00:55 Sabado, 27 de Febreiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-01-2021

¿Pode ser o presidente da nación máis poderosa do mundo ou un premio Nobel ignorante? A realidade dinos que si, porque o hábito, ser presidente ou Nobel, non fai ao frade

Linguas e cultura

Valorar (4)

ADOLFO DE ABEL VILELA


¿Pode ser o presidente da nación máis poderosa do mundo ou un premio Nobel ignorante? A realidade dinos que si, porque o hábito, ser presidente ou Nobel, non fai ao frade, digamos Donal Trump ou Vargas Llosa, por poñer dous exemplos. Ás veces un leva sorpresas, unhas esperadas e outras non previstas,  coas persoas mediáticas ou moi coñecidas con independencia da razón da súa popularidade. Neste mundo traidor hai de todo grazas ao indiscutible principio da diversidade étnica, social e cultural. A uniformidade so existe naquelas mentes onde aniña a incultura.

Ignorancia trumpista
Cando un accede a determinado status polas razóns e o procedemento que sexa, vía política ou vía literaria, deberíase ser coidadoso co que se di por iso de que non queda ben meter a pata, e deixar un interrogante sobre a formación e cultura, anque sabemos de sobra que estas persoas falan para a súa clientela, para os seus iguas que se identifican co que eles din. Que máis de setenta millóns de norteamericanos teñan como referente a Trump, é unha demostración evidente do que acabo de dicir. De maneira que as xentes pacifistas e civilizadas,  preferimos combater a ignorancia e o negacionismo coa dialéctica e botando man  da pedagoxía. 

Á vista dos resultados das eleccións americanas, máis ou menos repartidos os votos ao 50 por cento entre demócratas e republicanos, ¿quere dicir que hai setenta e cinco millóns de votantes cultos e setenta de incultos? Pois non, porque tamén os hai con boa formación, e supoño que nalgún momento da mente dun trumpista pode saír algún resplandor. De maneira que máis que falar de incultura  sería máis corrector falar de ignorancia, que é o reflexo da falta de coñecemento dalgunhas cousas. Está demostrado que os partidos, os políticos e o votante de esquerdas é culturalmente antagónico a os da dereita.

Facer ideoloxía coa lingua
Esta introdución ven a conto a raíz do artigo  “La lengua oculta” publicado en El País, un día tan sinalado como o pasado 6 de decembro polo escritor Mario Vargas Llosa sobre a polémica montada polo nacionalismo español a conto da eliminación na lei Celaá de que o castelán sexa lingua vehicular, concepto introducido polo PP na lei Wert. A lei di que as administracións garantirán o dereito para recibir ensinos en castelán e en linguas cooficiais para alcanzar un dominio pleno e equivalente. A materia de Lingua Cooficial e Literatura pasa a chamarse Lingua Propia e Literatura.

Se a lei garante que os alumnos ao rematar o ensino secundario terán un dominio pleno e equivalente da súa lingua cooficial ¿cal é o problema para a dereita? Facer coa lingua o que sempre negan, ideoloxía. Porque a lingua, digámolo ou non, é un dos elementos fundamentais da identidade como pobo, e polo mesmo consubstancial a calquera nacionalismo. Así que a lingua ten un compoñente ideolóxico, social e cultural. Pero o engano está tamén en identificar nacionalismo con separatismo, sendo certo que hai nacionalistas independentistas pero tamén o é que outros non o son.

Linguas cultas e ocultas

Vargas Llosa parece que non está ben informado cando di que o carácter “vehicular” do español sinálase específicamente na Constitución, o cal é ter en moi pouca estima ao executivo que elabora o borrador dunha lei e ao lexislador que a pule, Alfonso Guerra diría “se la cepilla”, pois non creo que introduciran con coñecemento de causa un precepto anticonstitucional. Xa o PP se encarga, como sempre, de pasala polo Constitucional. A Constitución declara no artigo 3º:

  1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla.

  2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.

  3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección.

Non hai peor cego que o que non quere ver pois por ningún lado aparece a palabra “vehicular”. O Nobel afirma apocalipticamente que deste xeito el castellano o la lengua española ha pasado a ser, según esta ley, una lengua oculta o clandestina. Logo, evidentemente sen querelo, ven de recoñecer que cando na lei figuraba o castelán como vehicular, significaba que o galego, o catalán e o euskera eran linguas na situación que denuncia, e dicir, ocultas e clandestinas. De maneira que para el a partir de ahora la lengua que nació en Castilla, cuando el país estaba semi ocupado por los árabes y que se ha convertido en una lengua universal, ¿dónde está?. Se trata de una lengua disminuída, silenciada, preterida ante lenguas locales que son habladas por minorías.

Coa mesma vehemencia coa que o escritor defende o castelán, que os nacionalistas non pretenden aniquilar, e anque quixeran sería empresa de difícil alcance, unha persoa culta tería que defender a coexistencia e promoción desas linguas “locais”, tecnicamente chamadas minoritarias e minorizadas, por ser un patrimonio cultural. Logo o galego que naceu na Gallaecia, cando o país estaba ocupado polos suevos e que foi a lingua oficial e literaria nada menos que da corte de Afonso X, o Sabio, antes de que existise o castelán, e que co portugués se converteu en lingua universal, ¿onde está?

A cruzada quixotesca de Vargas Llosa

Asegura o Nobel que a lei sinala que as clases en español ou castelán non constitúen un dereito de todas as persoas nacidas en España, e pregunta en cantas comunidades autónomas bilingües se cumpre a disposición, e conclúe que só nunha minoría. Acababa antes dicindo en cales non se cumpre. Na súa cruzada para salvar ao castelán, lingua que polo que se desprende considera centralista, da ameaza a que se vai ver sometida polas que el denomina “lenguas periféricas”, chama á mobilización:

Firmemos los manifiestos que haga falta y salgamos a las calles cuantas veces sea necesario:  el español es la lengua de España y nadie la va a enterrar
.

Un premio Nobel de Literatura debería considerar e respectar tamén o punto 3 do artigo 3 da Constitución española, e poñerse na cabeza da manifestación para facer que se respecte e protexa non só o castelán, senón tamén as distintas modalidades lingüísticas de España e as do resto do mundo, por ser un patrimonio cultural da humanidade.

O problema que vexo nesta arenga trumpista é que, como don Quixote, Vargas Llosa ve xigantes onde hai muíños, porque esa campaña “contra el español en la tierra en donde nació Cervantes”, é pura ficción xa que coido que a maioría dos que somos bilingües, que falamos unha lingua periférica, como el lles chama ás que na Constitución figuran como cooficiais, non dubidamos de que o español é a lingua oficial do Estado español e menos que a desexemos exterminar, entre outras razóns porque temos certa sensibilidade e recoñecemos que é un ben cultural e útil, e por iso falamos galego e castelán.

Ao contrario, sentímonos más satisfeitos de ser bilingües. Unha persoa é máis culta cantos máis idiomas fale. Os datos din que todos os alumnos de comunidades bilingües teñen o mesmo nivel de dominio do castelán que os das monolingües. Os políticos cataláns da primeira liña do independentismo demostraron ser trilingües. Aznar preocupouse de aprender algo de inglés, Rajoy nin se molestou co inglés nin co galego. Polo que se ve os monolingües, uns por déficit de formación e outros por ideoloxía, son os que pretenden enterrar ás linguas minoritarias e minorizadas.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña