14:22 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-03-2022

A orixe do 40% do petróleo que non consegue producir Estados Unidos provén de Canadá (28%) , Arabia Saudita (16%) e, en terceiro lugar até 2015, Venezuela cun (11%).

Estados Unidos… «amigos para sempre»

Valorar (3)

XURXO MARTIZ CRESPO



Unha coñecida canción popular venezolana di que «quererse no tiene horario ni fecha en el calendario cuando las ganas se juntan» e as «ganas» entre Estados Unidos e a Venezuela revolucionaria xuntáronse hai uns poucos días, a comezos do mes de marzo, por un feito fortuíto acontecido na Europa do Leste, a máis que probábel emerxencia enerxética internacional a causa da guerra ruso-ucraína.

Estados Unidos, primeiro produtor internacional de petróleo[1], primeiro importador e primeiro consumidor, non é autosuficiente coa súa produción. A próxima e fiábel Canadá, outro dos grandes produtores de petróleo, completa o abastecemento do insaciábel mercado estadounidense.

A orixe do 40% do petróleo que non consegue producir Estados Unidos provén de Canadá (28%) , Arabia Saudita (16%) e, en terceiro lugar até 2015, Venezuela cun (11%).

En 2015 Obama asina a orde executiva que declara que Venezuela é unha «ameaza para a seguranza nacional». Foi empeorando a situación con Donald Trump e mantense un status quo co actual presidente Biden, ex vicepresidente con Obama.

A reunión dos enviados pola Casa Branca, sen aviso previo, co presidente Maduro demostra, unha vez máis, que a política exterior estadounidense está baseada en intereses máis que en valores, algo así como os «principios» de Groucho Marx, pero cunhas consecuencias dramáticas para a poboación dos países «ameazados» ou na «lista negra».

Así, o secretario de Estado de Estados Unidos, Antony Blinken, declarou, despois da xuntanza da delegación estadounidense[2] co presidente venezolano, o desexo de revalorar o fornecemento de petróleo dende Venezuela.  Blinken sinalou que Washington ten «un feixe de intereses con Venezuela, que inclúen a parte enerxética e, xa de paso para quedar ben, «apoiar as aspiracións democráticas do pobo venezolano.

Os «achegamentos» estadounidenses a gobernos «inimigos» non son nada novo. Os cubanos non dubidaron en deixar a Obama pasear, comer e bailar na Habana, botar un discurso sobre a necesidade de liberar os presos políticos da illa, etc. Anos despois, as relacións empeoraron malia os bos desexos, paciencia e bo facer dos diplomáticos cubanos.

Maduro non dubidou un segundo en recibir a delegación estadounidense. Nun acto pouco comprensíbel na protocolaria Europa, recibiunos coa súa muller e co presidente da Asemblea Nacional Jorge Rodríguez.

Cubanos e venezolanos coñecen os «intereses» actuais estadounidenses. Coma os de Groucho Marx, hoxe son «estes» mañá… dependerán de moitas circunstancias. Por iso, os laios e abraios do Goberno colombiano ante a «traizón» estadounidense pola reunión non son máis ca unha «perrencha» de inxenuos desinformados.


[1] Estados Unidos superou a produción de Arabia Saudita, ex primeiro produtor mundial, en 2018 segundo a axencia estatal United States Energy Information Administration.

[2] Encabezada por Juan González, National Security Council Senior Director for Western Hemisphere Affairs e o embaixador estadounidense en Venezuela James Story.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña