¿Pode ser o presidente da nación máis poderosa do mundo ou un premio Nobel ignorante? A realidade dinos que si, porque o hábito, ser presidente ou Nobel, non fai ao frade, digamos Donal Trump ou Vargas Llosa, por poñer dous exemplos. Ás veces un leva sorpresas, unhas esperadas e outras non previstas, coas persoas mediáticas ou moi coñecidas con independencia da razón da súa popularidade. Neste mundo traidor hai de todo grazas ao indiscutible principio da diversidade étnica, social e cultural. A uniformidade so existe naquelas mentes onde aniña a incultura.
Ignorancia trumpista
Cando un accede a determinado status polas razóns e o procedemento que sexa, vía política ou vía literaria, deberíase ser coidadoso co que se di por iso de que non queda ben meter a pata, e deixar un interrogante sobre a formación e cultura, anque sabemos de sobra que estas persoas falan para a súa clientela, para os seus iguas que se identifican co que eles din. Que máis de setenta millóns de norteamericanos teñan como referente a Trump, é unha demostración evidente do que acabo de dicir. De maneira que as xentes pacifistas e civilizadas, preferimos combater a ignorancia e o negacionismo coa dialéctica e botando man da pedagoxía.
Á vista dos resultados das eleccións americanas, máis ou menos repartidos os votos ao 50 por cento entre demócratas e republicanos, ¿quere dicir que hai setenta e cinco millóns de votantes cultos e setenta de incultos? Pois non, porque tamén os hai con boa formación, e supoño que nalgún momento da mente dun trumpista pode saír algún resplandor. De maneira que máis que falar de incultura sería máis corrector falar de ignorancia, que é o reflexo da falta de coñecemento dalgunhas cousas. Está demostrado que os partidos, os políticos e o votante de esquerdas é culturalmente antagónico a os da dereita.
Facer ideoloxía coa lingua
Esta introdución ven a conto a raíz do artigo “La lengua oculta” publicado en El País, un día tan sinalado como o pasado 6 de decembro polo escritor Mario Vargas Llosa sobre a polémica montada polo nacionalismo español a conto da eliminación na lei Celaá de que o castelán sexa lingua vehicular, concepto introducido polo PP na lei Wert. A lei di que as administracións garantirán o dereito para recibir ensinos en castelán e en linguas cooficiais para alcanzar un dominio pleno e equivalente. A materia de Lingua Cooficial e Literatura pasa a chamarse Lingua Propia e Literatura.
Se a lei garante que os alumnos ao rematar o ensino secundario terán un dominio pleno e equivalente da súa lingua cooficial ¿cal é o problema para a dereita? Facer coa lingua o que sempre negan, ideoloxía. Porque a lingua, digámolo ou non, é un dos elementos fundamentais da identidade como pobo, e polo mesmo consubstancial a calquera nacionalismo. Así que a lingua ten un compoñente ideolóxico, social e cultural. Pero o engano está tamén en identificar nacionalismo con separatismo, sendo certo que hai nacionalistas independentistas pero tamén o é que outros non o son.
Linguas cultas e ocultas
Vargas Llosa parece que non está ben informado cando di que o carácter “vehicular” do español sinálase específicamente na Constitución, o cal é ter en moi pouca estima ao executivo que elabora o borrador dunha lei e ao lexislador que a pule, Alfonso Guerra diría “se la cepilla”, pois non creo que introduciran con coñecemento de causa un precepto anticonstitucional. Xa o PP se encarga, como sempre, de pasala polo Constitucional. A Constitución declara no artigo 3º:
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.