A estadía de Blanco Amor en Chile levouno a escribir un libro de reportaxes co título Chile a la vista. Hai moito tempo que Chile pasou de ser un país de paisaxes a ser un país-laboratorio de ideas económicas neoliberais.
Ningún outro país do mundo viviu máis dunha falsa sona «exitosa» no económico como Chile. Falsa porque todo reducíase a uns falsos éxitos macroeconómicos mentres a case totalidade da poboación chilena vivía nunha angustia existencial que rematou coas lexítimas protestas de outubro de 2019 e a elección do socialdemócrata Gabriel Boric para a presidencia.
A «eficiencia» dunha economía neoliberal argallada nas aulas universitarias estadounidenses que serviu como lexitimación da ditadura militar ante o mundo levou a privatizar as pensións de xubilación, inferiores o salario mínimo. A privatización da asistencia sanitaria e do ensino, condenando á poboación o endebedamento por anos para poder acceder o ensino superior, débeda que representa o 0,1% do PIB, ou poder pagar os gastos sanitarios.
Pero a política de estrangulamento da poboación en aras da cadratura das cifras macroeconómicas, seguida pola totalidade dos gobernos posteriores á ditadura militar tiña o seu outro lado co debilitamento do Estado cunha presión tributaria irrisoria para o volume da economía chilena. Se no Estado español a presión tibutaria[i] é do 37,3% e na veciña Arxentina do 28,6%, en Chile apenas é dun 20,9%.
Pero se hai un lugar no que o monstruo liberal impera na vida dos chilenos con absoluta impunidade é no cativo gasto estatal na Seguranza Social. Mentres o Estado español gasta un 12,3% do PIB ou Arxentina un 5,7% en Chile só un 1,5% está destinado a ese gasto, equivalente segundo datos da OCDE a contía que inviste Costa de Marfil no mesmo apartado.
Pero a presenza económica do Estado nos depauperados eidos anteriores, incremento de gasto prometido polo novo presidente, precisa de novos ingresos por medio de reformas fiscais que poderían representar na fin do mandato un incremento nos ingresos de até un 5% do PIB; incrementar as regalías que se lle cobran os grandes proxectos mineiros do cobre, do que Chile é o principal produtor mundial, eliminar exencións tributarias e modificar o imposto á renda.
A principal asesora de Boric en política económica é a catedrática checo-chilena Stephany Griffith Jones unha das valedoras máis importantes do protagonismo do Estado e da banca pública no desenvolvemento con xustiza das economías da zona. Ela recoñece a dificultade das reformas, tendo en conta a formación do Congreso, dividido entre esquerda e dereita, e a posibilidade de que todas as propostas de reforma en materia económica sexan rexeitadas.
Aínda así todo é esperanza ante este novo presidente que non ten nada que ver cos de Bachellet e representa o primeiro goberno popular dende Salvador Allende.
[i] Expansión. Datos da presión tributaria no mundo.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.