14:22 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2022

Alguén pode dicir ¿un filólogo facendo historia medieval? Non é o primeiro, nin será o último

SOBRE UN LIBRO DE FRANCISCO RODRÍGUEZ

Valorar (12)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Entre as novidades editoriais deste ano temos o libro, que ven ser a primeira entrega dunha obra,  Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV) da que é autor Francisco Rodríguez, doutor en Filoloxía Románica, un gran especialistas na vida e obra de Rosalía, de Curros ou de Blanco Amor.

Agora mergúllase nunha etapa da historia de Galicia nos séculos finais da Baixa Idade Media, e faino cos ollos dun nacionalista galego, o cal  é unha necesidade e mesmo un deber, feito por outra parte normal, xa que ningún historiador é neutral porque cando escribe ou cando fala non é posible que prescinda da súa ideoloxía e do punto de vista persoal, que se vai formando ao longo do tempo, coa formación, coas experiencias, coas relacións e con outros moitos factores que forman parte da personalidade.

Enredado na terminación dun libro teño que anticipar que non tiven tempo de darlle unha lectura por tempos, como requiren este tipo de traballos, especialmente cando, como no meu caso, se descoñece a materia que tratan. Pero a pesar diso compre anticipar uns comentarios. Son 515 páxinas, descontándolle as 23 dedicadas á bibliografía e as fontes documentais, feito xa que nos indica que o traballo é solvente, e que para redactalo o autor tivo antes que facer moitas pescudas e moitas lecturas. E aquí xa temos unha das primeiras virtudes do libro, o tempo que lle aforra ao lector que quere ilustrarse sobre a cuestión.

Un libro para a reflexión

Cos libros ocupamos unha parte do noso lecer, hainos para a evasión e hainos para a reflexión. Este libro cumpre os dous cometidos, pero fundamentalmente é unha lectura para a reflexión, para que o lector se ilustre.  Como se pode ler na sobrecuberta, o libro responde a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións sobre el. É, en certa maneira, un traballo a favor da saúde mental colectiva da sociedade galega. Xurdiu da necesidade de colaborar a un coñecemento sobre a nosa historia, entre os séculos VIII e XIV, radicalmente confrontada coa ocultación e terxiversación do oficial dominante.

Alguén pode dicir ¿un filólogo facendo historia medieval? Non é o primeiro, nin será o último. Un dos terxiversadores da historia de España, foi o coruñés Ramón Menéndez Pidal, segundo din  era un gran filólogo, que seguindo unha tradición medieval, chegou a falsificar o poema do Mío Cid para que o manuscrito dixera  o que a el lle gustaba, para crear a un dos personaxes que necesitaba para a súa épica o nacionalismo español. 

A manipulación dos documentos e vicio antigo. Os medievais manipulábanse unhas veces reescribíndoos  e outras introducindo interpolacións, para facerlles dicir o que lle conviña ao falsificador. Os cronicóns están cheos de historias inventadas que a base de repetilas chegaron a considerarse certas, incluso utilizadas no mundo académico, e ser ensinadas nas escolas.

Unha historia épica, chea de mitos

A miña xeración, educada na etapa do nacional catolicismo, que é a de Francisco Rodríguez, foi estafada coa historia que nos fixeron aprender, unha historia épica, chea de mitos, grandilocuente, da que foron pioneiros  Modesto Lafuente un liberal autor da Historia General de España, a primeira historia dunha España concibida como nación, ampliada por outros autores, como Claudio Sánchez Albornoz e Menéndez Pidal que lle foron engadindo todos aqueles elementos que necesitaban para crear un relato co que xustificar o unitarismo do Estado Nación.

O curioso é que ese unitarismo foi unha creación dos liberais que na época, no reinado de Isabel II, eran os progresistas. Agora resulta que os liberais son os conservadores. O derradeiro rei absoluto foi Fernando VII, o seu reinado caracterizouse polo consevadurismo máis ultra, e coa súa morte rematou o Antigo Réxime, que recoñecía a pluralidade dos territorios, falábase das Españas para destacar esas diferencias, e no comezo das reais ordes, os reis enumeraban un por un os reinos, os condados e os territorios sobre os que exercían a soberanía, aparecendo tamén como rei de Galicia.

Pola man dos historiadores citados creáronse reinos, puxéronlles reis e numeráronos, como o Reino de Asturias, creando a súa épica, a Don Pelaio, e a Batalla de Covadonga que nunca ocorreu,  mitos que eran necesarios para inventar unha reconquista que durou 800 anos, que pasou ao folclore nas representacións de mouros e cristiáns, para simbolizar a loita entre o mal e o ben.  

Unha historia diversa e plural
 

O 10 de febreiro publicou El País un artigo do historiador Ramón Villares, que a min paréceme que contén elementos clarificadores que xustifica que se escriban libros como do que estamos a falar. Titulase “España de todos nosotros”, que ben a conto do libro do que é autor Exilio republicano y pluralismo nacional. España. Nel di que “despois de moitas décadas de certa indiferenza respecto do pasado, levamos anos vivindo un forte revival memoralista que reflexa tanto unha forte demanda de historia como unha clara desconfianza sobre o futuro. E cando o futuro é nebuloso, o pasado vólvese tamén confuso e controvertido. O asunto central é comprobar si é posible construír un discurso sobre o pasado que permita o debate e resista a confrontación maniquea sobre o mesmo”.

Di que a democracia e as autonomías non resolveron os debates xurdidos da confrontación de 1936 de “España contra España”, senón que os fragmentaron e agudizaron, dada a dificultade de construír un relato de España  con suficiente forza moral e capacidade inclusiva. Relata como Aznar quixo recuperar o papel nacionalizador do ensino da Historia .e entre as voces que se pronunciaron sobre o proxecto cita a Josep Fontana e Miguel Artola, os dous ben distintos, pero neste caso coincidentes. O primeiro sostiña nun artigo publicado no País en 1997, que “hay que aclarar de que España se quiere enseñar la historia”, e o segundo nun debate celebrado en Vitoria en 1998 concluía que “sin determinar que España, resulta muy difícil precisar que historia”. Habería que escoller entre unha presada de reis e gobernantes ou unha historia onde os protagonistas fosen millóns de campesiños, unha historia de cristiáns, musulmáns e xudeos, ou unha historia de casteláns, portugueses e cataláns, supoño que os galegos imos cos portugueses. Construír un relato feito desde arriba ou desde abaixo, e dicir facer unha historia épica que exalta ao poder, ou unha historia social que conte a vida da xente do común.  

Así que o libro de Francisco Rodríguez responde “a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as desinformacións e ocultacións sobre el”. Por tanto o traballo responde á necesidade de aportar unha visión diferente da historia que nos ensinaron. Esa historia mentireira, épica e terxiversada,  que aínda hoxe algúns políticos pasean polos mitins. Así que libros como este son unha contribución a unha historiografía necesaria para que un día se poda facer unha historia común máis aquilatada a realidade plurinacional na que estamos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña