14:30 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-11-2021

A marcha da “mutti”

Realmente podemos quedar con esa idea de Angela Merkel?

Valorar (22)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Tras dezaseis anos presidindo o goberno alemán e tendo a última palabra nas decisións importantes da Unión Europea, anúnciase que Angela Merkel abandona as nosas vidas. A súa retirada vén acompañada de grandes panexíricos, presentándoa como esa “mutti” (nai en alemán) que todos e todas quixeramos ter, unha nai boa, comprensiva, preocupada porque os seus fillos e fillas teñan un próspero futuro; inimiga de estridencias e espectáculos, pero firme e dura cando ten que ser.

Realmente podemos quedar con esa idea de Angela Merkel?; esa persoa cabal, sensíbel e preocupada, era só imaxe?

Quen teña en conta exclusivamente os indicadores macroeconómicos de Alemaña valorará como moi positiva a súa xestión, pois mantivo a Alemaña como primeira economía e motor da Unión Europea; unha valoración que aumenta se temos en conta que superou importantes crises económicas no seu longo período de goberno.

Se atendemos ás comparativas que se fan con algún outro líder mundial co que compartiu funcións, como Berlusconi, Trump ou Putin, dirase que non hai color, pois ela sempre tivo un saber estar.

Nestas semanas previas á súa retirada hai práctica unanimidade ao destacar de entre as moitas decisións que adoptou, sobre todo dúas que demostran o seu inmenso humanitarismo. A primeira, cando diante da crise de refuxiados de 2015 dixo que había que abrir as fronteiras de Europa; a segunda, cando en 2020 decide eliminar a política económica baseada no equilibrio orzamentario e a chamada “austeridade”.

En base a esas dúas medidas, é entendíbel que a figura de Angela Merkel teña un nivel de aceptación amplamente positivo entre a poboación do seu país e do conxunto da Unión Europea. Pero a figura e a etapa gobernamental de Merkel, saíndonos do lavado de imaxe e dos datos macroeconómicos, supón un importante avance nas políticas neoliberais, a imposición a lume dos recortes na UE, en base á lei do máis forte, e unha importante degradación das condicións de vida na propia Alemaña, sen que se avanzara na converxencia  entre os territorios procedentes da RDA e os da RFA.

Das súas decisións fixo co-partícipe á outra pata fundamental do sistema político alemán, pois dos seus catro mandatos como xefa de goberno tres foron presidindo executivos da chamada gran coalición, entre o seu partido, a dereitista CDU e a socialdemócrata SPD.

Na Alemaña post-Merkel os baixos niveis oficiais de desemprego conviven con unha cada vez maior precariedade laboral, co aumento exponencial dos falsos autónomos, cos contratos lixo e coa necesidade de contar con varios empregos para poder ter uns ingreso dignos a fin de mes. Segundo datos de 2019, máis do 16% da poboación alemá vive por baixo do límite da pobreza, as infraestruturas están deterioradas por falta de investimento, e as varias modificacións no sistema de pensións ten provocado unha redución moi importante do seu valor.

 A súa política de abrir fronteiras aos refuxiados que viñan de Siria, Afganistán e outras zonas de conflito de Asia e África non tiña outro obxectivo que favorecer o aumento de beneficios empresariais. A  entrada deses centos de miles de persoas no mercado laboral alemán, fixo que en conxunto actuaran como o exército industrial de reserva do que falaba Marx, aceptando  empregos a cambio de salarios moi baixos, e facendo presión de xeito involuntario en sectores laborais que teñen visto en todo este período, como se degradaron as súas condicións de traballo e reducíronse os salarios reais.

Se falamos da súa política europea hai aparentemente decisións contraditorias como impoñer hai un decenio a algúns estados, destacando Grecia e Portugal, medidas de recorte que agravaron situacións de miseria, e agora aprobar a creación dun fondo de recuperación para atallar as consecuencias da COVID. Algo que se nos presenta como un mérito de Merkel, que finalmente foi quen de entrar en razón, pero unha e outra decisión responden exclusivamente a dous momentos distintos e un obxectivo común, o obxectivo de manter os niveis de ganancias das grandes corporacións empresariais e da banca.

A decisión de ser inflexíbel e afogar por medio da troika a pobos como o grego ou o portugués debíase fundamentalmente á esixencia de que a banca e os investidores en débeda alemáns non perderan os seus cartos. A decisión de adoptar todas as medidas precisas para rescatar a banca, sen ter en conta os sufrimentos do pobo converteuse en norma en toda a Unión Europea.

Diante da situación provocada pola pandemia era moi complexo manter a política do déficit cero, pois podía levar ao colapso en algúns países, favorecer a estratexia china e provocar revoltas sociais. Tres escenarios que de darse, tanto xuntos como por separado, terían repercusións negativas para as altas finanzas,  e unha Merkel inflexíbel perdería prestixio e capacidade de mando. Esas son as razóns que a levaron a mudar a súa posición, co aplauso de todos os gobernantes europeos.

O Fondo de Recuperación, coñecido popularmente como Next Generation, apenas se diferenza da famosa “austeridade”, pero incorpora a vaselina. Como di Yanis Varoufakis o “...Fondo de Recuperación é, intencionalmente, insignificante en termos macroeconómicos, é dicir, é demasiado pequeno como para defender aos pobos e ás comunidades máis débiles da UE da austeridade que inevitablemente chegará, unha vez que Berlín de luz verde á «consolidación fiscal» para controlar a expansión das débedas nacionais...” A vaselina vén incorporada para que as condicións que deben cumprir os estados (reforma laboral, redución do gasto público, modificación do sistema de xubilación avanzando nos mecanismos privatizadores, aumentando a idade E os anos de cómputo...) sexan asumidas pola poboación como un mal menor, fronte a perspectiva dunha hecatombe caso de non recibirse eses fondos.

Angela Merkel marcha e aqueles para quen traballaba estanlle agradecidos, pois garantiu que segan facendo caixa, sen importar que sexa a costa da dor e do sacrificio do pobo alemán e do resto de pobos da Unión Europea. E ademais deixou para a posteridade un concepto de democracia que pode parecer aberrante pero que é central na UE e en todo o mundo capitalista;  ese concepto empregado por ela en repetidas ocasións nas súas intervencións no propio Bundestag,  é o da  “Marktkonforme Demokratie”, que traducido ao noso idioma significa “Democracia en función do mercado”. É dicir, para ela os intereses do mercado son o fundamental, sendo a democracia un apéndice que debe funcionar e organizarse en base ás necesidades de quen controlan a economía.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña