17:32 Sabado, 27 de Febreiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-01-2021

Vivimos tempos de cambios, ou cambiantes, e non é a causa de ningún proceso revolucionario, se cadra, é causa da resposta máis conservadora do planeta

Para cando a vacina para o (es)quecemento global?

Valorar (5)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


Vivimos tempos de cambios, ou cambiantes, e non é a causa de ningún proceso revolucionario, se cadra, é causa da resposta máis conservadora do planeta, da contestación do propio planeta fronte ás modificacións ambientais, conscientes ou non, propostas pola humanidade.

Aínda hai xente que dubida do quecemento global, como quen dubida de que as folerpas sexan de neve ou de que o que chova sexa auga, de que o planeta sexa un esfera perdida na inmensidade do universo, etc, etc... porque de todo hai en botica.

Quecemento e cambio climático, paradoxos incongruentes

Os paradoxos do cambio climático poden expresarse en feitos aparentemente contraditorios, ou incongruentes, como a chegada a augas meridionais de lobos mariños boreais, eis o caso do lobo mariño de capelo. Mesmo a xeada europea de xaneiro, nun escenario de quecemento planetario.

Mais tamén os paradoxos poden expresarse como cambios no comportamento humano, seguramente como resultado da pandemia na que o quecemento planetario seguro que tamén ten a ver, que non como consciencia da protección ambiental.

Por exemplo: neste último ano diminuíu a mobilidade, por tanto a contaminación, diminuíron as emisións de gases efecto invernadoiro, e polo tanto os ceos están tamén máis limpos, menor chegada de plásticos ao mar, e todo un ronsel de medidas restritivas resultado do confinamento.

O escenario político xiratorio

Mesmo o escenario político vese afectado pola bola de neve do quecemento planetario. Nun momento de recuamento democrático a nivel mundial, caricaturizado pola toma do capitolio polas pírricas forzas da chiripitiflautica ultradereita yankee, vemos como son adoptadas solucións que anos atrás calquera enmarcaría dentro das medidas socialistas da planificación quinquenal estatal soviética. A humanidade torce a mirada a un comunismo instintivo e de sobrevivencia, dende logo sen o cualificativo e sen subirse a ningún cabalo marxista. A seguir da fractura do beneficio do capital, observamos que se acelera o multibeneficio minoritario dos ricos e o desplome da maioría das economías de supervivencia ou capitalismo de pequena escala. Por iso esas medidas non poden ser cualificadas de redistributivas, xirando e rexirando a cada pouco o escenario político nunha confusión espiral.

Mudan as tornas, renxen as bisagras dun estatus quo que é xa inviable manter, e mentres o medio ambiente, e por tanto, o cambio climático sae da axenda, centrada na obsesión da caída do telón de dólares, arrastrando con ela a todos os poderes económicos, incluído o grande depósito de moedas do tío Gilito, e como dano colateral a saúde das sociedades.

Con vacina: hai esperanza?

A esperanza da humanidade, ao igual que foi no seu momento para outros terribles andazos, é o achado dunha vacina, inoculación milagreira preventiva de cepas futuras ou posibles, mais nese anceio esquecemos o cerne dos problemas, o cambio climático causado polo quecemento global. A humanidade, coa centralidade atenta ao seu embigo, como sempre, ignora o mundo no que vive, esquece a dimensión planetaria dos problemas.

Sen nao, nin vento, non podemos navegar, as ratas de a bordo son o de menos. Para cando a vacina contra o cambio climático?, ou mellor, para cando a vacina para o (es) quecemento global?.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña