13:22 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-01-2022

Neo-uso do litoral e neo-moral

Polo poder divino xudeo-cristiá concedido, cada ser humano considerase con dereito ao uso e manipulación exclusivo da natureza

Valorar (10)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



O uso da costa e do litoral en Galicia foi sempre moi intenso, podemos comprobalo nas construcións e nos oficios. Mais, dende hai anos obsérvase un cambio substancial no uso tradicional e tamén nas consecuencias do impacto no medio.

Os que levamos 30 anos percorrendo o litoral na percura de crebas, no meu caso de restos biolóxicos de tartarugas e mamíferos mariños, comprobamos, hai ben tempo xa, que por moi cedo que baixases a un areal sempre se atopaban pegadas de alguén ter pasado. Así que, practicamente os 1700 km de costa galega son percorridos diariamente nun andar de ida e volta.

Daquela eran dúas as actividades principais nas áreas litorais afastadas: a dos crebeiros e a dos furtivos. Os primeiros son aqueles na percura de tesouros, de diferente caste, que arroxa o mar fóra. Un simple resto de madeira ou unha boia podían ser útiles nunha actividade de reciclaxe permanente. Esta foi de sempre unha actividade dalgún membro afeizoado das comunidades costeiras.

Os segundos tamén percuran tesouros, mais neste caso son produtos do mar preciosos: bivalvos, percebes ou polbos, actividade para a que en todo caso nin están autorizados nin respectan veda ou tamaños, mais que argumentan solidamente o seu dereito sobre os mesmos, ou non. Neste caso a categoría pode ser cualificada en: profesionais, semiprofesionais, afeizoados e turistas.

Mais, dende hai uns anos para aquí hai un uso litoral ocioso, uso que non é novo, mais a novidade é a desestacionalizacion. Son diversos os motivos desta moda de expansión estacional: turismo, novas actividades, segundas residencias, desprazamento poboacional, etc. A percura de amplos espazos de baixa densidade humana, a causa da pandemia, sumouse a esta cuestión.

A historia da humanidade foi escrita por inxenieiros e arquitectos, pois son as súas manufacturas o que nos queda no rexistro arqueolóxico dende antes da idade do ferro. Así parece seguir sendo. Isto significa que no canto de asumir as ensinanzas marxianas e englesianas, que emanan da dialéctica da natureza: humanidade e natureza son a mesma cousa e obrar como tal, o que se asume é que a humanidade atribúese en exclusiva o don divino da transformación da natureza para que deixe de selo. É por iso que, polo poder divino xudeo-cristiá concedido, cada ser humano considerase con dereito ao uso e manipulación exclusivo da natureza, sen mediar palabra.

Aplicando este razoamento ao uso do litoral exposto na primeira parte, podemos comprobar como neste neo-uso litoral calquera monta unha ristra de monumentos pétreos pedriña sobre pedriña, nos coídos ou pedreiras naturais, construíndo unha paisaxe artificial e absurda (apilamento de pedras-stone balancing). Tamén como calquera é quen de crear rotas masivas de paseantes por lugares sensibles, vulnerables e mesmo protexidos. Como fan uso do litoral usuarios con cans e cetreiros que permiten e incitan ás súas mascotas domésticas a actuar sobre as fauna. Tamén como se gañan dereitos, a nivel de conquistador de novos territorios, con simple chantar unha toalla nun areal...por exemplo.

Todo isto sen respectar no máis mínimo NADA do que a natureza, e os seus diferentes compoñentes, precisan como mínimo para desenvolver a súa vida no litoral.

O litoral é un ecosistema moi rico a efectos de biodiversidade, tal e como caracteriza aos ecosistemas con efecto de borde (neste caso terra-mar), mais ao mesmo tempo ten unha compoñente de vulnerabilidade moi alta, polo que resulta moi sensible ás intervencións e cambios, de aí que sexa moi destrutiva por exemplo unha marea negra que chega á costa.

Dentro dos labores e obxectivos da educación ambiental, practicamente inexistente de facto no ensino formal, debe estar na concienciación do uso do medio natural e do respecto ao propio medio e aos seres vivos que sustenta.

Mais alá de todo iso o respecto cara ao outro e a empatía debería ser o comportamento imperante en calquera de nós.

Mais, como non quero que penses que pretendo implantar unha neo-moral a un neo-uso, vou relatar o motivo desta reflexión. Un exemplo, para mostra un botón.

DOQUI é unha femia de lobo mariño que decidiu quedar no noso litoral, despois da tempada estacional de lobos mariños que temos no noso mar. Así dende maio de 2020 a agosto de 2021 transitou libremente por toda a costa de Galiza. Na súa viaxe atopouse con múltiples situacións e moito desprezo pola súa condición animal e polo atrevemento do uso do litoral en tempo estival, é dicir, praias ateigadas de bañistas e sen espazo para ela. Foi expulsada do porto de Laxe a bombazos, foi expulsada de moitos areais polos propios bañistas, foi molestada no seu descanso e finalmente foi expulsada do litoral de Baiona con paus e cans. DOQUI pasou ao litoral portugués onde se repetiron de novo os incordios. Hai unhas semanas foi recollida no Algarve a causa de ter observado unha indisposición no seu comportamento e os equipos veterinarios veñen de tirar do seu estómago anzois, plásticos e redes. Canto máis lle queda por sufrirnos a ese lobo mariño?. Estamos falando dun só caso e poderiamos poñer centos ou milleiros.

Non hai moralina que vala, ou mudamos a actitude humana diante da natureza ou estamos abocados á propia extinción moral e física.

 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña