18:28 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2021

Estados Unidos: xestoría bélica

Valorar (4)

XURXO MARTIZ CRESPO



Hai libros que non se entenden sen antes ler o limiar, son esclarecedores do contido, danlle o sentido que debe ter ou un sentido distinto. Pasoume recentemente con Marzahn, mon amour[1] da escritora da Alemaña do Leste Katja Oskamp. O limiar de Belén Gopegui indica que o libro sería imposíbel de escribir nunha sociedade capitalista e traslada o protagonismo das historias dos pacientes á escritora, porque tamén é a súa historia.

A recente retirada de Estados Unidos de Afganistán é comprensíbel desde distintos prólogos, pero sempre impensábel sen eles. A recente proposta electoral de Die Linke, por medio do seu líder parlamentar Dietmar Bartsch, contra as misións militares alemás no estranxeiro e a saída de Alemaña da OTAN por «anacrónica» non deixa de ser un aviso sobre o innecesario papel de «protector» de Estados Unidos (léase OTAN) na actualidade. Die Linke vai alén e aposta non só pola saída senón tamén pola creación dun organismo multilateral de seguranza no que estea Rusia. 

Estados Unidos leva xa varias décadas tratando de xustificar o seu clube militar por diversos medios e arrastrando os seus socios a tolas aventuras no nome da liberdade e da democracia apagando lumes con gasolina. Pero o mundo mudou en todos os aspectos pensábeis e un alporizado Trump exixiu cartos aos socios europeos pola súa «protección» por non compraren armamento a Estados Unidos. Recriminou a Merkel o cativo gasto en armas estadounidenses e retirou, en 2020, 12.000 soldados estadounidenses de Alemaña en represalia.

A última guerra gañada por Estados Unidos rematou en Europa e Xapón en 1945. A mesma que elevou o país a primeira potencia mundial económica, militar e cultural (sinto dicilo) determinou que todas as sucesivas fosen un desastre militar malia non afectar o seu estatus de primeira potencia do mundo.

Estados Unidos converteuse nun xestor de guerras[2], sen posibilidade nin necesidade de gañar ningunha, iniciando guerras e administrando e repartindo danos colaterais, retiradas e invasións baixo calquera pretexto. Leva tantas décadas xestionando as súas derrotas que a retirada de Afganistán non é máis ca un capítulo do prólogo que iniciou coa derrota na guerra de Corea en 1953, capítulo que non é o derradeiro nin pon en perigo unha supremacía de potencia decadente nun mundo decadente.


[1] Oskamp, Katja. Marzahn, mon amour. (Marzahn, mon amour: Geschichten einer Fußpflegerin). Editorial Hoja de Lata. 2021.  

[2] Douthat, Ross, La sociedad decadente: cómo nos hemos convertido en víctimas de nuestro propio éxito, Ariel, 2021.  




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña