17:33 Sabado, 27 de Febreiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-01-2021

O que acontece hoxe nos EUA mostra a degradación do sistema que se nos segue a vender como exemplo a imitar

Trump non é Nerón

Valorar (25)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


No serán do pasado mércores asistimos con incredulidade aos disturbios que remataron coa ocupación dos edificios do Capitolio en Washington, uns disturbios realmente chamativos ao tratarse da primeira potencia mundial, e tamén pola tipoloxía dos protagonistas no asalto, cando menos nas imaxes que nos eran ofrecidas.

Temos visto asaltos a Parlamentos noutros países, polo xeral enmarcados nunha estratexia deseñada polos propios EUA para desestabilizar ou derrocar gobernos que non lles eran submisos. Sen ir moi lonxe no tempo o propio Joe Biden, flamante presidente electo que onte criticaba duramente a ocupación do Capitolio e dicía ao mundo que os asaltantes non representaban o espírito e a historia democrática dos EUA, estivo detrás do golpe de estado en Ucraína; un golpe cun número importante de mortos que tivo como unha das accións estrela o asalto á Rada Suprema (parlamento); hoxe Ucraína é unha especie de paraíso de neofascistas e neonazis.

Éranos difícil imaxinar un suceso dese tipo en Washington, pois asumíamos o dito popular de que nos EUA non pode haber golpes de estado ou actuacións desestabilizadoras porque non hai embaixada estadounidense. Pero non creo que houbera unha tentativa de golpe de estado, por moito que sexa a palabra máis pronunciada nos últimos días; pois Trump non quere acabar co réxime.

Trump leva toda a vida conseguindo o que quere, é o espírito do triunfador, aínda que nese trunfo influíra de xeito determinante ser fillo dun millonario; ocultou a parte negativa da súa truculenta historia económica empregando a chequeira, algo moi común tanto en republicanos como en demócratas, e creou a imaxe de alguén feito a si mesmo que é capaz de enfrontarse ao poder establecido gañando contra prognóstico as presidenciais de 2016; e el mesmo acabou por interiorizar parte do personaxe que creou.

Pero nin Donald Trump é Nerón dirixindo a queima de Roma, nin os EUA son o campo de batalla no que se estea decidindo o futuro entre ditadura ou democracia. Hai moito que teño claro que os EUA son unha plutocracia, cun sistema electoral arcaico e unhas elites políticas e económicas que se auto-reproducen e gobernan en función dos seus propios intereses de clase e non dos do pobo.

O que acontece hoxe nos EUA mostra a degradación do sistema que se nos segue a vender como exemplo a imitar, sendo un síntoma de que dentro da elite dominante tamén hai contradicións e enfrontamentos. Trump é unha volta de porca máis nun proceso que non é novo, temos exemplos importantes nos últimos setenta anos; por non ir máis lonxe, o macarthismo, o reaganismo ou máis recentemente o Tea Party. Cada fenómeno coas súas peculiaridades, pero todos eles bebendo das mesmas fontes: os pais fundadores, o espírito de conquista do salvaxe oeste, o tradicionalismo, o supremacismo, e unha combinación de síndrome imperial con complexo de fortaleza asediada.

A diferenza entre os anteriores fenómenos e o trumpismo é de contexto, un contexto o actual que sobre todo na última década creou o caldo de cultivo para que en 2016 Trump puidera chegar á Casa Branca. E os seus catro anos de presidente para uns supuxeron un erro do sistema ao funcionar moitas veces como un incontrolado con criterios propios, pero outros consideran que foi un instrumento útil para parar e analizar o porqué da perda de hexemonía duns EUA que organizaron o mundo ao seu antollo desde a caída da URSS.

O actual contexto defíneno sobre todo dous elementos, un é o proceso globalizador que, xurdido dos EUA, hoxe supón en parte un problema para eles mesmos, pois a deslocalización da produción e o capitalismo de casino propiciado por Wall Street teñen xerado desemprego, importantes bolsas de pobreza e a conversión do soño americano nun pesadelo para millóns de estadounidenses. O outro elemento é a popularización da chamada sociedade da información cun reinado das redes sociais que amplifican e distribúen o lixo informativo producido por diversas cadeas de tv e medios electrónicos, cunha distribución que chega a todo o mundo, pois hoxe todo o mundo ten un aparello móbil, e que crea percepcións sobre a realidade que hai un par de décadas consideraríamos propias de consumidores de sustancias alucinóxenas. Ambos elementos non son exclusivos dos EUA senón tamén do noso propio contexto, e están detrás do auxe dunha extrema dereita e dun neofascismo que contan con medios que lles permiten gañar posicións no combate ideolóxico e empregan moi habilmente as emocións, sobre todo nas clases populares.

Escribín poucos días despois das eleccións presidenciais estadounidenses que Biden ademais de prestar maior atención á economía produtiva debería evitar novas crises internas e buscar o xeito de gañarse parte da base electoral republicana, pois sería a única posibilidade de gobernar con relativa comodidade nun país tan polarizado. Os últimos acontecementos demostran que iso vai ser fundamental, pois á existencia de case 70 millóns de persoas que apoiaron a Trump hai que engadir a convicción que teñen parte deses votantes de que houbo unha fraude electoral, unha convicción alimentada durante dous meses por Trump e polos medios que o apoian. Nese obxectivo é moi probábel que Biden véndose favorecido pola guerra interna xa declarada no Partido Republicano, aproveite a presidencia para poñer tiras nalgunhas fendas abertas, asumindo como propios algúns dos elementos discursivos empregados até hoxe polo seu adversario e algunhas das súas políticas.

O que podemos tirar de positivo destes acontecementos é que supoñen un duro golpe para o orgullo dos EUA e a súa imaxe no exterior, e iso é moi bo pois socava o prestixio do imperio. Polo demais, tardaremos aínda en saber se todo foi unha trampa ou un grave erro de cálculo de Trump, pero tal e como funciona o imperio tanto unha como a outra posibilidade son factíbeis.



[14-01-2021 20:11] DUARTE comentou:

Concordo co que dis Joám, non creo que os demócratas muden a súa tradicional política inxerencista, e como digo no artigo tamén asumirán determinadas bandeiras do trumpismo para achegar unha parte da súa base electoral.

[12-01-2021 16:57] Joám comentou:

Dacordo com o artigo. Agora está por ver como actuam os "demócratas". Esperemos que desbotem uma fugida para diante de tipo bélico para intentar obter uma precipitada coesão social interna frente a um suposto inimigo externo. Não seria algo novo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña