01:39 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-03-2022

Os Basquiños; As Rodas, A Rapa da Folla, O Pexigo, O Cruceiro do Galo

ANTIGOS NOMES DE VELLAS RUAS COMPOSTELÁS

Valorar (7)

CÉSAR VARELA GARCÍA



AS RODAS:

Xa temos comentado nestas páxinas o absurdo desta denominación que non é coerente coa sua antiga orixe.

Na verdade, ese lugar chamouse AS RUÊDAS, (con -Ê- fechado ) facendo referencia  as pequenas ruas ou  ruêlas que proliferaban no exterior da muralla da cidade.

Alí moraban os RUÁNS, xeralmente, extranxeiros adicados aos oficios e ao comercio.

Desas antigas RUÊDAS, os castrapeadores entenderon que se deberian a unha hipotéticas “rodas” e por moito tempo foi chamada a rua de RUÉDAS; chegaron os galeguizadores, con millor intención que coñecemento e chegamos as RODAS de hoxe.

Cando lle colocarán o seu nome orixinal de RUÊDAS  ?  

O CRUCEIRO DO “GALO”

Tamén temos exposto aquí a nosa arriscada teoría de que non hai “galo” ningún que defina ao tal cruceiro.

Era chamado popularmente “ CRUCEIRO DO GALLO” , que os novos recuperadores entenderon que se refería aun castelanizado “Kikirikí ” e non dubidaron en colocar a traducción galega DO GALO.

Nosa doutrina supón a antiga existencia no lugar  dun NUGALIO ou NUGALLO , vello chamadeiro dun aprisco ou descansadeiro do gando.

O cruceiro do NO.GALLO  orixinal trasformouse, co paso do tempo, no GALLO de hoxe, do mesmo xeito que o monte dos NUGALLÁS veu dar no monte GAIÁS.

  OS BASQUIÑOS

Na teoría oficial, estamos nunha rúa antiguamente habitada por xentes vindas de Euskadi; entendemos dunha confraría ou  gremio coma os canteiros, que cumprían para as enormes obras pétreas da cidade.

O que acontece é que, daquela,  non eran chamados de VASCOS, senón de BISCAYÑOS.

Os VASCOS que inzan como apelido na nosa Terra e no viciño Portugal, procederían  dun VELASCO, que sería o oficio dos VELADORES das atalaias, se non procedese dun  PELÁGICO > BEASCO > BASCO > VASCO, conforme do PELAI saiu o apelido  BELAI,.

 De todos os xeitos,  entendemos que a orixe  do apelido VASCO nada ten a ver nada ten a ver cos habitantes da  VASCONIA.

  Así, dunha orixinal  RUA dos BISCAIÑOS, debeu sair a actual rua dos BASQUIÑOS.

  A RAPA DA FOLLA

Ise é o extrano nome da rua que vai da Carreira do Conde á que hoxe se chama a Praza Roxa.

Decimos que nos resulta un nome raro porque non escoitamos nunca,  que entre os traballos rurais, houbese o de “ rapar a folla”.

A folla das árbores apañábase con un angazo para pasar a formar parte do estrume fecundativo, sen que nunca se chamase a tal proceso “ a rapa”.

“Rápanse” as bestas en Sabucedo e “rózanse” os montes , pero, “RAPAR A FOLLA”das árbores  non dá xeito nengún.

Ainda que non dispomos de documentación antiga que susteña a nosa teoría, imos ser tan ousados de supor que estamos aquí diante dunha : “RAMPA DA FOXA”.

A tremenda costaneira que caracteriza a esta rúa ben xustificaría ser chamada de “RAMPA”, e o lugar enfochancado , tantas veces anegado de agua, que é a Praza, ben merecería do nome de : A FOGIA, que  emparentaría con nomes análogos como OS FOXOS, que inzan como chamadeiros de moitos lugares empozados  da nosa Terra.

Ao fin, dunha  antiga “RAMPA da FOGIA” xunto coas habituais doses de desleixo e ignorancia, chegaríamos á RAPA  da FOLLA de hoxe.

  O PEXIGO

Aquí,  todos os estudosos coinciden en que nos atopamos cun antigo portelo da vella muralla da cidade.

O nome orixinal foi  O POSTIGO, ou porta falsa ,que evoluiría a POCHIGO, e daí O PEXIGO actual.

Antigos nomes das rúas da antiga cidade que nos transportan a tan recuados tempos !


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña