17:59 Luns, 01 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2010

O Estado está a atacar os nosos intereses materiais con absoluta determinación e sen escrúpulos

Galiza-Estado, o conflito agudízase

Valorar (4)

XOSÉ MEXUTO


Porto pesqueiro galego


Na actual crise do capitalismo, a máis intensa desde os anos 30 do pasado século, agudízanse as contradicións entre Galiza e o Estado español. É o lóxico. A dialéctica centro-periferia que explica o funcionamento do sistema na súa fase máis madura exprésase agora con toda a súa riqueza de matices. Vivimos nun momento verdadeiramente apaixonante, cheo de oportunidades para aqueles que aspiramos a un mundo distinto e a unha Galiza libre. Fixo crise aquilo que detestabamos -a globalización- e como sempre os donos do xoguete roto queren que sexan outros os que paguen os destrozos. Os outros somos nós, os que vivimos exclusivamente do noso traballo, ou directamente os excluídos, os que nen sequer teñen o privilexio de seren explorados. 

No momento en que o excedente escasea, sofren as clases traballadoras e sofre a periferia porque xa sabemos que todo o plusvalor ten que ir ao capital e o capital, amigas e amigos, si ten patria e sede social, no noso caso, Madrid. Sofre a maioría traballadora do noso País e sofre Galiza como nación, integrada nun Estado que a nega como tal e que continúa a ollar cara a ela con desdén, cando non con desprezo.

 O debate arredor das caixas de aforro non é máis que a expresión máis núa de até que punto se ten agudizado a contradición entre o Estado (entre as elites que o usufructan) e o pobo galego.


Aquí non falamos de metafísica.

Aquí falamos de 80.000 millóns de euros en activo. Como adoita dicir un moi bon amigo meu, home, para sermos un País pobre aínda demos arrecadado un bon petiño. 

NON HAI MERCADO PEQUENO PARA O CAPITAL COLONIZADOR
 

Somos un país avellentado e demograficamente en devalo, mais sabemos desde hai tempo que non hai mercado pequeno para o capital colonizador (uy!, podo utilizar esta palabra sen que os modernos afíen os seus coitelos, eses dardos que me acusarán de paleocomunista...?). 

Non, non hai mercado pequeno e 80.000 millóns de euros en activos son máis que un bon petiño.

Son todo un botín que o Goberno do Estado quer poñer ao alcance da man do capital financeiro español. 

UN RECURSO NON CONTRA A LEI, SENÓN CONTRA A FUSIÓN
 

Por iso, o Goberno do Estado criou o FROB -un artiluxio que tenciona deixar sen efecto o autogoberno das nacións en materia financeira- e por iso mesmo tamén o Goberno do Estado apresentou o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas, non tanto contra ela, senón contra a fusión galega, contra a fusión que permitiría que as decisións sobre eses 80.000 millóns de euros se adopten aquí e non en Madrid. 

O Goberno do Estado non quer a fusión galega e traballa para que entidades foráneas absorban as nosas caixas. 

De se consumar, estaríamos a falar do maior espolio sofrido polo noso País a mans dos grupos sociais que controlan esa supereestrutura que chamamos Estado. 

Cales son eses grupos sociais? Pois basicamente estamos a falar do capital financeiro. A hexemonía deste sobre o capital produtivo é un dos rasgos definitorios do capitalismo na súa fase máis serodia. Sabemos isto desde Lenin. E sabemos tamén que a financiarización da economía (a non produción de valor, senón de fume contábel) é sempre a antesala de grandes sofrimentos e convulsións sociais, en forma de paro masivo, de subemprego (as cifras da economía mergullada son escandalosas) e de proletarización de amplos sectores dos grupos intermedios da sociedade (a pequena burguesía comercial é un exemplo paradigmático). 

FERROLTERRA, EN CIFRAS HISTÓRICAS DE DESEMPREGO
 

O conflito Galiza-Estado maniféstase de formas moi diversas. Astano, por pormos un exemplo. A comarca de Ferrolterra chegou xa aos 17.000 desempregados. É a cifra máis alta da historia. Estamos a falar da única bisbarra industrial do País que perde poboación. Alí temos uns activos ociosos -unhas instalacións industriais de primeira categoría- que de estaren operativos poderían empregar a arredor de 3.500 operarios, entre directos e indirectos. 

Podémonos permitir o luxo de ter Astano así? Galiza, non. O Estado, si. Para Galiza, non hai alternativa a Astano. Para o Estado, si. San Fernando, por exemplo. 

Para Galiza, depender politicamente de Madrid á hora de deseñar a súa política industrial -e de defendela ante Bruxelas- resulta un negocio verdadeiramente ruinoso.  O mesmo acontece co sector primario. Sempre, con crise ou sen ela, fomos moeda de cambio dos gobernos españois nas sucesivas negociacións coa UE. Agora, en plena recesión que ameaza con devir en depresión, o Goberno español sinxelamente actúa como se Galiza non fose aínda a primeira potencia láctea do Estado e a segunda pesqueira da Unión Europea (só superada, recentemente, por Dinamarca). 

A PULSIÓN CENTRALISTA DE ZAPATERO
 

E que dicirmos do desenvolvimento do noso autogoberno? Formalmente está vetado por un PP que continúa a representar organicamente a oligarquía española, mais o PSOE de Zapatero se está a comportar na práctica coa mesma pulsión centralista. Lembremos o debate sobre o financiamento, trucado pola decisión do Goberno do Estado de reservarse para si o 50 por cento do gasto público, un volume de recursos que non se xustifica dado o nível das súas competencias. É curioso repararmos aquí como se combina a retórica pro-austeridade (que con frecuencia agacha unha demagoxia antipolítica e antisector público ben reaccionaria) co mantimento de Ministerios sen negún contido real -Sanidade, Educación, Cultura, Vivenda...- máis alá da súa instrumentación política para invadir os ámbitos competenciais dos gobernos autónomos.

Dicía que estamos ante un tempo apaixonante. Duro, mais apaixonante. As crises son parteiras de prantos, mais tamén pódeno ser de transformacións positivas. Nada está escrito nen predeterminado. Tampouco na contradición Galiza-Estado. O movemento nacionalista galego ten de axir, precisamente agora, con máis vigor que nunca. Porque se non o fai el, non o fará ninguén. Se non fose polo BNG, Galiza non tería lei de caixas nova, ninguén clamaría por Astano, ninguén cuestionaría o financiamento inxusto co noso País que se deseña desde Madrid. Se non fose polo BNG, Galiza sería xa unha provincia española máis, terra conquistada. 
O nacionalismo sempre deu o mellor de si nos momentos comprometidos para o País. Este é un deles. O Estado está a atacar os nosos intereses materiais con absoluta determinación e sen escrúpulos. Galiza ten de responder, se non con máis, con idéntica enerxía. 

Teño a certeza de que ao final a crise e o conflito serán positivos para Galiza porque moita xente acordará do seu sono.


[22-04-2011 18:53] Xosé Muiños comentou:

Xosé tes toda a razón,se non fose polo BNG Galiza xa non seria mais que unha simple provincia española,terra conquistada.
Galiza é un pais rico,pero empobrecido polos distintos governos do estado, que padecemos durante centos de anos,e tamen agora por estes governantes que nos estan a tocar na xunta,eu diria que de noxo,asi non vamos a ningures;seguiremos a ser carne da emigración.Amin pareceme que os tempos xa son chegados para que escomencemos a reclamar a nosa soberania nacional,a nosa independencia;xa sei que non é tan facil pero se non se intenta estaremos sempre na mesma;en principio conquerir respeto para a nosa nación,xa seria un paso importante, que non nos aldraxen mais ¡IRMANS EN PE!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña