12:47 Domingo, 29 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-12-2021

Ventos de espolio con salseiro

"Ao quinto pino" non é un argumento.

Valorar (7)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Das escuras factorías da explotación e extorsión ambiental, dinnos enxeñeira técnica do progreso, chegan propostas renovadas.

O seu mal non acouga e ten que dar resposta á ambición capitalista desmedida que ao mesmo tempo confirme un sometemento máis, unha dependencia metropolitana maior, quedando patente que algo máis estamos perdendo.

Así, seguen a maquinar na eólica mariña e como meter na nosa costa os pés dos aeroxeradores, como se en terra non fosen abondos, o caso é poñer unha pica en Flandes.

Polo que van aquí breves reflexións para ir abrindo camiño en contra dun novo despropósito.

"Ao quinto pino" non é un argumento.

Cando se usan argumentos contra a instalación de aeroxeradores en áreas terrestres periurbanas é doado escoitar aquilo de que: hai por aí moito territorio baleiro. Será con menor densidade de poboación, baleiro non hai ningún. Ou que: se coloquen no mar que non os ve ninguén. Polo que o vello argumento mariano: "ao quinto pino", non é tal senón unha falacia, un pasar a bola a alguén máis débil, máis afastado e con menos capacidade de dar resposta. E xa se sabe que o que é o común non é de ningún.

1200 km de costa dispoñibles.

A costa galega é moi extensa e tamén o seu uso, cunha ampla gama e diversidade de usos onde a produción mariña destaca entre todas a causa a alta intensidade da pesca. Nos últimos anos, e a causa da difícil situación das aves de dos cetáceos, causada da intensidade da pesca e outras actividades humanas, establecéronse diversas áreas protexidas incluídas na Rede natura 2000.
A costa norte, fronte Estaca de Bares, sitúase un dos pasos de aves migratorias do mundo e mesmo dispón dalgunhas destas áreas protexidas da Rede Natura 2000.

A biodiversidade mariña galega é inmensa e nela inclúense 24 especies diferentes de cetáceos entre elas varias estritamente protexidas e unha especie, a toniña, Phocoena phocoena, en perigo de extinción. Máis, nada disto importa.

Santos de espolio e salseiro.

Enriba da mesa están xa dous proxectos mariños: San Brandán e San Cibrán que marcan unha fronte de 30 km lineais observados dende a Estaca. Así que a continuación debullo algunhas consideracións a respecto destes proxectos:

- Dada a proximidade de ambos proxectos propostos, pode pensarse que é unha división do mesmo proxecto e, polo tanto, provocan impactos similares e sumatorios.

- A información relacionada coas grandes especies peláxicas recollida no estudo de impacto-EIA de ambos proxectos é incompleta, pobre, imprecisa e deseñada co obxectivo de minimizar a importancia que este hábitat pode significar para as especies residentes e que potencialmente poden facer uso del. É dicir: mentireira.

- A perda de biodiversidade demostrouse en moitos espazos ocupados por estas infraestruturas, polo que sería necesario valorar os servizos ecosistémicos, é dicir, o valor e beneficio que nos ofrece un espazo natural á sociedade humana no seu conxunto, en comparación ao que nos poden ofertar estas infraestruturas, incluíndo a perda de valor do ecosistema. Nada disto interesa estudar nin ofrecer á sociedade.

- Demostrouse sobradamente o impacto destas infraestruturas na súa fase de construción sobre as aves e as grandes especies peláxicas en xeral (cetáceos, tartarugas mariñas e quenllas) e os cetáceos en particular.

- O impacto do funcionamento destas infraestruturas nos cetáceos xa se ten demostrado mediante o abandono da zona en decenas de km. Mais existe moi pouco interese en revelar estes impactos.

- Apelando ao principio de precaución e aos mandatos da Axenda 2030, non podemos aceitar a instalación destes proxectos. O principio de precaución menciónase no artigo 191 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Pretende garantir un alto nivel de protección do medio ambiente mediante a toma de decisións preventivas en caso de risco. Este recurso ao principio de precaución só se xustifica se se compren as tres condicións seguintes:

• identificación de efectos potencialmente negativos;

• avaliación dos datos científicos dispoñibles;

• expansión da incerteza científica.

Neste caso cómprense estas tres premisas.

E só estamos a falar do impacto nas aves e grandes peláxicos, non tocamos aínda o impacto directo na pesca ou na paisaxe e o impacto indirecto das conducións e tránsito marítimo. Non todo vale no espolio de recursos.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña