19:26 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-07-2021

Minaría física ou minaría virtual: o engano do capitalismo verde

Valorar (47)

ROBERT NEAL BAXTER



Non hai un exemplo máis claro do xugo colonial clásico que segue a empobrecer o noso País do que a exploración enerxética, desde os encoros que anegan as nosas terras férteis onde os nosos mil ríos pasan a ser propriedade privada das eléctricas, até a eucaliptización dos nosos montes, pasando polos actuais proxectos de megaparques eólicos que avanzan a paso axigantado como un exército invasor sobre o horizonte.  

Asáltannos por todos os costados: por terra, ar e auga. E todo isto para abastecer o buraco negro que é Madriz, producindo nós a enerxía que alí se consome e non só sen que o lucro reverta en favor do noso povo, mais para que, perversamente, teñamos nós que pagar máis cara a enerxía que aquí se xera. Aí queda: colonialismo puro e duro.  

Un outro exemplo máis recente da rapina programada e sistemática dos nosos recursos naturais témolo nos proxectos de megaminaría que pretendían envenenar o noso solo tan vizoso, verdadeira fonte de riqueza potencial, para lucrar unhas transnacionais radicadas fóra da Galiza. De momento ficaron paralizados grazas às masivas mobilizacións populares, mais nunca hai que baixar a garda e cantar vitoria antes de tempo.  
Paira agora sobre a Galiza a sombra dunha nova ameaza de minaría: a das terras raras, esenciais para pór en funcionamento o capitalismo pseudoverde 2.0. Entre elas, por exemplo, o neodimio (Nd), que desempeña un papel central na produción dos magnetos utilizados nas tecnoloxías baixas en carbono, desde os motores dos carros híbridos e eléctricos até os aeroxeradores. De momento, a minaría das terras raras concéntrase principalmente na China, mais cumpre saber que na Galiza tamén existen xacementos destes elementos que no futuro van ser tan ou máis cobizados que o ouro. Un destes sitios que “alberga 8 dos 27 minerais fundamentais para a UE: antimonio, barita, grafito natural, niobio, tántalo, volframio, silicio metálico e terras raras”, segundo a COMG, áchase na Serra do Galiñeiro, cuxa “explotación xeraría riqueza e fixaría populación norural vaciado”, segundo o Presidente do Colegio de Geólogos de España. Noutros lugares dispomos xa de exemplos de como esta minaría resulta tan sumamente nefasta para a xente e o entorno. Temos que nos mantermos atent@s e dispost@s a axir para frearmos caisquer futuros proxectos deste tipo.





Mais hai outro tipo de minaría de alcance mundial que trae consigo a nova era dixital e cuxos estragos non son menos graves por resultaren menos visíbeis nas nosas paisaxes. Trátase da minaría de criptomoedas, especialmente a máis popular delas, a denominada Bitcoin.  

Xa nos deben soar todas as alertas cando sabemos que se trata dunha ferramenta especialmente querida por parte do chamado ‘criptoanarquismo’, unha manifestación do libertarismo encarnizado que realmente só fica a un paso do fascismo nun mundo onde imperan os ‘mercados’ de xeito selvaxe e onde cada un/ha debe pisar @s outr@s para sobreviver.  

Baseadas na tecnoloxía de blockchain e cun funcionamento en rede do tipo peer-to-peer (P2P) sen nengunha autoridade de controlo central, as criptomoedas facilitan transaccións pecuniarias de xeito anónimo (por exemplo, pagamento de resgates tras ataques con hackware, branqueamento de capitais procedentes de actividades ilegais tais como o narcotráfico ou o tráfico de seres humanos...). Tamén, sob a aparencia da limpeza do mundo dixital, as criptomoedas esconden unha faceta profundamente antiecolóxica. Do mesmo xeito que a armacenaxe nas nubes non é inocua (as equipas sitas nas centrais de servidores non tan virtuais consomen moita enerxía, de modo que o teletraballo deixa unha pegada carbónica cada vez máis importante), a minaría de criptomoedas exixe moitas equipas funcionando sen parar que precisan de ser resfriadas e substituídas constantemente.  

Eis unha serie de dados para entendermos a magnitude do problema:

  Segundo un estudo publicado na revista Joule en 2019, a produción de Bitcoins xera uns 22 millóns de toneladas de dióxido de carbono cada ano, unha cifra que se situaría no ránking entre as emisións producidas pola Xordania e as de Sri Lanka.  

Unha parte importante desta minaría está radicada na China. Segundo un estudo publicado na revista científica Nature Communications, estímase que, só neste país, as Bitcoin van xerar máis de 130 millóns de toneladas cúbicas de emisións de carbono para cando a tecnoloxía chegue ao seu apoxeo en 2024, equivalente a emisións de gases estufa superiores ao nível total anual conxunto da República Checa e Qatar no ano 2016.  

Trátase dun panorama oculto mais non por isto menos perigoso, corroborado por unhas investigacións cuxos resultados foron publicados en Nature Sustainability, que calculou que, entre xaneiro de 2016 e xuño de 2018, a minaría de catro criptomoedas emitiu uns 13 millóns de toneladas cúbicas de CO2 à atmosfera.  

Ou, finalmente, segundo investigador@s da Universidade de Cambridge, a produción de Bitcoins consome máis enerxía eléctrica do que a propria Arxentina...  

A lección é sinxela: nen tudo o que reluz é verde. De feito, o único verde que hai detrás do capitalismo pseudoverde é a cor dos dólares que forran os petos dos de sempre. Non hai que enganarse: a enerxía nunca é gratuíta e, por moito que proveña de fontes máis limpas do que os combustíbeis fóseis, alguén sempre vai ter que soportar os custos, como ben sabemos aquí na Galiza.  

A solución é dupla: a necesidade imperiosa da plena soberanía nacional, a fin de deter a pillaxe dos nosos recursos para lucro das mesmas multinacionais de sempre, paso  imprescindíbel para podermos racionalizar o uso enerxético, tornándonos conscientes do seu custo real, loitando para erixir unha sociedade máis sustentábel e xusta e erradicando a pobreza enerxética, que está destinada a ser o novo flaxelo que aflixa a clase de traballador@s empobrecidas e que, como sempre, azouta con máis crueza as mulleres.


Robert Neal Baxter



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña