16:42 Domingo, 22 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-03-2021

O pasado 17 de febreiro meu tío Suso cumpriu 97 anos, é o último dunha xeración de seis irmáns, o máis novo morreu o 29 de xaneiro

Álbume de familia

Valorar (4)

ADOLFO DE ABEL VILELA


O pasado 17 de febreiro meu tío Suso cumpriu 97 anos, é o último dunha xeración de seis irmáns, o máis novo morreu o 29 de xaneiro. Del xa teño escrito como exemplo dun xeito de pensar dunha persoa con preparación elemental, ler, escribir e as catro regras, cunha visión do mundo limitado a súa contorna, arredor de si, só saíu da casa para facer a mili en Pontevedra, a súa gran experiencia vital da que me fala cada vez que nos xuntamos. Grazas á televisión xa ve algo máis que os Ancares, e opina de política seguindo o argumentario como se fose un político profesional. Como non me gusta perder o tempo nun combate que dou por perdido, xa lle dixen que eu non quería enemistarme coa familia por non coincidir a miña apreciación das cousas coa del. Estando un día de verán diante da súa casa, preguntoume:

  • E hoxe ¿que día é?
  • É 18 de xullo.
  • E ¿é festivo?
  • Non.
  • ¡Claro!, quitaríao Zapatitos.
Despois da moción de censura a Rajoy xa me anticipou que Pedro Sánchez sería peor que Zapatero, non agardou a que deixe a Moncloa para facer una balanzo da xestión dos seus gobernos. Sexa boa, regular ou mala, o resultado final será:
  • Xa o dicía eu, peor que Zapatero.
Un día afirmou que os dun determinado partido político, eran todos ladróns. Eu advertinlle que iso podía dicilo na casa pero non en público, porque ademais non era certo. Andando o tempo destapáronse os múltiples casos de corrupción do PP, o seu partido, e saíu a xustificalo dicíndome:
  • E, todos rouban, e ti si non roubaches foi porque non puideches.
E quedou tan campante. Puxo en dúbida a honradez do seu sobriño para xustificar o proceder corrupto do seu partido. O desconcertante é que este mesmo argumento é o que seguiu no artigo “Caja B y fariseísmo político” (La Voz de Galicia, 6-II-2021) o expolítico, politólogo e profesor universitario José Luis Barreiro Rivas do que agardaba mellor argumento para xustificar a existencia da caixa B do PP, pois comeza coa seguinte afirmación:

“Cualquier observador sabe que todos los partidos relevantes de España tienen una caja B”.

Tal afirmación ven ser o “todos rouban” do meu tío. Para Barreiro o verdadeiro debate non está sobre si os partidos políticos teñen e usan unha conta B, senón sobre quen a ten máis grande. Ao final resulta que o experimentado e versado politólogo opina igual co meu tío, pero dito con mellor prosa. Entre os máis de setenta millóns de americanos que votaron a Trump, non so están os cidadáns da chamada América profunda, senón tamén outros con carreiras universitarias, experiencia política, empresarial, profesional e docente. O trumpismo ou populismo é como as sectas, os seguidores dan por bo o que di o lider, que xeralmente basea o seu discurso na demagoxia e na mentira.

Cifuentes, Álvarez Conde

Deus ten que ser de dereitas porque sempre chama a mellor vida aos que son, ou poden ser testemuños clave en importantes procesos xudiciais. O PP foi favorecido pola providencia cos pasamentos de Rita Barberá, Juan Cotino, Álvaro Lapuerta ou Enrique Álvarez Conde, por citar algúns.

O célebre máster de Cristina Cifuentes, segundo sentencia, é responsabilidade da Universidade Rey Juan Carlos, un ente xurídico, e en todo caso dun catedrático defunto que favorecía a determinados políticos regalándolles esta titulación universitaria, segundo nos din sen que a solicitase a persoa favorecida. A expresidenta da Comunidade de Madrid, xustificou a obtención legal do título mostrando unha acta falsificada, pero non puido presentar o traballo porque non o atopou debido a que se mudou de casa varias veces. Este argumento trumpista, destinado aos seareiros, ten que darlle a risa a calquera estudante universitario, porque para que che dean un título tes que cumprir cos requisitos de acceso á Universidade, matricularte e cursar e aprobar unhas materias. Que eu saiba un máster non é un agasallo que se poda poñer nunha lista de vodas.

Todos os que fixemos unha tesina ou unha tese de doutoramento sabemos que hai que depositar varios exemplares, eu fixen oito. Logo si non está na universidade, se os membros do tribunal non o teñen, é que o traballo non existe. O que me sorprende é que a fiscal ou o xuíz do caso ou os avogados da acusación non lle preguntaran a Cifuentes en que soporte fixera o traballo, porque a estas alturas xa non se escriben a man con caligrafía inglesa e con tinta de Pelikano, nin a máquina con papel carbón para facer máis dunha copia, senón que se fan nun ordenador, para poder envialos por correo electrónico, e con copias de seguridade para non correr o risco de que se perda. A conclusión do avogado defensor é que a beneficiada é inocente e os culpables un ente xurídico, a Universidade, é un morto, Enrique Álvarez Conde. E o tribunal deulle a razón e cargoulle o morto, ademais, a unha das profesoras e á mandadeira da presidenta.

Lapuerta, Rajoy, Barcenas, Casado, Feijóo

No caso da caixa B do PP será o mesmo, o responsable era o tesoureiro defunto Álvaro Lapuerta, pois Bárcenas, como subordinado, só seguía as instrucións do xefe. Claro que habería que preguntarlle aos dirixentes populares, tanto pasados como presentes, porque motivo un partido que presume ter miles de militantes fixo senador a un empregado que o dirixente popular cualifica sen pudor como delincuente. ¿Non sería para telo aforado e garantirlle que en caso dalgún problema coa xustiza o xulgase o Tribunal Supremo coa esperanza de que os favorecesen maxistrados afíns como parece que lle prometeron?

Despois de que Bárcenas tirase da manta para confirmar o que xa se sospeitaba, o voceiro no Senado Javier Maroto dixo que iso era pasado e o xefe Pablo Casado, saíu dicindo que ese PP xa non existe, e a maiores seguindo a tradición, cargoulle a culpa ao PSOE afirmando que persegue ao seu partido con todos os aparatos do Estado, neste caso cambian a policía de Rubalcaba pola fiscal xeral do Estado Dolores Delgado. ¿Realmente considérannos tan parvos como para crer que o presidente e o secretario xeral non sabe nada das finanzas do partido e de onde lle veñen os cartos?

Anque a memoria é fráxil compre recordar que o 11 de febreiro do ano 2009 compareceu Rajoy ante os medios rodeado por todos os prebostes do partido, uns xa son pasado pero outros seguen a ser presente, que asumiron o que dixo, que "No es una trama del PP sino contra el Partido Popular", montada, segundo Federico Trillo, outro gran trumpista, polo ministro do Interior Alfredo Pérez Rubalcaba e pola policía as súas ordes. A xustiza demostrou que estaban mentido.

Que eu saiba Feijóo é pasado e presente, e ante as acusacións de Bárcenas saíu a dicir que cree na honorabilidade de Rajoy. Claro que habería que definir que entenden eles por honorabilidade. Unha persoa calquera que minta en público e ante un tribunal, que defraude á Facenda, que organice un sistema parapolicial á marxe da lei para destruír probas que o podan comprometer ¿é honorable? Esta xente ¿cando pensa asumir os feitos que a xustiza demostra? ¿Cando van saldar coa cidadanía as responsabilidades políticas que queren dar por liquidadas coa perda do Goberno coa moción de censura?

El Rubius, Ayuso e outros conxéneres

A raíz da noticia de que o «youtuber» alcumado El Rubius, un rapaz de 30 anos que conta con case 40 millóns de seguidores, decateime da existencia destes profesionais con conta de resultados substanciosa, este en cuestión 2,5 millóns de euros ao ano. Trasládase a Andorra porque todos os seus amigos están alí, non o fai para pagar menos impostos, 10% fronte ao 47%.

Outro colega, do que no lembro o nome nin falta que fai, dixo que se la pelaba os que o criticaban por no pagar os impostos en España para poder ter unha mellor sanidade e educación, porque el o instituto pisouno pouco. Entón pregunto ¿que aprenden os seguidores dun rapaz que presume de non ter unha formación elemental? ¿É o trunfo da ignorancia? Volve aquí a estar presente o trumpismo.

Como final, apuntar a desbandada de cargos electos de Ciudadanos cara o PP, e os transfugas de Mucia, outra forma de corrupción, que xustifican os intersados polo sacrosanto ben dos murcianos, parece ser que o que menos lles importa son os 70.000 € de nómina anual e o coche oficial. E agora agardar coas eleccións madrileñas o bombardeo trumpista. Desaparecida ETA os dirixentes do PP teñen que buscar outro inimigo. Ayuso, enténdase Miguel Ángel Rodríguez, atopouno, primeiro “socialismo o libertad”, e desde que Pablo Iglesias entrou no escenario electoral madrileño, “comunismo o libertad”. Estannos a dicir que se gana a esquerda vai implantar en Madrid o réxime bolivariano e o dos ayatolás. Ao inicio do 5 de maio xa saberemos a cantos asustaron.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña