Aceptamos en Galiza que o de andar cos marcos ao lombo debía ser considerado deporte patrio. Pero hai máis niso que un chiste de Davila.
A posesión da terra en Galiza está perfectamente estudada desde hai anos pois debe importarnos a historia do noso pobo. O traballo da terra e do mar son unha cara da moeda chamada Galiza. Potente territorio de xentes capaces de transformar esa riqueza herdada de séculos pero aínda sen donos liberto.
Penso nas terras de labor, en mans da igrexa, cando as primixenias ideas de desamortización de Mendizabal no S. XIX ata a actualidade das anacrónicas concentracións parcelarias franquistas. E a terra segue a ser un ben prezado nas parroquias pero non valorado na súa xusta medida polas entidades xurídicas superiores. Ou si.
No resto do continente europeo non ía ser menos. Desde a idade media a ver quen o tiña máis grande, o territorio. Todo para as avariciosas coroas de nobres e reinados sustentadas por servos.
Leváronse marcos a África e estacaron como vacas o resto do mundo ao seu antollo. Aínda hoxe asombran nas nacións atravesadas por Sacagawea as novas cuadrículas coma as dos USA. Centos de pobos divididos, aniquilados e algúns agora mitificados os ínfimos restos culturais que estudamos e repetidos como mantras desde fábricas como Hollywood.
Desde os estados federados alemáns, coas 16 repúblicas parlamentarias dunha interesante historia de reordenacións territorial, ás provincias francesas de 83 departamentos do S. XVIII aos 101 na actualidade ata ao estado español; varían os mapas políticos da escola con ou sen conflitos armados.
Neste estado albiscábase no final do franquismo un sitio distinto para o País...Vasco, Cataluña, para Galiza. E todo quedou amarrado á Lei de Leis que fabrica o neoloxismo nacionalidades históricas nunhas incongruentes ondas autonómicas e cidades autónomas con epicentro na península. Din que mesmo hai xente que non sabe distinguir de Madrid se é cidade, capital, provincia ou comunidade autónoma.
A nosa Galiza rural esquecida nas leis do solo, véxoa convivir co Sistema Métrico Decimal entendéndose mellor coa cunca ou co ferrado. Este varía de parroquias, concellos ou comarcas naturais en función da equivalencia do produto que da un ferrado de terra de entre 400 e 600 m2 -que ben daría para unha casa!- co caixón de madeira homónimo. Semellante a medidas de Castela ou doutras latitudes.
Os montes en man común, bens de copropiedade xermánica e de aproveitamento consuetudinario, baldíos, medeiros e eiras dos veciños, propiedades privadas con camiños de servidumes ou públicos, propiedades municipais, Xunta, Estado, da igrexa,... micro toponimia marcando o paso do tempo pero sen apenas modernizacións que redunden nunha nova Galiza e susceptibles de que lle cambien os marcos se non se está pendente. Posuidores distando moito das ideas nacionalistas no goberno da Xunta, por exemplo, cos exitosos Banco de Terras ou UXFOR (Unidades de Xestión Forestal) acaídas, rendibles, sustentables e máis rápidas de xestionar nun territorio tan tremendamente fragmentado como envellecido que será pervertido aínda máis polos marcos do PP para neoliberalistos. O último, amparados no rimbombante e destrutivo Plan Forestal, polo que 50 organizacións carpían por todo o país: non é o mesmo un rural con monte que un rural a monte!
Os concellos galegos sen delimitar ou actualizar as súas extremas desde anos mentres outros xuntándose. A Galiza Comarcal pintada dunha Fragamegalomanía non reivindica ou devolve esplendor á terra ou a antigos municipios, como Conxo ou á diluída Palmeira nunha Ribeira enmarcada que non destaca como pensaron.
Non tería razón de existir, 40 anos despois da cooficialidade da lingua galega, A Mesa! a maior asociación cultural galega. Pero aí está; para esixir nin máis nin menos que poidamos vivir con normalidade en galego, como recorda tamén o Consello de Europa. Ata aquí chega o cambio de marcos e... Marcos Maceira, un dos moitos incansables na defensa dos nosos dereitos lingüísticos.
Á lei das costas galegas fabricáronlle tamén marcos demasiado lonxe; nun lado do Manzanares coma grandes fitos quilométricos incomprensibles desde Ribadeo a A Guarda.
O ENAIRE con AENA ordena a navegación aérea galega tamén desde fóra como o tráfico rodado que parece recadar aquí para investir alá.
O anacrónico marco cíclico co que nos cabreamos só dúas veces ao ano: o cambio horario. Recordo ao BNG do 2006 e seguido reiterando a necesidade de cambio desta convención, disque para un beneficio económico. E u-los beneficios económicos, sociais na Galiza co mesmo fuso que Portugal ou Canarias cando noutras partes do mundo adaptáronse ao territorio e aos novos tempos?
Quen prognosticaría logo da 1ª proba-misa televisada de 1956 o introito da viraxe cara a dereita centralizadora na península ibérica da era dixital e internet dos medios de comunicación! Pasouse de informar, orientar e entreter a enredarnos mentres nos des informan e reorientan cara os intereses corporativos onde, seguro, se sentan marcos agradecidos.
E así o marco da constitución, enterrado co paso do tempo, ten enriba unha lousa para que se vexa ben a dereitura.
E minte tamén o refrán “De mARCO a mARCO non hai arco”. E quérennos facer crer nunha única pandemia fronte á burremia diaria orquestada que case ninguén se cuestiona. Fannos andar entre marcos arbitrarios e interesados namentres postureo co marco das boas maneiras, protocolo marco, lei marco, marco europeo...marcos e marcos para enmarcar.
O marco do tallón, do hortelexo, da leira, da cachada, da revolta,...Vixiar os marcos de quen vive a carón deles é amor á terra para quen herde, para facer país antes que nolo rouben. Non é pois o paisano quen ostenta o récord de cambia marcos. Cambiamarcos convertido en alcumes mesmo, desproporcionados ou por un feito puntual...entrementres, adoramos mojóns!
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.