01:40 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-03-2022

UCRAINA. Un retorno a Guerra Fría ?

Os EEUU desenvolveron con éxito ferramentas terroristas nos países do Islam, Daesh, Isis...e noutros ámbitos culturais e relixiosos

Valorar (20)

FRANCISCO GRAÑA



Moita xente do Occidente europeo situada no campo político da esquerda e do nacionalismo, diante do conflito ucraíno xa derivado nunha guerra global que pon en perigo a toda a humanidade ten saudade polos tempos da “Guerra Fría”  . Naquela época o Imperio estadounidense controlaba a totalidade do mundo, incluíndo ao seu par a Unión Soviética,  por medio da “coexistencia pacífica”, estabelecida nos acordos con Jruschov a raíz das crise dos mísiles de Cuba , que deron carta branca a Occidente para colonizar e saquear o mundo a cambio da paz coa URSS.  

Os pobos situados no centro imperialista, agás Galiza e pouco máis...puideron acadar un Estado de benestar coas ganancias do espolio imperialista das colonias e semicolonias, so o eufemismo da civilización destes países.  

Mais coa disolución da Unión Soviética, e a emerxencia de China e outras potencias soberanas nun mundo xa limitado, con todos os territorios repartidos e ocupados, e un Imperio Unipolar estadounidense en plena decadencia, fíxose necesario para este, recorrer a outras ferramentas máis axeitadas a este contexto, como as revolucións de cores e o terrorismo mercenario entre outras, para sementar o caos, a destrución e o xenocidio naqueles Estados que non seguen as regras do Imperialismo,  para manterse na cima do poder mundial dunha cadea imperialista cada vez máis acurtada.  

Así, os EEUU desenvolveron con éxito ferramentas terroristas nos países do Islam, Daesh, Isis...e noutros ámbitos culturais e relixiosos. No espazo cultural occidental e cristián recobraron o fascismo, nazismo e o racismo eurocéntrico vinculado ao estadounidense, que rexurdiron con forza en Occidente.  

Por razóns históricas, Ucraína convértese nun laboratorio que se nutre das ansias de desquite das forzas fascistas derrotadas na II Guerra Mundial polo exército roxo, para a recuperación  polos EEUU e Occidente doutra ferramenta terrorista axeitada a Europa e enlazada coas de outros países do entorno como o Réxime de Franco, a Polonia ultra católica ...... adaptados aos novos tempos, pero conservando as esencias ultradereitistas.  

En Ucraína, o Imperialismo USA-OTAN nos últimos anos traballou arreo na preparación dun sanguento Golpe de Estado, o EUROMANDIAN(2013-2014), incluso coa presenza de altos funcionarios dos Gobernos occidentais como a estadounidense Victoria Nuland nas manifestacións violentas que se sucederon, derribando o Goberno lexitimo elixido por maioría electoral, para entregar o poder as forzas fascistas organizadas anulando o Estado ucraíno como tal, ocupado e reprimido por forzas armadas mercenarias nazi-fascistas  que glorifican aos líderes nazis ucraínos como Bandera que combateron a Unión Soviética en apoio das tropas hitlerianas. Hoxe contan co Rexemento Azov, Pravy Sektor e outras moitas unidades militares asociadas a OTAN, xunto a milleiros de mercenarios  estranxeiros e presos comúns liberados das cárceres....dirixidas, armadas  e pagadas por Washington e o Occidente europeo, estimadas en máis de cen mil combatentes  ben equipados e entrenados.  

Neste contexto de terror e caos, ten lugar o regreso de Crimea a Rusia, librándose así da masacre que se preparou e se executa no 2014 en varias Rexións de Ucraína, Odessa....Dombass. A Rexión do leste, o Dombass cunha poboación maioritaria de orixe rusa se separa e independiza. O Occidente califica aos asasinos nazi-fascistas como “defensores da Liberdade e da Democracia”. A guerra xa está desatada entre os mercenarios terroristas nazi-fascistas e un sector maioritario  do pobo ucraíno de orixe ruso en perigo de exterminio a os que Occidente califica de “terroristas separatistas”. O Aparello do Estado xa esta controlado e o seu Exercito profesional e administración dominado polas organizacións nazi-fascistas ao servizo dos EEUU e a OTAN, que procede a masacrar as Repúblicas autoproclamadas do Dombass.  

Ante este feito, Rusia presiona (2014-2022) a estas Repúblicas aínda non recoñecidas por  esta, para que acepten o acordo de MINKS, que contempla unha Autonomía para que se integren nun Estado unitario ucraíno. Mais este acordo  non foi aceptábel nen rexeitábel para USA-OTAN  que o mantén en “Stand By” e promove a invasión  das Repúblicas Populares de Donets e Lugansk, sen tregua.  Durante OITO anos de xenocidio, con milleiros de mortos na poboación,  vellos, mulleres, nenos e nenas, todos eles tratados de “terroristas” polo pacífico e civilizado Occidente, que non dubida en encher de armas e financiar as milicias nazi-fascistas. Os hexemónicos medios de información occidental ocultan estes crimes, e Rusia agarda cunha paciencia que raia o criminal a aceptación pola USA-OTAN dos acordos de MINKS, para garantir a unidade do Estado ucraíno ata que ao fin desiste e proclama ,a petición das Repúblicas Populares de Donets e Lugansk o recoñecemento da súa independencia.  

A reacción do Exército de mercenarios e do seu Presidente títere dos EEUU Zelenski, é brutal e a meirande parte das milicias terroristas son lanzadas contra o Dombass  para o seu exterminio( a prensa occidental non di nada de nada) e as Repúblicas Populares  fan un dramático chamamento a Rusia para que as defenda e as protexa do exterminio.  

Biden comeza a facer declaracións, afirmando que Rusia ía a invadir a Ucraína e o repite con insistencia cada vez que envía máis medios e forzas militares para o bombardeo do Dombass, o que obriga a Rusia a recoller centos de miles de refuxiados no seu territorio (a prensa libre segue caladiña). Rusia nega que vaia a invadir Ucraína, pero ante o descomunal xenocidio no Dombass, monta unha operación especial militar para desmilitarizar e desnazificar o Pais no seu conxunto, co único  obxecto de parar a masacre. A partir de aquí, a Prensa occidental difunde dun modo masivo a falsa narrativa do comezo dunha guerra en Ucraína provocada pola invasión militar da Rusia de Putin. Polo visto antes deste feito non pasou nada, e por suposto non houbo xenocidio nin Golpe de Estado da OTAN-USA. O monopolio da información para Europa é absoluto. Na realidade Rusia non comezou a Guerra, senón que interveu para rematar a que comezou os EEUU.  

Hai que recoñecer que baixo Biden, o Imperio estadounidense logra con esta guerra disciplinar e unificar a Europa como un  firme lacaio multicolor, eliminando as disidencias. Alemania  en especial soporta o peche do Gulf Stream 2 facéndoa depender do gas e petróleo estadounidense, e con isto fai negocio a costa de arruinar Europa. Biden aplícase para crear unha nova Afganistán na fronteira rusa para que os militares rusos se empantanen e desangren nunha loita interminábel contra os terroristas nazi-fascistas ao seu servizo. Xa EEUU está traballando para a creación dunha Internacional Fascista Itinerante, que tamén inclúa Daesh, Iugures chinos...e por que non, tamén unha nova División Azul española xunto a fragata Blas de Lezo...., e tentar de romper os vínculos rusos con China para destruir a Rusia  e despois ir a por China.....pero isto xa é soñar , pois as contradicións do Capitalismo neoliberal e a decadencia do Imperio Unipolar USA, xa parece irreversíbel. Morrerá coas botas postas? Recorrendo a Guerra Nuclear?  

Con certeza, a Rusia de Putin non é a Unión Soviética de Jruschov nin de Gorbachev, e non pensa rendirse diante do falso Occidente que xa é unha minoría no mundo, mais ben todo o contrario. A operación militar especial ten como obxectivo desmilitarizar e desnazificar  Ucraína, non ocupala. Non pode existir unha Ucraína independente sen ser neutral para ser Soberana, Independente de Rusia  e de Occidente,  pero EEUU non quere que un Estado ucraíno destas características sexa viábel , e pode partirse en varios Estados a partir das Rexións.  

Hoxe, un retorno a “Guerra Fría”xa non é posíbel, pois ao presente existe China como aliada de Rusia  fronte o Imperialismo Unilateral que pronto será a potencia económica principal do mundo, e non é imperialista por razóns históricas e culturais, pero tampouco deixase dominar  mantendo sempre a súa independencia política, aínda que non o pareza. Outras Nacións grandes e pequenas están rompendo as cadeas do Imperialismo. Achégase o mundo Multipolar ou a barbarie fascista ?   

               

[14-03-2022 08:17] Dores comentou:

Acreditemos no mundo multipolar antes do que na barbarie fascista.

Grazas por este interesante artigo necesario la díante da ocultación mediática.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña