22:45 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-07-2010

Un elemento básico para a sostibilidade do sistema de pensións é elevar a produtividade reducir as taxas de paro, o que pasa por promover o emprego e por una economía menos especulativa e máis produtiva

Quen pagará a miña pensión?

Valorar (31)

RUBÉN CELA DÍAZ



Comezaron a finais do ano pasado os primeiros globos sonda, logo seguiron as manifestacións sobre a necesidade de reforma profunda do sistema de pensións por parte do Banco de España, a Comisión Europea, a OCDE, as recomendacións do FMI e o Banco Mundial. Hoxe coñecemos o substancial da reforma do sistema de pensións que o PSOE sacará adiante, -si ou si- a partires de setembro e que de seguro contará coa complicidade, directa ou indirecta, do PP e os grandes grupos económicos españois.

O actual modelo de pensións no estado español estivo deseñado orixinalmente pensando nunha familia tradicional onde o único ingreso é o do home, que comezaba a cotizar con vinte anos e que tiña unha esperanza de vida de 67-68 anos, é dicir, máis de 40 anos cotizando e catro ou cinco de pensión. Agora retrásase o inicio de cotización, adiantase a xubilación ao expulsar do mercado a moitos a partir dos 55 e a esperanza de vida aumentou en 10 anos. En definitiva: traballamos menos, xubilámonos antes e vivimos máis.

Polo tanto -desde o meu punto de vista, que non é o de ningún especialista na materia- ademais da situación que tantas veces ten denunciado o BNG sobre a situación de Galiza como a zona do estado cunha pensión media máis baixa (isto daría para outro artigo) é indiscutíbel que existe un problema serio: o envellecemento continuado da poboación.

Galiza é unha das nacións máis envellecidas do planeta. Existen varias estimacións demográficas -cunha fiabilidade relativa- que apuntan a que a partires de 2.020 haberá no estado español, máis persoas con máis de 50 anos que persoas entre 18 e 49. Por certo, a pesar do que digan os detractores da teoría de clases, as clases existen, vaia se existen! e tamén á hora de falar de esperanza de vida: estímase que en función da clase social, esa esperanza pode variar entre 9 e 10 anos... cousa  que, por suposto, non se ten en conta.

EN QUE CONSISTIRÁ ESTA REFORMA

Ao longo das últimas décadas sucedéronse diferentes reformas, que aínda que modificaron aspectos importantes para a cidadanía, non puñan en tela de xuízo o esquelete do propio modelo. No último tempo, enmarcadas nunha suposta política de estado e diálogo social, é dicir, coa complicidade activa dos sindicatos españois e da patronal.

Agora non estamos perante unha "reformiña", senón botando formigón nos que serán os piares da reforma con maiúsculas. Primeiro aumentarán a idade de xubilación, restrinxirán as prexubilacións, incrementarán os anos de referencia para o cálculo da pensión, etc. para ir dando pasos firmes cara un modelo mixto público-privado de transición, introducir o copago nos servizos sociais, para poder rematar privatizando totalmente o sistema seguindo o modelo chileno.

A pregunta que titula este artigo non é casual. É o leit motiv ao que se amarrará o sistema, sobre todo a banca e aseguradoras, para incidir na visión do cidadán sobre o futuro da Seguridade Social e poder avanzar en paralelo no aumento de seguros de pensións privados mentres se camiña cara a total privatización do actual modelo. O medo é libre. Sábeno ben e tamén o saben administrar.

Estes grupos de presión parten de tres supostos básicos:

a) Unhas perspectivas demográficas da poboación española a corenta anos vista, na que se daría un deterioro moi importante da relación entre contribuíntes e pensionistas que incrementaría até niveis moi elevados o gasto en pensións (sobre o 15% do PIB) e o déficit da Seguridade Social (sobre o 6% do PIB no 2.050).

b) O paso do actual modelo a un modelo 100% privado tipo chileno -que sería o obxectivo último- non é barato xa que estiman que suporía un custo de aproximadamente o 2,5% do PIB (sen entrar nunha das principais complicacións "técnicas" como pola que xa pasaron outros países nesa transición: se todo o mundo se pasa a un novo modelo de capitalización, quen lle paga as pensións ás persoas que non se pasan?) polo que no curto-medio prazo hai que camiñar cara un modelo mixto tipo aos doutros países europeos: Reino Unido, Suíza, Holanda, Irlanda, Dinamarca ou Suecia, un sistema baseado en tres patas: pensión mínima asistencial; plans de pensións obrigatorios profesionais de capitalización até cando menos o 50% do salario, o resto voluntario ou de reparto; e un terceiro nivel de plans de pensións individuais libres.

c) A poboación do estado español apoia maioritariamente o actual modelo de pensións e o seu cambio radical tería unha ampla contestación social.

En base a estes supostos o PSOE co apoio explícito ou implícito do PP, acometerá unha reforma nesa dirección, que se concretarán con toda probabilidade en dous aspectos fundamentalmente:

- Cambiar a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos: o cambio fundamental. Será un incremento que se aplicará de xeito paulatino:

ANO NACEMENTO IDADE XUBILACIÓN 1948 65 anos + 2 meses 1949 65 anos + 4 meses 1950 65 anos + 6 meses 1951 65 anos + 8 meses 1952 65 anos + 10 meses 1953 65 anos + 12 meses 1954 65 anos + 14 meses 1955 65 anos + 16 meses 1956 65 anos + 18 meses 1957 65 anos + 20 meses 1958 65 anos + 22 meses 1959 65 anos + 24 meses
- Ampliación de 15 a 25 anos (se non son máis..) a base sobre a que calcular a pensión. A intención inicial sería de ir aumentando gradualmente o período de referencia de xeito que dentro de 20 ou 30 anos o cómputo do cálculo abarque toda a vida laboral. Un aumento de dez anos suporía unha rebaixa de preto do 10% do poder adquisitivo real das pensións. Se fose de toda unha vida laboral (uns 45 anos) podería chegar a unha baixa dun 30%.

Ademais destes dous aspectos básicos, a reforma irá acompañada doutros cambios, de menor calado en termos absolutos, como restrinxir o uso das prexubilacións ou a revisión á baixa as pensións de viuvidade, sen pago vitalicio para convivencias breves e sen fillos e a modificación das pensións de orfandade para que todos os descendentes se beneficien de igual xeito xa que na actualidade cando o falecido participou en varias unidades familiares se prexudica a parte das/os beneficiarias/os da pensión de orfandade.

HAI QUE REAXIR

Coincidir na detección dun problema, evidentemente, non quere dicir que se teña que coincidir nin na explicación de porque se dá ese problema nin nas posíbeis solucións. Así que, tres consideracións finais sobre este tema:

1. Hai que contestar esta reforma.  

Unha vez máis, e por desgraza non será a última, voltaremos a pagar os custes da crise non que a provocou, senón as traballadoras e traballadores. Unha vez máis, as reformas que se acometen non só non lle teñen custo aos especuladores, ás grandes corporacións, senón que no medio prazo voltaranlle a reportar importantes beneficios a costa da forza de traballo da maioría da poboación. Unha razón máis para que a Folga Xeral de Setembro sexa unha mensaxe nidia e contundente da sociedade galega ao goberno español. Fai falta unha reforma do actual sistema de pensións? Si. A reforma ten que pivotar no aumento dos anos de traballo e na baixa das cuantías medias como paso previo a privatización total do sistema?Non.

2. A verdadeira reforma que o sistema de pensións precisa: aumentar a produtividade e actuar sobre o desemprego

Nos sistemas de pensión denominados "de reparto" como o español, onde as persoas ocupadas son as que financian  maioritariamente as pensións, é indiscutíbel que o envellecemento da poboación é un factor que incide de xeito directo sobre a sostibilidade do sistema. Pero, non hai que esquecer que xunto a este, hai outros dous que teñen moita importancia: a evolución do mercado laboral e a evolución da situación económica.

Un elemento básico para a sostibilidade do sistema de pensións  é elevar a produtividade  reducir as taxas de paro, o que pasa por promover o emprego e por una economía menos especulativa e máis produtiva. A verdadeira reforma das pensións deberíase chamar Galescolas (perdón! Galiñas Azuis), defensa dos sectores produtivos básicos e innovación e creación de postos de traballo. A ecuación e novamente ben simple: con máis cotizantes maiores ingresos. Hai que centrar a atención no paro e especialmente nun dos segmentos sociais máis vulnerábeis ao mesmo: as mulleres. Calquera política que permita ao conxunto de mulleres maximizar a súa vida laboral é básico para as pensións e nese sentido unha rede pública de Galescolas como tentou desenvolver o BNG a través dun Consorcio que ven de fulminar o PP, son esenciais.

3. Hai que defender unha auténtica Democracia

Esta semana, impulsado por diferentes grupos económicos, a  Comisión Europea publicará o Libro Verde (será por aquilo da esperanza...) sobre a reforma das pensións que pedirá aos estados membros a aplicación dalgunhas das medidas que vimos de comentar. Por desgraza, o desenlace desta película é ben previsíbel: o estado español voltará a dicir si wana.

Isto é posíbel porque vivimos nun estado, onde o capital ordena e o goberno español executa. Se é algo tan sensíbel para a poboación como as pensións, é necesario a maiores unha par de chamadas de Obama e Merkel, ou un recadiño a través das empresas de certificación crediticia, pero en definitiva a lóxica é ben simple: uns mandan e outros obedecen. O problema radica en que os que realmente mandan non se presentan ás eleccións e iso en termos políticos ten un nome.


[05-07-2010 16:23] paulo comentou:

O problema fundamental disto é que unha sociedade debería camiñar para que despois de toda unha vida de traballo e contribuíndo co noso esforzo ao mantemento das estruturas públicas, como ten que ser, teñamos un merecido descanso nunhas condicións dignas (hoxe hai pensións que condenan á menidcidade a milleiros de vellos/as do baixas que son, tema ao que non fai referencia o artigo e sería moi bo abordar) e mentras estexamos sans poder facer todas as cousas que non nos permitía a época laboral: viaxar, ocio, netos, o que a cada quen lle pete. En vez diso imos cara atrás coma os cangrexos...

[05-07-2010 11:10] Eu comentou:

E que ademais hai pensións e pensións. Están as que imos cobrar (se callar) os simples mortais e logo están as que van cobrar (seguro que si) os adaíles da austeridade (para os demais), banqueiros e toda esa xente que nos meteu na crise. Eses si que non van renunciar nin a un chisco das súas multimillonarias pensións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña