09:59 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-06-2021

As administracións incumpren leis pra por a salvo petróglifos, cruceiros, hórreos, escudos, castelos...

Valorar (7)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Entre os primeiros bens culturais que diferencian Galiza están os cruceiros: expresión dunha ascese Nai-Fillo que vai da Terra ao Ceo. Ben o sabía Castelao que, ata o seu final, tratou o tema de “As cruces de Pedra da Galiza” (1950). Para algo debe valer tan exemplar lección. E non soamente forman parte do común galego os cruceiros,  senón os hórreos, cabaceiros, canastros, singulares e sabias construcións, base da chamada “arquitectura do pan”, complementaria de eiras, muíños, fornos... separadas do chan, ventiladas, coroadas por símbolos de fartura, o falo e a cruz, fachenda da casa... Cruceiro e cabaceiro conforman a estampa enxebre, o retrato tópico da Galiza.

Pero hai máis dende a mesma Prehistoria, elementos que nos identifican no mapamundi, a partir do Neolítico e sobre todo na Idade dos Metais. Referímonos aos petróglifos ou insculturas,  un xeito de ideogramas labrados nas penedas, en relación coa vida: co almanaque astral de equinoccios e solsticios, coa auga, o gando, a caza, o agro, a loita pola vida.

 “ Confín dos verdes castros”, caracterizado tamén pola abundancia destas poboacións muradas, as que supoñen dende a Idade dos Metais unha sociedade que parte de grupos familiares, romanizada, no medievo, cos suevos artillar grupos e crear parroquias, igrexarios, coutos palatinos nos que se asocia o poder político e o relixioso, e con isto un xeito de  elites e xerarquías dominando o territorio. Nace naquela Gallaecia, de mapa aínda  por definir, unha fidalguía de casta e rango, un feudalismo con todo o que compota: torres de dominio, emblemas armeiros.... Por algo país, entre os que máis, de gran riqueza de castelos, torres, pazos, de casas con limeiras sobre as que campan os gabanciosos escudos familiares.


Petróglifos, cruceiros, hórreos, castelos, escudos teñen a máxima protección legal

Pois ao que imos: esas mostras que nos identifican: petróglifos, cruceiros, hórreos, castelos, escudos....coas súas contornas están protexidos por Lei, (non menos de 20 metros, por exemplo pra hórreos). Leis que parecen descoñecer os que as promulgan e deben velar polo seu cumprimento, os poderes públicos. Comezando polo mesmo Artigo 46 desa tan traída e levada Constitución Española que di que “Os poderes públicos garantiran a  conservación e promoveran o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e titularidade. A Lei Penal sancionará os atentados contra ese patrimonio....e bla, bla, bla...”  e o poder público inmediato son os concellos e todos os que seguen, municipais, autonómicos ata os estatais...Cada cal dotado co seu aparato ou maquinaria administrativa, máis burocrática que práctico, de concellerías e consellerías, directores, subdirectores, técnicos, órganos consultivos apelidados “de cultura, patrimonio...e turismo”. Existe ademais unha Fiscalía de Delitos contra o Patrimonio Histórico, cunha policía e inspectores que se van formando no tema, mesmo na Garda Civil o Servizo de Protección da Natureza ( SEPRONA) e que semellan ter máis no entreceño aos propios paisanos que á mesma administración que incumpre ou ás  grandes empresas que, pola ignorancia, intereses, pola falla de coordinación entre elas tentan decote contra o patrimonio: vexasen reforestacións indiscriminadas, implantación de eólicos, trazado de vías, de tendidos e postes eléctrico, antenas, depósitos, urbanizacións, intervencionismos...que destrúen patrimonio teoricamente protexido.

Normais son os  cables sobre cruceiros, escudos, hórreos... trazados polas empresas, as que parecen ter carta branca no asunto, seguidos polos trazados viarios que nin protexen os bens cun espazo de respecto...asfaltados ou cementados ata a base.  Todo o que expresa a degradación cultural, a aculturación, cos seus conseguintes efectos e o tan traído feismo, pra máis INRI xa apelidado “galego”, sen afondar no porqué.


Pois velaí as leis  autonómicas e estatais relativas aos Bens de Interese Cultural (BIC) ,tanto materiais (mobles e inmobles) como inmateriais, singularizados polo seu interese histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico, técnico, documental, bibliográfico, sitios naturais... como reflicte a Lei 16/ 1985, 25, Xuño do Patrimonio Histórico Español. Ao que hai que sumar, respecto a Galiza a súa Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, Lei 5/  2016, 4 de Maio,  a que inclúe ademais unha segunda categoría a de Bens Catalogados do Patrimonio Cultural de Galicia, a máis do Catálogo de Bens Culturais que cada Concello debe ter no seu planeamento.

Inclusións de bens que poden solicitarse á Consellería de Cultura da Xunta por persoas ou colectivos, a través de informes debidamente documentados e xustificando tal declaración
Si ben  debe terse moi presente, e insistimos con teimosía, que existen uns bens que teoricamente están protexidos por declaración xenérica. Velaí:

* CASTELOS E TORRES: Decreto 22 de Abril de 1949, Lei 16/ 1985 de Patrimonio Histórico Español.

*  ESCUDOS, PICOTAS, CRUCEIROS, PETOS DE ÁNIMAS... (de máis de cen anos, antes do decreto). Decreto 571/1963

*  HORREOS E CABAZOS de Asturias e Galiza ( de máis de cen anos antes do Decreto). Decreto 449/1973.

* COVAS OU ACOBILLOS CON MANIFESTACIÓNS DE ARTE RUPESTRE, PETRÓGLIFOS. Artigo 40.2 da Lei de Patrimonio Histórico 16/85

VALADOS DE PEDRA SECA  declaración xenérica  como Patrimonio da Humanidade, realizada pola UNESCO no 2018 , poñendo de manifesto as ricas e abundantes tipoloxías existentes en Galiza, marcando propiedades, delimitando camiños, curros... Namentres, ante a desprotección, na actualidade existe un mercado destas solicitadas pedras “como pedra rústica”.  Irlanda ofrece exemplos semellantes, máis cun tratamento modélico en ocasións.

Bens culturais de Galiza que deberan estar sometidos a control, que  non se poden vender, nin trasladar, nin intervir neles e na súa contorna de calquera xeito e sen tratamentos especializados, sen autorización das Comisións Territoriais de Patrimonio, dependentes da Consellería de Cultura. Igualmente para os bens inscritos no Catálogo, como para os Camiños a Santiago protexidos por comisións ao respecto . No 1993 declárase Patrimonio Mundial da Humanidade o Camiño Francés a Compostela, o que se se completa coa mesma declaración en xullo do 2015  coas catro rutas do Camiños do Norte  (Beiramar, Primitivo,Lebaniego Interior Vasco-Rioxano) .

Os propietarios destes bens e afectados por estas declaracións de protección, terán deberes e dereitos e as administración deberan ser áxiles, concretas e dar facilidades e conceder axudas.
Deberes dos poderes públicos de conservación, protección, de elaboración de plans e programas que permitan o herdo futuro destes bens  E se  os concellos, sabendo o que teñen e as súas responsabilidades, non poden polas súas limitacións, deben solicitar medios ás Deputacións que para iso están, denunciar ante a Xunta de Galiza o estado da cuestión, mesmo en casos flagrantes  ao Goberno de España.


Por Felipe-Senén



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña