16:39 Sabado, 28 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-06-2021

As amizades perigosas de Alberto Núñez Feixoó

Valorar (12)

RAÚL RÍO DÍAZ


As amizades perigosas de Alberto Núñez Feixoó


Cando era neno sempre me dicían meus pais que non me xuntara con malas compañías e eu procuraba facerlles caso, pero non sei si a Feixoó lle dixeron o mesmo, ou si llo dixeron non lles debeu facer moito caso, en vista da cantidade de amigos que se botou e dos que agora fuxe deles como o gato escaldado da auga fría.

Todos sabemos das dores de cabeza que lle trouxo a súa longa e fraternal amizade con Rafael Dorado co que andou en iate pola ría de Arousa, co que viaxou a Canarias, Ibiza, Picos de Europa (onde había moita neve) e Portugal, aínda que logo renegou del cando tivo que sopesar que eran mais os prexuízos que lle podía carrexar esa amizade que o que puidera aportar Rafael ás contas do partido. Así que despois de almorzar varias veces na casa do traficante, servido pola súa dona, como dixo o propio Dorado, renegou da súa amizade dicindo que non era amigo e, ademais, que el non sabía en que negocios andaba metido.

Agora a Pandemia da Covid-19 fixo aflorar as miserias doutros grandes amigos aos que beneficiaba, poñendo nas súas mans residencias que deberan ser públicas. É o caso de Josefina Fernández (Chefi, como seica lle gusta que lle chamen), conselleira delegada do conglomerado  de  residencias  de anciáns Domus Vi, á que condecorou case con tantos premios e medallas coma denuncias ten agora ante a fiscalía, pola súa neglixencia na xestión desas residencias nas que  houbo de todo: desde a fame que tiveron que pasar algúns residentes, por non chegarlles a comida, ate a falta de limpeza e de persoal para prestar atención ás e ós usuarios, así como a falta de coidados médicos, aparecendo moitas persoas con úlceras e chagas, como é o caso de  Carmen Barreiro, da residencia de Monforte de Lemos, que tiña unha úlcera nun pé do tamaño dun puño que non lle permitía a mobilidade.

Sen embargo Feixoó impúxolle a esta “empresaria exemplar” a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia  e no 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía, pero a pesar de todo iso, en novembro de 2020, cando xa faleceran nas súas residencias mais de 1.700 maiores, invitouna a falar no Parlamento Galego para criticar a todos os deputados da oposición e loar as virtudes do seu amigo e presidente da Xunta, dicindo que se sentía moi orgullosa e que no nos avergüenza ganar dinero cuidando a los que más lo necesitan coma se as coidaran ben e o fixeran por altruísmo, pero que mais ben debera dicir "non nos dá vergoña gañar diñeiro pola morte dos e das residentes”, pois segundo denuncia a Federación REDE, Domus Vi asinou no 2015 (daquela Geriatros S.A.) un contrato coa funeraria Mémora, a través do cal se establecía que recibiría unha "achega colaboracional" que podía chegar aos 700 euros cada vez que a familia dunha persoa  residente  nun  centro rexentado  por  esta  sociedade  contratase  os  servizos  desa funeraria.

Para traficar coa da gadaña parece que é moito mais efectiva que para coidar a los que mas lo necesitan, así como para esconder o diñeiro á facenda, levando unha boa parte dos mais de 619 millóns de euros, que gañou Domus Vi en 2019, a un territorio fiscalmente opaco como a illa de Jersey, para aforrar os impostos que lle correspondería pagar aquí, e tamén andou moito mais lista, tanto ela como seu irmán Pedro, para poñer o pasado 8 de xaneiro a primeira dose da vacina e sobre o 28 a segunda, aproveitando as que lle mandara a Xunta para os traballadores e internados da residencia que ten en Vigo.

Outro grande amigo que Feixoó xa herdou de Fraga é Benigno Moure, un cura amigo do “Gran Timonel”, distinguido con unha “Medalla de Castelao”, que preside a Fundación San Rosendo, a outra multinacional das residencia de anciáns, que, para deshonra desas medallas que repartían a esgalla, antes Fraga e agora Feixoó, entre os seus amigos, foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600.000 euros a unha muller con demencia, pero que non entrou na cadea a pesar da sentencia xudicial firme, porque o PP opúxose e incluso fixo unha manifestación ao seu favor no ano 2011.

O empresario Gerardo Crespo é outra amizade perigosa para o seu asalto á política madrileña, quen recoñeceu facer achegas no despacho de Luís Bárcenas, no de Romay Beccaría e no de Carlos Negreira, ex alcalde de A Coruña, e afirma que o presidente galego deixou de collerlle o teléfono a primeiros de febreiro de 2012, un mes despois de que llo pinchou a UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal), quizás porque daquela Crespo era investigado na Operación Zeta, como principal cabecilla dunha presunta trama de cursos falsos para autónomos e discapacitados. Despois de que a UDEF lle pinchara o teléfono deixouno na estacada e a súa facturación coa Xunta seica pasou de 1.900.000 euros en 2012 a 36.000 no ano seguinte.

Isto amósanos que Nuñez Feixoó non parece moi amigo dos amigos, pois tamén en 2003, sendo conselleiro de Fraga, nomeou a Pablo Crespo (que non ten nada que ver con Gerardo Crespo) membro do consello de Portos de Galicia, pero, ao destaparse á súa implicación na trama Gürtel, Feijóo negouse a coñecer a quen nomeara responsable dun dos departamentos mais importantes da súa consellería.

Juan Carlos Escotet, o banqueiro venezolano hoxe dono de Abanca, é outra amizade perigosa a quen Feixoó lle regalou Nova Caixa Galicia por 1.000 millóns de euros, cando so o rescate lle costou 9.000 millóns ao pobo galego, admitindo o presidente en sede parlamentar, haber sido un dos principais actores desa venta, en contacto directo co banqueiro venezolano. Este personaxe regresou á actualidade internacional meses despois porque o seu nome figuraba na lista Falciani, unha base de datos cos nomes, os números de contas e o diñeiro que os mais ricos do mundo ocultaban secretamente en Suíza, lonxe das facendas dos seus respectivos países.

Outro encarecido amigo era Francisco Ramón de Lucas (Pachi Lucas), un empresario do seu círculo íntimo investigado por tráfico de influencias na Operación Zeta. Alcumado O Abrelatas e O Conseguidor dedicábase a facilitar adxudicacións das administracións e a el seica lle pagaba Gerardo Crespo 3.000 euros mensuais, por transferencia bancaria, pois segundo a xuíz instrutora da Operación Zeta, Lucas cobraba por realizar xestións ante a dirección do PP por captar axudas e contratos públicos, pero tamén Feixoó se negou a referirse a el no Parlamento, porque non estaba alí e que non se pode falar de quen non ten ningún cargo público, sen explicar logo porque participou en reunións con membros do goberno galego e visitaba a residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío.

Pero a verdade é que si el deixa aos seus amigos na estacada, tamén algúns deles obran en consecuencia, pois o que foi amigo del e de todos os dirixentes do seu corrupto partido, o tesoureiro xeral e da “caixa B” desa organización, o pai do cantante de “Taburete”, cando veu á súa muller na cadea e sen intencións de cumprir a prevaricación que lle prometeran de que non entraría no cárcere, tamén cantou as corenta e púxoo na picota ao dicirlle ao xuíz que o último ingreso que tivo esa caixa B foi unha achega de 50.000 euros que fixo o PP de Pontevedra no ano 2010, cando el xa era presidente do partido e da Xunta de Galiza.

Estes e outros moitos da mesma escola e cortados polo mesmo patrón, que me deixo no tinteiro por non cansar ao lector, son os amigos ou ex amigos de Feixoó, pero o malo de todo isto é que en xaneiro de 2016 afirmou solemnemente no Parlamento Galego: os meus amigos son os intereses de Galiza.

Así que, estamos apañados!


Raúl Río

xuño 2021

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña