04:56 Luns, 23 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-01-2022

A base social galega traballadora, chave para a emancipación da Galiza

En todo caso, e suceda o que suceda, o certo é que o valeroso e xeneroso pobo galego non pode ser derrotado endexamáis

Valorar (18)

FRANCISCO GRAÑA



No noso Pais, non é posible un avance progresista no camiño da súa liberación nacional sen o protagonismo e mobilización dun amplo sector social maioritario da súa xente traballadora. A ausencia dunha burguesia propia patriótica é clamorosa. Esta fracción comprende a meirande parte da poboación pouco colonizada pola dominación  política e inxerencia cultural españolista A diferenza dos sectores privilexiados e asalariados  de orixe español, ou non, do ámbito urbano industrial; este sector galego pouco colonizado de xente moi traballadora e activa, hoxe maiormente urbanizado, ainda conserva a diversa psicoloxía individualista e o apego a súa propiedade privada, persoal e familiar, con as tradicións máis profundas do pobo galego. O resto foi emigrando nos últimos anos cara o españolismo e outras influenzas culturais foráneas, pero conservando as características galegas que sempre retornan ao seu orixe.  

O ultra españolismo en puxanza, ten dificil a súa inserción nas galegas e galegos deste Pais, quedando así a súa clientela potencial reducida a os residentes procedentes de España, pois o pobo galego posúe un carácter pragmático e tolerante pouco dados a crenzas ilusorias, e menos alleas a Terra. Somos, en xeral, estraños a calquera fanatismo relixioso, político ou social. As conclusións a que chegamos, se chegamos, están inzadas de relatividade e desconfianza. Deste xeito, como pobo maduro neste tempo, pouco a pouco, vaise erradicando o auto odio e o desprezo a todo o propio, introducidos polos colonizadores españoles e os seus acólitos piñeiristas. O amor a Terra estase convertendo en patriotismo grazas ao medrar do nacionalismo galego. Por iso,  temos que constatar o gran fracaso do do Poder español no seu afán en erradicar desprestixiar a cultura e identidade galegas mediante as prohibicións represivas, usando arreo o seu aparello político e cultural de opresión ata o presente, no que se coñece como a” doma e castración do Reino da Galiza “.  

Nos postremeiros anos do franquismo neste ambente tan antegalego, a partir dos anos 60 e 70 do pasado século, dos que fomos testemuña, os conflitos sociaís e políticos na Galiza foron numerosos e permanentes e, por suposto moito máis combativos que no resto do Estado español. A loita armada de ETA foi unha práctica de terrorismo individual. Na Galiza houbo varias Folgas Xerais no ámbito galego e moitas mobilizacións, mentres que en España foron mobilizacións locais  ou sectoriaís e ningunha Folga Xeral. Na Galiza, as mobilizacións populares obreiras e labregas, pero tamén de múltiples sectores e campos temáticos de carácter galego, mostraron a outra cara  do Pobo Galego, a colectiva, vinculándose de inmediato neste tempo a incipiente loita de liberación nacional. O nacionalismo político organizado aínda era moi feble, pero con estas mobilizacións  recibeu un forte impulso xunto ao sindicalismo nacionalista . A autoorganización dos sectores máis combativos do pobo galego entraron nun proceso de confluencia cara a emancipación nacional do Pais, formando a ANPG e posteriormente no ano1982 o BNG.  

Mais as loitas do pobo galego que aconteceron nestes tempos atopáronse cunha realidade obxectiva e subxectiva moi hostil e negativa, marcada pola existencia dun Imperialismo Unipolar omnipotente ao que está subordinado , que protexe ao decadente  Estado español. O españolismo de dentro e de fora, de esquerdas e dereitas, foi mobilizado por este Imperialismo para reformar e modernizar o Réxime franquista a súa conveniencia, facendo imposible calquera mudanza emancipadora da realidade socio política galega e das outras nacións sen Estado e pobos baixo o Estado español.
 
Para desgraza do noso Pais, a dereita vinculada ao fraguismo aproveitando a Reforma política española, logrou con gran éxito introducirse na sociedade galega co concurso da dereita española, a través do caciquismo existente no Pais produto do dominio español. Cambiando a táctica prohibitiva pola apertura inclusiva. Apelando as costumes e complexos de inferioridade galegos froito de moitos anos de soportar despeito e inxurias, espallou a súa base clientelar e usando o  seu pragmatismo convenceu  a moitas e moitos galegos da utilidade de subordinarse a España, mantendo a súa identidade galega moi deturpada. AP e despois PP convértese na principal forza electoral do Pais, a diferenza do españolismo de esquerdas  que maioritariamente continúa mostrando o seu desprezo a Galiza dende unha suposta superioridade de todo o alleo, facéndoa invisíbel ao exhibir  a súa ignorancia de todo o relacionado co Pais. Así  todos coinciden PP,PSOE,IU co Piñeirismo en proclamar, con distintas versións, a incapacidade de Galiza  e dos galegos e as galegas para valerse por se mesmas sen a subordinación ao centralismo español coa súa  mediación política mercenaria caciquil,  ocultando as relacións de colonización e espolio do Pais.  

Ao dia de hoxe en moi poucos anos,catro ou cinco, moitas cousas teñen mudado. Comezando por Galiza, o nacionalismo galego eríxese na forza política e social máis influínte para dar forza e capacidade a un autogoberno do País, e avanzar cara un Poder Popular a súa Independencia e Soberanía, necesarias para poder exercer o Dereito a Autoderterminación. O próximo será a consecución da maioría electoral vinculada a ao fortalecemento do asociacionismo  galego autoorganizado; como o sindicalismo nacionalista con a CIG, que xa é a primeira forza sindical do País, e o variado campo social de ámbito galego, tanto sectorial como temático. A forza do feminismo galego que ten a Rosalía de Castro como referente entre outras mulleres galegas, é evidente.  

Alén da Galiza, nos territorios baixo o Estado español, tamén avanzaron nestes poucos anos nas tendencias soberanistas e independentistas. Con todo, por culpa da dereita e esquerda españolista na Galiza aínda temos pendente a posta en funcionamento das competencias   contempladas no Estatuto de Autonomía. A inhibición do PP é de escándalo ; privatizando a todo meter, teñen medo que esperte o pobo galego e deixe de necesitar caciques . En Calalunya o conflito político pola súa resolucion de independencia, está lonxe do consenso dun equilibrio co Estado español . As relacións con Eukadi estabilizáronse pola negociación de substanciaís melloras económicas  e sociaís para o pobo euskaldun, e no resto o soberanismo avanza fronte a corupción e putrefacción  do Estado español, cada vez máis illado.  

No entorno exterior global, as mudanzas tamén foron moi positivas para os procesos de liberación dos pobos oprimidos e empobrecidos do mundo, especialmente nalgúns Estados suramericanos. O Imperialismo Unipolar xa non é omnipotente en todos os seus elos  como era no recente pasado; o Poder imperial unipolar occidental está en caída libre, e os seus tentáculos afrouxan debilitándose no que atinxe ao irreformábel Estado español. A crise da tamén irreformábel Unión Europea do Capital, en conflito con varios con varios pobos de Europa e as contradicións con EUA e Gran Bretaña amáis das internas propias, acreditan  que a chegada do mundo Multipolar e inevitábel. Con iso, o nacionalismo galego atopará sen dúbida un terreo máis propicio e óptimo para o desenvolvemento da súa loita emancipadora.  

O BNG, como forza política plural representativa do nacionalismo galego, tanto no electoral como no social, está hoxe ante a responsabilidade de gobernar o noso Pais no camiño dunha República Galega Soberana. O BNG gañará as eleccións e desprazará da Xunta a un PP corrupto , inutil e servil a os intereses dos caciques e grandes empresarios do capital español e global, que hoxe esquilman a Galiza e sustentan un Estado centralista que arruina o Pais. Hoxe o BNG encóntrase nuhas condicións obxectivas e subxectivas idóneas, e con unha equipa e unha presidenta  dispostas a liderar o Goberno do Pais sen ataduras e con todo o seu apoio, como quedou demostrado na XVII Asemblea da Coruña.  

Mais o Goberno non é o Poder. Para que o Goberno sexa Poder e poida comezar a exercelo, o BNG ten que continuar unido no interno e unido ao pobo galego organizado, traballando polo fortalecemento e ampliación da súa organización e capacidade de mobilización, aplicando todas as medidas de Goberno no beneficio exclusivo do pobo galego, e rompendo coas debilitadas  ataduras españolistas; se é que aínda se manteñen sen o apoio do exterior. O Pobo galego xa demostru dabondo a súa capacidade no recente pasado para exercer o Poder Popular, e no presente  nos achegamos a unhas condicións óptimas que debemos aproveitar, para avanzar nun novo Tempo da Historia da Galiza  

En todo caso, e suceda o que suceda, o certo é que o valeroso e xeneroso pobo galego non pode ser derrotado endexamáis, ainda que caia unha e mil veces, sempre se alzará  unha e mil veces , máis unha, para encarar a loita en dirección á unha Galiza Ceibe e Socialista.  
                                                                                     

[17-01-2022 15:29] Dores comentou:

Hai poucas ocasiones para erguer o ánimo pero este artigo cumpre hoxe co optimismo que tanto nos compre. Noraboa, Francisco Graña, por todo ese razonamento tan político. Obrigada.

[17-01-2022 12:48] Moine comentou:

O drama, meu rei, é que a gente nova tem que emigrar se quer resolver avida. A desgraça é que umha grande parte dos seus pais e avós, até eles mesmos, dam-lhe o “pau de maçar o polvo” aos seus carrascos, e nom esqueças que o parlamentário é hoje, a única política que se está a fazer de facto, agás de pontuais actos reivindicativos no eido sindical, e se tamém no leme da Junta estám aqueles que odiam o País e para mais “inri” a sua razom de ser é servir e agionlhassem ante os poderes oligárquicos espanhóis sediados em Madrid


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña