02:48 Martes, 13 de Abril de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2021

¿Até cando teremos que seguir agardando para que se declare a nulidade das inmatriculacións de bens inmóbeis realizadas pola Igrexa?

Inmatriculación de inmóbeis pola Igrexa

Valorar (12)

EDUARDO ÁLVAREZ



Na freguesía de Penarrubia, concello de Baralla, onde eu nacín, sempre oín falar dun cura apelidado Nadela Tellado, que fora párroco aquí durante corenta anos na segunda metade do século XIX. Desde hai un tempo deume por investigar nos arquivos sobre este clérigo e sobre outros feitos relacionados coa historia destes lugares. Cando analicei a desamortización na freguesía descubrín que no Suplemento do Boletín Oficial de Lugo do 7 de abril de 1856, foi publicada a Providencia do Gobernador da provincia pola que se facía pública a poxa de catro bens do igrexario de Penarrubia. Trátase da desamortización de Madoz, que afectou propiedades que foran desamortizadas anteriormente que aínda non foran vendidas e nomeadamente de bens do clero secular e municipais. Na provincia de Lugo, neste proceso, foron postos en venda 638 bens inmóbeis, dos cales 613 eran predios rústicos cun valor de remate de 793.806 reais, e 25 urbanos, rematados en 99.254 reais. Os inmóbeis pertencentes ao igrexario de Penarrubia que saíron a poxa foron catro, que no Boletín Oficial se expoñen con referencias á súa extensión, lindes e valores de renda anual e de posta en venda. Todos eles son bens rústicos, pois as casas reitorais e as hortas ficaron excluídos desta desamortización. En conxunto, segundo os peritos que realizaron aquela taxación, os catro bens do igrexario postos en poxa sumaban 2,89 hectáreas e foron valorados en 13.770 reais, cantidade moi elevada para que os labregos da contorna puidesen optar á poxa tendo en conta tamén que un destes predios,de 1,8 hectáreas, que corresponde coa fotografía que se achega,é o mellor prado de rega de todo o Val de Neira de Rei.Jose Nadela Tellado, párroco de Penarrubia nese momento,foi quen,a título persoal, adquiriu estas propiedades do igrexario, que logo deixou en testamento “a disposición de los Señores párrocos que bayan continuando en esta parroquia y su unida por espacio de tres cientos años” coa obriga de que neste longo período de tempo se oficien dúas misas“con la asistencia de seis señores curas cada una de las dos, una en el día, o sea la octava de Corpus y otra en la de difuntos, por el ánima y obligaciones del que dice”. Queda claro que, con este legado, o adquirinte das terras constituíu un usufruto sucesivo a favor dos futuros párrocos designados para esta freguesía limitado a un período de trescentos anos.Por tanto, en virtude de disposicións testamentarias, os predios en cuestión non poden ser nin inmatriculados nin vendidos pola Igrexa porque non goza do seu pleno dominio. Mais, como eu sospeitaba que o bispado inscribise estes bens como propiedade da diocese facendo uso do privilexio que lle concedía a lexislación hipotecaria aprobada polo goberno franquista de 1946, solicitei do Rexistro da Propiedade unha nota simple, que, de certo,ratificou as miñas sospeitas.Con esta información tamén constatei que o bispado de Lugo, para obter esta inmatriculación, realizou un autocertificado falso no que se atribúe o pleno dominio sobre uns bens inmóbeis malia ser coñecedor das cláusulas testamentarias do párroco José Nadela Tellado, por quen aínda cada ano se continúan oficiando as misas na igrexa parroquial como el mesmo estipulou.

O artigo 7 da Lei hipotecaria indica que “a primeira inscrición de cada predio no Rexistro da Propiedade será de dominio e practicarase segundo os procedementos regulados no Título VI desta Lei”. Neste Título VI enuméranse as maneiras en que se procede para inmatricular un predio: A calquera persoa que desexe inscribir por primeira vez un ben inmóbel no Rexistro da Propiedade, a lei esíxelle ou ben a promoción do prolixo expediente de dominio notarial que facilmente pode desembocar nun proceso xudicial cos conseguintes e custosos procedementos (artigo 203) ou a existencia de dobre título público de propiedade con translación de dominio dese ben sempre que os datos deses títulos coincidan cos que figuran nas correspondentes certificacións catastrais (artigo 205). Mais, a Igrexa católica, até 2015, coa expedición dun autocertificado emitido polo bispo de cada diocese, tiña o privilexio de conseguir a inmatriculación dos bens que quixer (artigo 206), iso si, partindo, nalgúns casos, da falsidade de datos autocertificados e, noutros,da ocultación dos mesmos e contando tamén coa benevolencia e laxitude daqueles rexistradores da propiedade que non cumpriron con rigor o que a mesma lei lles require. Explícome: o famoso artigo 206 da Lei hipotecaria, desde 1946,concedíalle á Igrexa católica, equiparándoa coas Administracións e concedéndolles aos bispos a función pública notarial, poder inscribir os bens cando carecían de título de propiedade“mediante a oportuna certificación librada polo funcionario a cuxo cargo estea a administración dos mesmos, na que se expresará o título de adquisición ou o modo en que foron adquiridos”.Resaltamos que na redacción deste privilexio, a autoridade eclesiástica católica encargada da administración dos bens inmóbeis de cada diocese é identificada como “funcionario”. ¿Onde están os títulos de adquisición dos catro predios de Penarrubia inmatriculados a nome da diocese de Lugo? ¿Na certificación,asinada polo bispo-funcionario público, expuxéronse con fidelidade os feitos e o modo en que foron adquiridos eses bens? De ningunha maneira se pode admitir a boa fe na expedición destas certificacións por parte do bispado de Lugo porque nos seus arquivos consta o testamento outorgado polo párroco Nadela Tellado onde el mesmo encarga un irmán seu de que se envíe unha copia ao bispado “para que se obrigue a los súbditos se cumpla lo referido.”

¿Onde están os títulos de adquisición e como foron adquiridos moitos dos 7.131 bens inmatriculados pola Igrexa na Galiza? Tanto o PSOE como Podemos, actualmente no goberno, incluíron nos seus programas electorais de 2019 a “recuperación dos bens inmatriculados indebidamente pola Igrexa” (PSOE e Podemos), pois, “la salud democrática de nuestro país exige que esto se revise a fondo. (Podemos). No ano 2000, o PSOE presentou unha proposición non de lei solicitando a relación de bens inscritos pola Igrexa desde que as modificacións realizadas na lexislación hipotecaria polo goberno de Aznar permitise tamén inmatricular os templos. Durante os oito anos do goberno socialista de Zapatero, o PSOE esqueceuse deste asunto. Nos primeiros meses do goberno de Pedro Sánchez constituído após a moción de censura, anúnciase que xa está confeccionada a relación dos bens inmatriculados. Por fin, no pasado mes de febreiro, este goberno publica a relación, que inclúe 34.961 inmóbeis en todo o Estado, dos que o 20,40 por cento están situados na Galiza. ¿Até cando teremos que seguir agardando para que se declare a nulidade destas inmatriculacións?





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña