07:39 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-02-2022

Enxergar a nación con todos os sentidos + a cultura: a peregrinación a Compostela dos de “Nós”

Ascese na busca do “Espírito” que é a cultura: as tradicións, a creación, as relacións....

Valorar (6)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Dende sempre Galiza acendeu faros, abriu portos,  camiños, tendeu pontes e tramou a paisaxe de encrucilladas sobre as que ergueu ao ceo cruceiros cos que sintetizar o viacrucis: velaí os camiños que converxen no sartego de Compostela e mesmo seguen a Fisterra. Peregrinación simbolizado pola cuncha de Venus... entre tantos outros vieiros que levan a santuarios dedicados á Virxe ou a algún santiño, o que mesmo puidera non estar na nómina romana...E esoutro camiño do setentrión, o que leva aos acantilados da Serra da Capelada, ao Santo Andrés de Teixido.  Santuario, onde se aprende, como no oriente, que a vida é ascese de perfección, do caos aos cosmos: pois contan as lendas que a Teixido vai de morto o que non vai de vivo....e neste caso farao a xeito de réptil, de cobra ou de sapo. Transmigración sorteando o caos orixinal na busca da perfección cósmica. Idea que reflicten as estelas galaico-romanas:  as que representan pegado á terra, nas orixes o nome, sigue a ascese, representada por un xeito de escenas como a vendima, o tear, o transcorrer dos días e das estacións.... e no remate na terceira e última parte, nese coroamento triangular, semicircular representarase o Cosmos, a harmonía e farase por trisqueles, rosáceas... Mensaxe simbólico que mesmo se leva ás fachadas do solpor das igrexas románicas: orixe, monstros, pórtico de paso, canicelos escenas da vida e no remate o  cosmogónico rosetón.. como na Catedral Compostelán, que partindo da cripta que representa o Xénese, seguindo a través do  CAOS, entre monstros, ascende ao Pórtico cos profetas, os apóstolos....e o mellor que pode atopar o ser humano , o trunfo da música nos 24 anciáns... e na triangulación o rosetón, como cosmogonía e COSMOS polo que penetran as raiolas do solpor que se desfarán  no oriente,  no Altar que representa o renacer.  

Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Otero Pedrayo, a cerna ourensán do grupo “Nós” son ben representativos da sensibilidade Modernista, adubada de europeísmo e desa mística teosófica que lle daba un carácter místico espiritual e mesmo ese realismo máxico a canto facían. Singulares “inadaptados”,diferentes” que buscan esas orixes nas que saben radica a orixinalidade dun pobo. Raiceiras que neste Cabo do Mundo afondan mais alá dos pórticos Megalíticos, que pasan polos petróglifos, pola protohistoria castrexa, a que entendían “celta” : sentir que incluían dentro do panceltismo occidental atlántico europeo. Filosofía pois impregnado de filosofía oriental á que serviu de ponte a cultura indoeuropea. Era este un xeito de afirmar un pobo fronte á ameaza da uniformidade por imperialismos que  dividían o mundo en bloques.  

Xa nas miras dos románticos galegos, como Antolín Faraldo, Pondal , Brañas, Vicetto ou Murguía, estaba Irlanda, agora no Modernismo, o modelo a seguir será o polígrafo irlandés W. B. Yeats, dado a coñecer, entre outros,  en España pola revista “Nós”. Yeats, igual que moitos modernistas “inadaptados”  era definido noutros ambientes de xeito superficial, como anacoreta, dandi, ególatra....sen entender que a universalidade radica na unidade da diversidade. Como Phileas Lebesgue famoso  pola súa excentricidade vertida cara ás orixes, coñecido - e ben a seu gusto - como “o gran druida dos galos”, director da revista de interacción das artes  “Le Mercure” de Francia, páxinas que tanto influíron e non debemos perder de vista respecto ás orixes de Nós. Revista que serviu de ponte a aquel galeguismo coa Europa modernista, co orientalismo pancéltico, humanista, fronte ás teimas xenófobas xermanistas. Interacción ética, estética, panteísmo, relación paisaxe-paisanaxe, o parladoiro, a música, o teatro, a viaxe a pe, un novo e aristotélico xeito peripatético co que enxergar o devalar, dende o un para os demais. Risco practica e espalla o facer camiño, algo moi na tradición deste pobo de encrucilladas, santuarios e feiras . Incluso escribe varios artigos sobre o tema, remitíndonos a Russeau e a Gandhi, á necesidade de furar, enxergar e comulgar coa  interacción paisaxe-paisanaxe, entrar nas esencias do espírito da Terra, asolagándonos na súa aura: sentir o devalar, sentarse nos mesóns coas xentes do camiño...  Filosofías  de “elite” acuñados como “culturalismo”, cando non é máis que un xeito de filosofía, afondar nas preguntas, o saber de onde vimos pra coñecer cara onde imos.  

E velaí a iniciativa das xeiras - saír da casa e meterse con todos os sentidos postos, máis a intuición, creatividade e personalidade e canto se ten aprendido no noso mundo - na busca do espírito de Nós, daquilo que nos identifica no mundo e que se transmite polo idioma, pola arte, polo xeito de ser e polo que SOMOS.  

O camiño como iniciativa pola que enxergar o mundo tal cal . E velaí neste confín ese xeito de ascese oriente-occidente que é a peregrinación cara un sartego dun Apóstolo. Así que no mes de Xullo do Ano Santo  Compostelán do 1926 - tempos da Ditadura de Primo de Rivera, cando era Ministro de Facenda  José Calvo Sotelo, saído deputado a Cortes polo Carballiño, coñecido entón polas súas iniciativas anticaciquís e sociais, como “Ministro bolchvique” -  uns intelectuais, mozos “inadaptados” de “grandes óculos de carey” e sombreiro, estilo Yeats... con pantalóns metidos nas botas e  bornais de coiro o lombo, con ansias de arqueólogos queren romper o couto ourensán e encetar aquel vieiro: son  Otero Pedrayo, Cuevillas, Lois Feixoo, Risco,  Antón Sánchez e Xavier Pardo Bedía. Cuevillas e Monxardín sairán ao encontro do grupo en Silleda, dous días despois.... Estraños camiñantes que sorprenden ás xentrs do camiño e  ao ladrido dos cans atraen a curiosidade de veciños que creen son enxeñeiros do ferrocarril...mesmo algunha se encara pedíndolle a Risco que lle abra unha estrada e este pra saír do enguedello promételle que a terá.  

 O encabezamento da experiencia é ben ilustrativo “ No camiño de San-Yago. Vieiros de fe, vieiros de ideal”. Quen transmite literariamente a  experiencia será Xavier Pardo Bedía (Compostela 1903-Coruña 1969), editor da revista Libredón transcribindo e mesmo coutando algunhas notas e retranqueira simpatía de  Vicente Risco, quen non dubidaba en ceder material e ideas con tal de levalas ás páxinas de “Nós”. Iso si, todo moi dentro da filosofía peripatética e “de alma” que non deixa de propagar Vicente Risco. Publicarase en “Nós” ( do nº 228 ata o 235, do 1 de Setembro do 1926 ata o 1 de  abril 1927)  No limiar aclara que “...son crónicas sinxelas e expresionistas da paisaxe...” E que “a meirande parte das notas e observacións de esas crónicas que hoxe escomenza a publicarse, son sacadas do minucioso Diario do Viaxe, que coa súa sutileza e mestría fixo o Risco, que si como escritor é formidable, non o é menos como psicólogo”. Caderno manuscrito de Vicente Risco, titulado simplemente “Santiago” que hoxe garda a Fundación Vicente Risco de Allariz. Namentres que das fotos fotografías feitas polo mesmo Risco e das que tanto se fala no recorrido, parece que deica hoxe están perdidas.  

O tema xa foi tratado por Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández no Consello da Cultura Galega no 2020 e por Xulio Dobarro Ferradás en Febreiro do 2021, incluso levado á TVG en outubro do 2020.




 Ascese na busca do “Espírito” que é a cultura: as tradicións, a creación, as relacións....  

Aqueles amigos ourensáns, na noitiña do 7 de xullo xuntábanse na casa de Risco pra estudar o sobre o mapa de Domingo Fontán (presentado no 1834 e gravado no 1845) o traxecto Ourense-Compostela. E sobre del trazar o boquexo do camiño, escollen unha vella e esquecida vía, e seguramente moi escoitada ás xentes do camiño, o camiño dos arrieiros, que pasaba polo Carballiño cara Silleda.. Prepáranse as mochilas, as cámaras fotográficas, compás de rumbo, barómetro, altímetro ...sofisticado kit que mesmo superaba en adiantos aos dos románticos expedicionistas británicos. E tal como concretaron, ás cinco da mañá, no alborear do día seguinte, a hora das leiteiras, o grupo reunirase na entrada da Ponte Nova.  E velaí con “.... Grosas caxatas de monte, fortes zapatóns – mestura de zoco e botas- ... “ collen rumbo, deixando o Miño á esquerda... Van coa presa do principio, nin se paran a describir o que eles  ben coñecen os arrabaldes de Ourense. Pasan por  Bobadela, Canedo, por baixo dos penedos de Quintela, Ponte Ceballos, a unha beira de Vilar de Astres... montes penedíos que acochan arqueoloxías de todo tempo. Iso si, fan fotografías. Como pra coller forzas , denantes de subir a costa de Fraga cara Castro de Beiro, tomarán unhas codias de pan cunha onza de chocolate e que será ritual mañanceiro ao longo do camiño...  Divisan ao lonxe a  Martiñá, silueta de monte baixo o que saben está o mosteiro de Oseira... na conversa do camiño falan sobre o seu abandono e lembran o enfrontamento, por mor do baldaquino, dos paisanos e da Garda Civil, os mortos daquel abril do 1909....e “teñen unha oración polas pobres vítimas inmoladas no altar da Terra”. Imaxino a don Ramón guiando a conversa por aqueles que eran os seus camiños de Trasalba  Ante a parroquial de Beiro fan memoria de Basilio Álvarez, o párroco agrarista, daquela apartado pola Igrexa.  Din sentir baixo aquelas bóvedas o eco das súas homilías do 1912  “ máxica voz, baruda e fera, como poutazo de león, erguía a todo o agro celta, disposto aos máis grandes sacrifizos pola salvazón da Terra”... Ollan e toman nota das figuras de cal trazadas  sobre o paramento dalgunha casa, analizan solainas,  fornos, hórreos... Nesas entran nos Chaos de Amoeiro, don Ramón atopa con coñecidos da casa de Trasalba... Pasan por Liñares, Rouzás, Quintás, Alfonsín...   Xantan en Amoeiro nun mesón de feirantes no que non falta  unhas competentes febras de xamón, ovos fritidos, carne guisada...queixo e “viño bravo”, café e copa de augardente... e despois, tratándose de señoritos de costumes arraigadas, tómanse unha sesta de algo máis de dúas horas, quizais deixando pasar a raxeira do sol, pras catro da tarde tomar novamente o camiño marcado no mapa de Fontán... Nesa andaina reparan no mal gusto dalgunha desas casas de ladrillo visto, no cruceiro da Igrexa de Amoeiro fan fotografías. Deixan o Pazo de Miranda, a Igrexa de Parada, a ponte medieval de San Fiz sobre o Barbantiño... topan coa Garda Civil que queren coñecer o que buscan aqueles mozos. Deixan San Fiz Grande reparando nun peto de ánimas coa Virxe do Carme tallada en madeira. Recorrido onde non se deteñen en arqueoloxías e historias que haber hainas por aquí como ben sabemos hoxe, paisaxes baixo a silueta do Castro de Armeses. Pasan pola Touza e no “Maside Vello” detéñense na igrexa románica de Santo Tomé de Maside, deses templos protogóticos que seguen as sinxelas trazas desta zona.. Lembran que neste cemiterio está enterrado o filósofo kraussista, profesor do Instituto de Ourense, Juan Sieiro González.  

Maside, Dacón.... “de veciños que se sábese en todo o mundo e sobre todo nos bancos...”  

 Xa dando as nove da tardiña no reloxo de longa historia do Concello,  entran no “Maside Novo”, como non podía ser doutro xeito reparan no seu cruceiro policromado, protexido por un enreixado... Nada din da torre do reloxo, nin das curiosas casas con pendello que bordean a estrada, nin do pazo das Condomas. Da poderosa casa dos Ulloa que tamén asoma ao camiño, nin de Amarante.... Anoitece ao paso por Dacón,  senten que as luces da beirarrúa semellan un silenciosa Santa Compaña...o lugar préstase a moita historia, Otero di que destes veciños sábese en todo o mundo e “sobre todo nos bancos”. Aínda fai calor e a xente séntase á fresca nos bancos das portas. Pasan “por diante dun edificio que ten trazas de casino, onde uns señores dan tacadas nunha mesa de billar. Sae un crego con outros señores á porta e fítannos con interese”. Pola Fontela apuran o paso e ... entran no Carballiño. Conta Risco que son as 10,25 e onde primeiro van é a fonda da Bolera, na praza de Agustín Retortillo, na que entrados os anos dará un discurso o mesmo Risco e Chamoso bautizándoa  entón co nome de Emilia Pardo Bazán. A Lola “a Bolera” era a segunda esposa de Antonio Soto, o da ferraxería “As Colonias”, casa da que habería moito que falar e do seu galeguismo tamén. Seguro que fonda ben coñecida por aqueles camiñantes, pero alí non atopan sitio e entón, dinnos que irán á Casa de Carlos, hotel entón de sona e grande,  onde novamente a Garda Civil  volve a interrogalos, nesta o interlocutor é o corpulento don Ramón que xa por si impón respecto. Todos quedan satisfeitos. Aquí tópanse co periodista, avogado  e grande accionista do Hotel da Toxa, o vigués  e amante do Ribeiro e das terras carballiñesas, Jaime Sola, director de “Vida Gallega”. Anotan que un xornalista failles unha entrevista.



Cedo, ás seis trinta  da mañá botan ao lombo os bornais, non sen antes cargar nos petos unhas presas de cereixas que lles dan. Mañanciña fresca aquela, de ceo escampado e aínda de soidade polas rúas, si acaso algún veciño vai a misa.....  O texto de Risco di que pasando polo Campo da feira, cara ao Irixo, ollan a unha e outra banda casas novas, “moi influídas polo estilo moderno, sen pretensións...” recolle  ademais que pasan por diante da tenda  “de Anta”  . O momento sérvelle ao escritor pra metáforas ao estilo Otero Pedrayo.  

 Aínda que non o din  supoñemos que pasan a Ponte Veiga e que na banda dereita deixan o serradoiro do Arenteiro, máis adiante a lagoa de Veiga, resto mineiro antigo, entre outros...  pero nada  nos din.  Risco di que comendo aquelas cereixas, baixo un ceo mañanceiro, “...rubindo e rubindo en varias voltas, até que entran nun atallo de piñeiros e carballos chegamos ao o Pazo de Madarnás...” e  dinte do portalón e baixo un gran carballo volven ao  cotián ritual do  almorzo, o de rillar unha onza de chocolate....Contan que por diante pasa un coche que pon Campinas e  logo outro que pon “ O Noso” ...  ben coñecidas empresas carballiñesas de transporte de “feiras festas e romarías”. Os peregrinos analizan o escudo da porta, con armas dos Temes e Salgado, entran e visitan o pazo, do que era propietario e  último fidalgo, Florentino Temes. Espazos en abandono inicial: capela, dúas solainas...Do interior chámaslle a atención a calidade da carpintería das lacenas e da cama, adornadas con eses motivos astrais, rosáceas, que tamén se ven nas cangas das vacas...sacan fotos.  Visitan a igrexa de Madarnás e Risco párase a facer fotos dos horizontes. Sen comentalo pasan o alto da Medela, á altura da Madanela, monte ben coñecido de Otero Pedrayo por telo nos horizontes da súa Trasalba.... Mal saberían os viaxeiros que hoxe, aquí, nas abas da Esgueva - onde vellos camiños parten cara a Astureses, próxima a túmulos megalíticos  e por iniciativa do poeta Luis  González Tosar, en terreos seus e nun dos seus “locus amoenus”- está o que agora chaman a Insua dos Poetas,  paisaxe a devalar entre esculturas, homenaxes ás letras e á creatividade, á interacción das artes.  

Pasan a Ponte Pedriña....  Refírense ao Castro Pedrido ou de Corneda, parroquia coa súa  poderosa igrexa barroca. Coido que deberan deixar constancia de lugar tan sobranceiro: da vella reitoral, a que vimos esmorecer nos derradeiros anos, cunha solaina fermosísima. Por outra banda encrucillada cara a Xurenzás e Xuvencos.... Risco seguía a tomar fotografías dese pentagrama de montes que rodean a zona.

  Seguen a súa andaina, pasan polo Coucieiro e chegan a Dadín. Son as 11, e coma sempre diríxense a aquela súa igrexa na que manda o  estilo Barroco. Dan unha volta polo adro, miran as  sepulturas, algunhas  con esas rosáceas e símbolos astrais tan representativos da arte tradicional galega... Risco, tan atraído por estas representacións “orientais” e a arte funeraria, repara nunha campa que di “Florinda de Juana”.  Houbo sorte, o templo está aberto: o altar maior de modernismo oxival, presidido polo San Pedro e nun lateral un altar churrigueresco... Mal saberían eles que décadas despois Xesús Saavedra, o escultor dos Apóstolos do arco parabólico da Veracruz do Carballiño, deixaría en moitas tumbas deste mesmo camposanto, algunhas esculturas da súa autoría.  

Arredor dunha caravilla, nunha porta do Irixo  

Seguen o camiño, reparan e detéñense a carón nun portalón que mostra unha atractiva caravilla-petador, xorden comentarios que si lembra a algo exipcio, como unha momia ... Risco enxerga e conclúe que representa, estilizada a figura dun paisano con chaleco e monteira... tíranlle fotos coa ansia de pasarllas a Bouza Brey que anda a recoller estas mostras do bo facer na forxa tradicional. Direi que sobre este feito da caravilla do Irixo e os de “Nós” teño escoitado noticias do coñecido avogado e amigo carballiñés, Alfonso Garcia, o que comentaba que aqueles “sabidos” ourensáns que se pararan demais nunha obra feita, pouco antes da súa visita, por un ferreiro que os de alí ben coñecían, pero eles deixaron falar a tan exóticos camiñantes , que deixaron ir sen contarlle a verdadeira historia.  

Son horas do xantar, os peregrinos cruzan  a ponte sobre o Viñao, a que ten unha figura na doela do arco central. E mesmo alí atopan o que buscan: un mesón e un zapateiro que lle goberna as botas ao Feixoo, xunto cunha acaída mesa na que ben camparon os pratos de lacón cocido, guiso con ovos duros... e coma sempre a sobremesa  de queixo, café e  pra pechar un dedal de augardente. Diso do xantar da boa conta o cronista. Tampouco faltara despois unha sesta. Ben saben o que queda despois: subir á Cruz da Grade, deixar o Foxo do Cabrito, a Pena Negra e encamiñarse cara Silleda.
 
A serra impoñíalles respecto aos camiñantes, tiñan que acometela na hora en que a raxeira amaine e o sol se desfaga en dourados para “enfrentarnos coas fortes emocións que sentiriamos ao toparnos coa natureza de fermosura algo salvaxe, e que semellaba, ao deixar o Irixo abrirnos os brazos para nos acoller no seu seo”. Nesta atopan unha casa do 1777. No horizonte esta o Testeiro, o Faro de Avión... Cordal no que toman nota ata de sete mámoas e dalgún castro... Pasadas as cinco pasan pola Ermida do Fondo,  capela con pendello, esta é a derradeira aldea do Irixo e da provincia de Ourense... están xa na provincia de Pontevedra. Lugares solitarios que se daquela non deron emigrantes pras américas, daríanas logo pra Europa, como arriscados traballadores pros longos túneles do ferrocarril Zamora-Coruña, vidas despois torturadas pola silicose. Proxecto e obras  moi custosas, de gran calidade, pensadas para un futuro que non foi, que é o de hoxe, de abandono, solapadas pola rectilínea do Ave.




Xa se avista o Pico Sagro, alí espera a sementeira, a mocidade do Seminario de Estudos galegos  

Están preto do corazón xeográfico da Galiza de hoxe, a cabalo das catro provincias... o Faro nos horizontes. Pasan por unha ferrería e non lonxe do Castro Maior de Lalín, no Espiño están a 880 metros de altura, á esquerda queda o monte Candán... o luscofusco bótase encima. Apuran o paso por Castiñeiras, aldea da parroquia de Lebozán,  por a Saborida e Dodeirón e.... pasadas as nove están ás portas de Lalín, en Vilatuxe...Entran así no Trasdeza, pasando polo campo da feira dos Carballiños... Seguro que sabían das andanzas por alí, décadas atrás, de Pepa Loba..... Xa manda a noite e con ela as sombras, a soidade, ouvean os cans...os peregrinos falan  de “trasgos e meigas e ánimas doutro mundo...” uns retrásanse, outros adiantan o paso...tarda en ollarse Silleda. Risco comenta que no camiño coinciden “cun home cunha burra, é un fogueteiro vello que leva diante abrazadas tres ducias de bombas, coas canas tesas pra arriba, en feixe, como se levara unha bandeira...” En Silleda todo está pechado, non hai onde pousar.... axúdaos agora un arrieiro de odres de viño, xa motorizado, lévaos ata Trabazo, e aséntalles “eu non sei que son, pero sexan quen sexan,  seguro que máis ladróns ca min non son”. Atopoulle sitio onde xantar cos arrieiros e mesmo durmir aínda que fose aparellados... Polo demais a incerteza e a canseira fixo que non espertaran ate case mediodía daquel sábado, o penúltimo día da peregrinación... Contan que se quedaron a xantar alí mesmo, no “comedor de respeito”, un deses cuartos dedicados nas boas casas do rural galego a festas e defuncións, cun reloxo de parede. Contan que presidía a mesa “unha señorita de faciana enérxica, un pouco vella, de ollos craros, fermosos dentes, bo colore, cabelo cortado a garçonne, collar de doas brancas e negras e ideoloxía de moda ou de U. P...”. Prudente descrición que se para no límite do colar.. Pola curiosidade deducen que é  natural de Toral de los Vados e mestra preto de Silleda. Parece ser que a conversa foi interesante, propia dos nosos días, sobre o tema da muller española, o matrimonio por amor... E como non despois do xantar a tradicional sesta. E alí, en Silleda esperaron polo Cuevillas e o Monxardín que saían de Ourense no Castromil, ao encontro dos seus amigos...Dende entón ata hoxe moito teñen dado as terras do Deza á histroia de Galiza: o aviador Loriga, o astrónomo Aller Ulloa, os pintores Colmeiro de Margaride, Laxeiro de Don Ramiro, Sucasas....  

No fondo xa se vía o Pico Sagro e quedaba por ver Carboeiro...símbolos nesta peregrinación. Naquel altar do que foi o sagrado monte Ilicino esperábanos, abaneando a bandeira galega, estudantes e intelectuais do Seminario de Estudos Galegos...eles, ao velos, dende lonxe atan panos brancos a paus e abanéanos....o texto de Risco remata dicindo que entre a emoción e o calor “o corazón semellaba que chegaba á gorxa”. Xa no Altar das lendas de Lupa, Risco oficiou de druída e ergueu o ceo un Cáliz que dicían de Fe e de Ideal, de Espírito.  

Un ano despois daquela peregrinación a Compostela, o 4 de Xullo do 1927 a cerna de “Nós” argalla e fai o camiño de Ourense ao San Andrés de Teixido. A obra do arqueólogo Federico Manciñeira (1870-1043) sobre aquel enigmático santuario - chantado no setentrión de Galiza, nos acantilados da serra da Capelada - estaba fresca entre os intelectuais. E aquel sentimento de poñer os pes na Terra que se espallou e caracterizou ao Seminario de Estudos Galegos, non prescribe, pois na actualidade sobre aquelas “peregrinatios” fixéronse novas versións televisivas e literarias: argumentos non faltan, o camiño nunca acaba, acaba o camiñante que é quen o interpreta.

 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña