01:29 Sabado, 27 de Febreiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-01-2021

Andamos atordoados á forza pola enxurrada de primeiras páxinas de xornais que, no medio dun triunfalismo incomprensíbel, celebran a toma de pose do novo presidentes dos EUA

O mundo respira

Valorar (5)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Andamos atordoados á forza pola enxurrada de primeiras páxinas de xornais que, no medio dun triunfalismo incomprensíbel, celebran a toma de pose do novo presidentes dos EUA. “EEUU y el mundo respiran”, foi capaz de titular un xornal dos de máxima tiraxe, en grandes letras brancas sobre unha fotografía do xuramento de Biden. Tanta ledicia houbo pola marcha de Trump que case ninguén, que eu saiba, foi capaz de reparar nun detalle de interese no discurso do presidente saínte.

No seu estilo habitual, Donald Trump alardeou de moitas cousas feitas durante seu mandato. No seu empeño por darse xabón a si mesmo, o ex-mandatario lembrou na súa despedida un detalle de interese: “Estou especialmente orgulloso de ser o único presidente en décadas que non comezou ningunha guerra nova”.

É certo. E cando un ten razón, hai que darlla. Fiel á súa condición de cabeza visíbel do imperio, Trump non renunciou a planear e executar actos de terrorismo a base de drones, moi na liña dos seus últimos antecesores. A morte do xeneral iraniano Soleimani é, con toda seguridade, a parte visíbel dun iceberg do que se descoñece a profundidade.

É certo que se trata de actos publicamente perpetrados e recoñecidos na súa autoría. O descaro co que o goberno dos EUA recoñece e alardea dos actos de terrorismo que executa é propio da guerra de Gila. É certo que coa mesma facilidade que o imperio recorre ao terrorismo, é capaz de alcumar a outros estados de terroristas sen achegar unha mínima proba. Cuba é unha boa mostra.

Con todo iso, segue sendo certo que o presidente saínte non comezou ningunha guerra convencional nos seus catro anos en ningunha parte do mundo, e que, polo tanto, a portaxe de mortes e sufrimento que por ese medio infrinxiu ao resto da humanidade é menor que a de outros presidentes.

Porque, por exemplo, o seu predecesor Barak Obama, Premio Nobel da Paz e presidente durante oito anos, ostenta nese terreo récords de infarto. Á parte de completar a destrución de Iraq, o pacifista Obama, xunto con outros, provocou o esnaquizamento de Siria e a desaparición de Libia como estado, xunto coa submisión do país a un caos perpetuo do que só saen gañadores os señores da guerra, as milicias islámicas e as compañías de petróleo. O estado máis rico en recursos e máis socialmente avanzado de África, convertido nunha gaiola inmunda onde a escravatura e a explotación sexual campan á vontade.

A defensa dos intereses e dos valores que o imperio invoca é un eufemismo que significa, en linguaxe chan, o dereito a apropiarse dos recursos naturais necesarios para manter a máquina do sistema funcionando, aínda que para iso haxa que acabar con países enteiros e borrar do mapa boa parte da súa poboación. Mais isto son as guerras demócratas, as que non se lembran, as que se obvian, as que xa non se protestan.

Donald Trump, certamente, fixo todas as falcatruadas imaxinábeis menos unha: esa que repetidamente perpetrou aquel presidente Obama, aínda aclamado como líder progresista, da man dun vice chamado Joe Biden que agora nos soa máis que nunca.

O mundo faría mellor en conter a respiración.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña