11:56 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-07-2010

Coa que está a caer, será que os sindicatos xa non valen para nada?

A resposta sindical

Valorar (5)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Entón, cando menos que a crise valla para arrombar eses armatostes inútiles, mastodónticas estruturas burocráticas que só fan chupar os cartos de todos, cartos que tanta falla fan nestes intres de naufrago. Aproveitemos, xa que logo, para librarnos dese residuo herdado da noite dos tempos.

Mistificacións e demagoxias coma esta dixéronse sempre, pero pódense sentir nos últimos tempos con máis forza, erguéndose no medio dos urros de "todo vale" e "sálvese quen puider" con que moitos respostan á forte marreira que axita contas de resultados e recomposicións de fondos especulativos. Xaora, temos que analisar quen di estas verdades como  puños para rebatelas como merecen.

Eu, cando menos, xa llas lin ou escoitei nos últimos dous meses a tres preclaros próceres que tiveron a ben ilustrarnos nos medios de intoxicación de masas. O primeiro, un empresario deses que sobran por aquí, que se coñecen por estar apegados ao poder dende as últimas cinco décadas e non pola excelencia ou a innovación dos seus negocios. Outro, un cargo público da dereita (aclaro, do PP, que ese segmento ideolóxico está hoxe en día -non deixa de sorprender a robustez da súa vixencia - moi disputado). E hai uns días un ex-dirixente dunha organización empresarial, desas que pían pola subvencións como cucos despenuxados logo de tiraren polo peitoril do niño os ovos lexítimos, falaba alto e claro: ai, sindicatos modernos, independientes e integrados en el progreso de las empresas. Eu coido que o que el tentaba dicir en idioma cervantino era que, se por el fose, os sindicatos ben podían desaparecer nos derradeiros círculos do inferno, pero dubido se non estarei trabucado e interpretei mal, dada a imposición lingüística do galego que padecemos en Galiza. Pode aclararnos máis as cousas saber que este personaxe exercente de cidadán de a pé era, até hai pouco, xerente dos promotores inmobiliarios e perdeu o seu posto pola crise, imaxino que segundo el causada polos sindicatos.

Amais destes, son continuas as contribucións - veladas ou directas - a esta visión por parte de tertulianos varios ao estilo da caverna madrileña que chegou xa como un vagallón reseco á esquina verde do noroeste. Enfin, o argumento non é que deixen de ter razón por ser quen son, aínda que algo indique. O interesante é que a crítica hai que realizala ao fondo da cuestión que plantexan.

De certo que a fondura da crise económica mundial está a deixar en coiro a moitos. Á socialdemocracia española xa só lle fica agarrarse a ese bastión de dignidade de quen se abstén de votar nin a prol nin en contra do despedimento libre e gratuíto, onde vai confluír cos tamén moi progres PP (Partido Progresista) e Unión, Progreso y Democracia. E os seus equivalentes no eido sindical españolista, cunha liña pactista e de concertación que día a día cedían terreo a custa dos dereitos laborais e sociais, que credibilidade poden ter para tentar maquear as cousas con mobilizacións tépedas e a destempo? O contrapunto a esta actitude veu dende a periferia do Estado, onde o sindicalismo nacionalista tivo sempre unha actitude combativa e nada domesticada nin antes da crise nin agora mesmo.

A  crítica a aquel tipo de sindicalismo podería ser razonábel, sempre que non vir de posturas reaccionarias, que só buscan darlle unha outra volta de parafuso a un sistema rebordante xa de neoliberalismo. Ao igual que o ambiente anti partidos políticos pois todos rouban por igual, o descrédito de todos os sindicatos sen distinción é un caldo de cultivo dos que queren que nada mude, ou que esta crise se resolva a prol dos poucos de sempre. Supón un ataque á base da liberdade sindical. As pretensións de laminación destes instrumentos colectivos de defensa da clase traballadora representan só un chanzo máis no pulso que o poder lle está a botar ao conxunto da sociedade.

E isto é o máis sintomático do que está a suceder con esta crise. Non está escrito en ningures que os que son responsábeis de que se chegase a este punto de crise económica mundial, convertida en crise do sistema neoliberal, vaian deixar o mando da situación, nin que a síntese posterior teña que ser necesariamente mellor nin máis favorábel aos postulados das maiorías sociais. Ben ao contrario, a saída da crise pode significar unha agudización dos aspectos máis negros do capitalismo. Sabemos por experiencia que na anterior crise sistémica o que fixo o poder para resistir foi abrazar o fascismo, aberración na que se pode recuncar se nos pregamos á dereita reaccionaria e buscamos só saídas individuais. Ao cabo, as crises son inherentes ao sistema, necesítaas para reorganizar e reorientar a acumulación do capital cando certos sectores produtivos ou especulativos xa están esgotados. Por iso debemos saber que, por moito que a burguesía forxe as armas e poña en pé a aqueles que as manexarán para darlles morte, precísase superar a alienación e facer que homes e mulleres sexan conscientes de que deben utilizar eses instrumentos para gañar a loita.

Do máis xeral ao concreto. Na Galiza, Comisiones e UGT estiveron presos dunha estratexia sindical que sempre conceptuamos de errada e entreguista. O seu anquilosamento é palpábel, e ante a actual crise non están a resultar funcionais para a clase traballadora galega. Pola contra, o sindicalismo nacionalista debe situarse como referente, como un instrumento útil que enfronte as consecuencias da crise e sexa un contrapunto aos sectores máis reaccionarios que só buscan afondar en máis do mesmo. Non é unha liña nova nin oportunista. Vén de atrás, da nosa oposición á Europa do capital dende o ingreso no Mercado Común, á Europa de Maastricht, da Constitución Europea, da Directiva de Servizos,... á Europa que hoxe está sometida aos ditados do Banco Central de xeito antidemocrático. O tempo dá a razón e nós temos que seguir a única vía para enfrontar a onda neoliberal que galga sobre a crise facendo equilibrios. Non podemos permitir que se saian coa súa sen presentar ningún tipo de batalla.

Por moi narcotizado que estea, ninguén pode crer que a reforma laboral e as medidas que de seguro virán nos próximos meses suporán máis e mellor emprego, poren semella que a sociedade non albisca nin acredita nunha reacción posíbel. Por iso a clarificación da nosa base social, a argumentación ante as capas sociais máis afectadas pola crise, a insistencia na concienciación da transcendencia do intre de cambio que vivimos, ten que conducir á mobilización do noso pobo. É unha cuestión de pura supervivencia, xa que se perdemos esta confrontación estaremos validando para moitos anos unha política antisocial e en contra dos traballadores e traballadoras con graves consecuencias.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña