e mais dos próximos que se anuncian para un futuro próximo) debémoslle xa que logo dar en tal sentido agradecidos parabéns polo lúcido enfrontamento con determinadas visións históricas sobre unha Galiza considerada como supostamente irrelevante ó longo do seu devir e da súa historia. Visións que virían ser en definitiva polo tanto “ideolóxicas”, é dicir, ó servizo do propio enxalzamento e dos particulares intereses políticos ou económicos dos que así as proclaman e sosteñen.

Dada a multiplicidade de aspectos que neste importante estudo se analizan e discuten, limítome aquí a aludir somentes a algúns puntos concretos que seguidamente quero sinalar en relación coa reivindicación dunha Galiza que aínda mantiña pola súa parte en tempos pasados unha clara conciencia sobre si mesma.

F. Rodríguez [R.] alude xa por exemplo (171) xustamente en tal sentido ó xesuíta Pascasio de Seguín, que no século XVIII tiña aínda clara conciencia de ser “el reino de Galicia el más antiguo de España”. Unha conciencia desta antigüidade e diferenza entre Galicia e España da que eran xa moi conscientes en tempos anteriores os cronistas árabes cando identificaban Galiza co reino cristián fronte ó territorio que non era tal, é dicir, con España. R. esténdese amplamente sobre este punto (133-139), resumindo posteriormente tal visión así: “A imaxe dos reinos occidentais cristiáns no mundo musulmán, no carolinxio, no anglonormando e no Vaticano de entón, o contemporáneo circundante, tal e como a transmiten os seus cronistas, a súa diplomacia, a súa información, remiten claramente a unha visión na que Galiza e galego son o topónimo e xentilicio definidor e recoñecíbel por antonomasia. O reino e os reis, o territorio e os exércitos son desde eles definidos ou caracterizados. Houbo toda unha época na que a palabra España designaba a zona musulmá e Galiza a zona cristiá” (156).

Significativo neste sentido vén sendo tamén o comentario que fai R. sobre o arcebispo Jiménez de Rada, que ilustra a propia e específica postura dunha Galiza naquel entón ben consciente de si mesma:

           “En boa lóxica, Jiménez de Rada, ilustre antecedente dos medievalistas españoles oficiais dos dous últimos séculos, nunca cita os galegos na resistencia contra o mundo musulmán. Só o fai con astures, vascos, navarros, aragoneses, aos que ten por pobos que prefiren morrer antes de seren escravos. Os galegos, Galiza, parece estar aí, ser ás veces xa innomeábel, molesta, contra a que se sinte xenreira, animadversión ou un obstáculo a derrubar. A verdade é que non se sabe moi ben se este proceder responde á ocultación pura e dura do que molesta, ou é unha reducionista, insidiosa e mal intencionada forma de, por causas en especial dos reis Fernando II e Afonso VIII, crear unha imaxe de Galiza ser conivente con herexes. Estes reis galegos nunca aceitaron con entusiasmo a consigna papista de ergueren cruzadas para reducir ou combater o poder político, no seu caso, dos almohades. Jiménez de Rada, como non podía ser menos, converte a batalla das Navas, campaña na que se negou a colaborar Afonso VIII de Galiza, nun fito memorábel...” (342).



Como se ve, tanto aquí como tamén noutras ocasións (ver por exemplo 313-314) non deixa R. de aludir ó influxo do poder papal no paulatino fortalecemento dos intereses de Castela fronte ó reino de Galiza. Esta irá, pois, paulatinamente a menos no seu status político, debido a intrigas políticas e tamén eclesiásticas que empezarán a tomar forma concreta de maneira especial con Fernando III e Afonso X:

           “Non se recoñecía [Fernando III] nos seus antecesores galaico-leoneses, por non dicir só galaicos, onde estaba o poder e unha visión estratéxica, confrontada coa de Castela.

         O fillo de Fernando III, Afonso X, ocupouse desde logo do sepulcro do seu pai e da súa nai, Beatriz de Suabia. Porén o seu sentido da memoria pasaba por agochar, ignorar e negar a do reino polo que, aínda formando parte da unidade monárquica que el simbolizaba, distaba de sentir apego, identificación e simpatía coa traxectoria dos seus reis máis recentes. Para o rei que foi cualificado de Sabio, como o seu pai de Santo, a memoria de heroes e gobernantes do seu reino entraba de cheo no terreo do mítico, na exclusión do pasado inconveniente e na promoción dun castelanismo hexemonista, que declaraba inexistente ou a eliminar, ou a apropiarse, toda a realidade política anterior de maior antigüidade, tradición e avoengo, a do reino de Galiza e León” (295).

 Resulta neste contexto ben oportuna a referencia que fai R. (anticipada xa por el nalgunha outra ocasión anterior) ó Panteón Real da catedral de Santiago onde se atopan unhas tumbas dos reis de Galiza. R. comenta significativamente e ó tempo censura con razón en relación con isto o seguinte:  

         “Mesmo hoxe, non se indica de onde eran os reis das tumbas con vultos xacentes alí instaladas. E, se se fai, como nas placas que os acompañan para identificalos, dise que son reis de León: na catedral de Santiago de Compostela!!! Galiza é o nome que non se ousa pronunciar, e o de reino de Galiza menos. Porén, existir, existen e existiron, e xustamente con ese rango que agora se agocha con deliberada intención: reis galegos dun reino, Galiza. Está, no Panteón Real compostelán, unha saga familiar que, xustamente, expresou a vontade de se enterrar na Igrexa de Compostela e realizouna para pór de manifesto, nun momento de definicións ineludíbeis sobre estratexias de futuro, que intereses representaban e servían” (57).

  Entre os vultos xacentes do Panteón Real estarían a teor do sinalado por R (58-59) os seguintes: Raimundo de Borgoña (+1107), a raíña Berenguela (+1149), Fernando II (+1188), Afonso VIII (+1230) e Xoana de Castro (+1374).

Despois veu o que veu, esa mesta néboa que agacha toda unha historia consciente de si mesma, mais que segue a estar aí á espera de que o lume investigador a deixe ver tamén como proxecto dun futuro que se alicerza en sólidas bases.

A loábel tarefa de R. camiña toda ela nesta dirección, pondo ó descuberto, en relación por exemplo co concreto enfrontamento dos Reis Católicos coa Casa de Lemos, “o transfundo da política dos reis Católicos con Galiza, as súas intencións verdadeiras: o dominio e a submisión do reino e como xogaron cos intereses da oligarquía que estaban dispostos a engrandecer fronte á que era necesario debilitar, xustamente para imposición do seu deseño centralista e castelanista” (116). Deixo que o propio R. continúe a comentarnos os feitos: “Agora podían entrar xa os reis na Galiza con sensación de controlar e mandar, e baixo a sombra de os castigos exemplares atinxiren os máis altos señores [...] As súas ordes e mandatos non se podían desobedecer. Quedaba o camiño expedito para seguir impondo os criterios da monarquía centralizada, e articulando unha subordinación e doma de Galiza que conducía, de forma inexorábel, á indignidade (á castración?). Xa podía colocar con maior seguridade, como en colonia, gobernador, Diego López de Haro, un oligarca castelán, e unha audiencia de xustiza, composta por membros doutores do seu Consello, todos eles estranxeiros, para permaneceren aquí continuamente. A nobreza eclesiástica, en especial, santificou e fortaleceu os designios da nova monarquía no reino, comezando polo arcebispo de Santiago, tamén foráneo [...] Non é esaxerado catalogar estas decisións de programa de limpeza étnica e de eliminación de toda potencial oposición. Non debemos dubidar delas. Están expostas polo cronista oficial dos Reis. A raíña Isabel, con sagacidade estratéxica sen dúbida, quedouse para si a vila de Ponferrada, desde 1486” (119).



Volvendo ás tumbas do Panteón Real compostelán, nel ten tamén -tal como quedou dito anteriormente- a súa tumba Xoana de Castro, pertencente á familia ou casa dos Castro, sobre os que R. fala abondosamente ó longo do seu escrito como defensores ou reivindicadores do poder e dignidade de Galiza e tamén do seu achegamento a Portugal antes ca a Castela (59). “Dona Xoana estaba integrada -engade R. (60)- nunha estratexia que a levou a soterrarse en Compostela, alén dos seus señoríos de Cuéllar, Castrojeriz ou Dueñas. E fíxoo nun momento crítico e delicado, cando o país, até entón libre e dono de seu, comeza a estar baixo un exército de ocupación e indefenso, sen clase dirixente propia, descabezado e a capricho dos ocupantes e do odio dos falsos Trastámaras, o que indica o grande prestixio dos Castro mesmo nesas circunstancias” (60). R. remata a súa loa de Xoana de Castro en relación coa súa tumba en Santiago deste significativo xeito (advírtase a inscrición en galego -indícoa en cursiva- da súa tumba!):

           “A heráldica e a epigrafía identifican o monumento funerario de Xoana de Castro no Panteón Real da catedral de Santiago cos emblemas das trece ruelas dos Castro galegos alternados cos emblemas dos reinos de Galiza, León e Castela. E unha sonora e ilustrativa inscrición que reza: ‘Aquí jaz Dona Johana de Castro, raíña de Castela’. En lingua galega, como toda a documentación, emanada desde dentro de Galiza, desde a súa chancelaría, con destino a mosteiros, igrexas ou outros vasalos, o que fala tamén de cal era o seu espazo de identificación, mesmo após ser raíña de Castela por unha noite no ano 1354”.  

Dado o meu particular interese, debido ó meu segundo apelido, polos “Castro” (sobre o que hai xa algúns anos publiquei unha modesta “familiar historia”[1]) -aínda que seguramente tal interese afectará tamén a moitos outros “Castro” existentes en Galiza- quero finalmente aludir a diversas pasaxes do volume de R. nos que este nos instrúe, aparte do xa sinalado sobre Xoana de Castro, sobre a importancia dos Castro na loita pola dignidade, a memoria e os intereses do reino de Galiza en importantes e diversos momentos do seu devir histórico. De feito R. cualifica “os Castros” como a “familia nobre de máis alto avoengo de Galiza” (423).

Pois ben, dinos R. , por exemplo, aludindo a diversas informacións e documentación e reunindo pola miña parte as mesmas segundo a presenza nelas do apelido Castro, que “Sobrado foi dos mosteiros máis importantes e ricos do Císter e estivo ligado, xa desde a fundación, aos Castro” (246).          Que Guterre Ruiz de Castro (emparentado pola súa parte con Pedro Froilaz) “casou con dona Elvira Osórez, señora de Lemos, quedando así os Castros emparentados cos Trava e á vez iniciando a súa dinastía como condes de Lemos, é dicir, a súa incardinación no país” (246).

Que “Fernando Rodrigues de Castro, claramente favorábel á influencia galega en Tierra de Campos, foi quen influíu máis decididamente na estratexia de alianzas cos almohades”. Por máis que R. engada aquí mesmo: “Naturalmente, como todos os Castro non resultan nada simpáticos aos medievalistas casteláns clásicos ou mesmo actuais” (291).

Sobre este mesmo Fernando Rodríguez de Castro volverá aínda R. algo despois co seguinte comentario: “Fernando Rodríguez de Castro (sobriño de Guterre Fernández de Castro, o encargado da protección e tutela do rei castelán Alfonso de neno, morto o seu pai, Sancho III) será designado por Fernando II mordomo real nos seus reinos, sendo tamén o principal valedor da orientación pro galega en Castela, para alén de eficaz diplomático cos almohades” (296).

E xa pra non me exceder na explícita referencia de textos de R. complementarios dos anteriores, sinalo só xa finalmente a continuación as páxinas onde o lector curioso e interesado poderá atopar máis información sobre a relevancia dos Castro no que respecta á atención e defensa dunha Galiza consciente da súa propia dignidade e historia ante os intentos de instancias exteriores de a someter a elas. Velaquí van, pois, as concretas referencias ás páxinas do volume de R.: 424-434, 444, 447-450, 461, 469.
   
[1] Ver M. Cabada Castro, Breve e familiar historia do apelido Castro: “A Estrada. Miscelánea histórica e cultural”, nº 20 (2017) 77-92.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña