18:35 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-09-2021

UNHA CASPOSA MOSTRA DE SUBMISIÓN

Valorar (22)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Nesta semana celébrase na Illa da Toxa a terceira Edición do Foro la Toja,  evento que se presenta como “unha cita de referencia no debate intelectual e académico” no que “a independencia de criterio, a pluralidade e a excelencia son os criterios que van definir a organización do Foro, que non responde a ningún outro interese económico ou empresarial.”

Aínda que as publirreportaxes e titulares de prensa preparados xa desde hai días vánnolo poñer un pouco difícil, é bo que tentemos apartarnos un pouco dos focos que o alumean; se o conseguimos  comprobaremos que ese Foro La Toja que ten como obxectivo ser algo así como un novo Davos ou Club de Bilderberg,  non deixa de ser unha casposa demostración da submisión das elites políticas do estado español e de Galiza e unha mala imitación dos orixinais.

Coa súa presenza, Núñez Feijoo e Pedro Sánchez demostran non ser máis que dous acomplexados e submisos, e en vez de exercer de gobernantes cada un no seu ámbito, o que fan é renderse diante dos sectores empresarias máis comprometidos coas políticas económicas neoliberais. Proba esta de que o bipartidismo PP/PSOE non ten outra función que a de xestionar e aplicar o que se decide en determinados consellos de administración.

Pese á declaración de intencións o Foro ten un  interese económico e empresarial claro e definido. Só precisamos consultar o listado de patrocinadores para confirmalo, nel atopamos entre outros Abanca, Iberdrola, Inditex ou El Corte Inglés; catro exemplos de políticas  económicas contrarias ás maiorías socias, e catro empresas que despregan grandes e custosas campañas publicitarias para lavar a súa imaxe e esconder como conseguen realmente os seus beneficios. Comisións bancarias abusivas, despedimento de milleiros de traballador@s, peches de oficinas, subas descomunais dos prezos da enerxía eléctrica, emprego de man de obra infantil e semi-escrava para producir prendas de roupa ao tempo que reducen dereitos ás súas empregadas, estes son algúns méritos deses patrocinadores. Grandes empresas con importantes conexións en ámbitos políticos e xudiciais, grandes empresas  que non conformándose coa explotación e a estafa, nalgúns casos están directamente implicadas no financiamento das organizacións de extrema dereita do estado español.

E se os patrocinadores son proba de que os debates do Foro La Toja non buscan nin mellorías sociais nin poñer límite ás políticas neoliberais, a maioría dos oradores mostran que estamos diante dun evento que non é máis que un agasallo do gran empresariado con tres días a gastos pagos nunha illa da ría de Arousa a xente que lle foi moi útil no seu momento en determinados postos políticos e institucionais.  Moitos dos poñentes, homes na súa inmensa maioría, teñen no seu currículo o prefixo “ex-“, uns “ex-“ que aproveitarán para emitir o discurso que responde aos intereses desas grandes corporacións.

No panel de relatores nin unha soa voz discrepante que poida amargarlles a festa, non vaia ser que neses tres días poidan aparecer a precariedade laboral, os salarios que no chegan a fin de mes, o desmantelamento dos servizos públicos, o peche de empresas que dan beneficios...E para evitar calquera  perigo de que os ollos de tan dignos convidados poidan ler algunha frase que os incomode ou aos seus dignos ouvidos chegar consignas desagradábeis, o goberno do estado, ese que se di o goberno máis progresista do mundo mundial, vén de prohibir unha manifestación que a CIG tiña convocada no concello do Grove. Unha manifestación que tiña por obxectivo denunciar a grave crise económica, industrial e laboral que padece Galiza, a decisión da Xunta de Galiza de subvencionar a quen pecha sucursais bancarias e a complicidade directa de Núñez Feijoo cos responsábeis da estafa dos prezos da enerxía eléctrica.

E se todo o anterior fora pouco, os máximos representantes dos poderes executivos galego e do estado, dous presidentes que deberían velar polo cumprimento da legalidade, coa súa participación van ser cómplices dun evento que se sitúa na ilegalidade; un evento que incumpre a lexislación en materia lingüística, ao incluír na súa denominación unha deturpación do único nome oficial e legal do lugar no que se celebra, pois La Toja non existe.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña