00:43 Luns, 25 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2020

Para moitas persoas que optaron por leren este contributo, a palabra treixadura pode facer referencia a moitas cousas

Treixadura, a virtude da esencia

Valorar (26)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Para moitas persoas que optaron por leren este contributo, a palabra treixadura pode facer referencia a unha das castes tradicionais das uvas do viño branco galego, base de moitos caldos multivarietais e dalgúns monovarietais. O seu mellor aproveitamento dáse na rexión do Ribeiro e nalgunhas áreas das Rías Baixas. Nestas zonas, dependendo da calidade do terreo, imprime ás bebidas resultantes un particular carácter, a proporcionarlles, ás veces, unha lixeira reminiscencia a cítricos. A excelencia destes acios ou cachos é tamén recoñecida noutras partes da Gallaecia histórica, cal é o caso do norte de Portugal, onde a uva é designada coa variante trajadura; formas como trincadeira, verdelha rúbia ou verdelha loira son outros sinónimos dialectais con que tamén se coñece, ao paso que informan, indirectamente, da súa transcendencia na produción de viño.

Con todo, para outra moita xente que decidiu acompañarnos coa súa xentileza lectora, o nome Treixadura corresponde ao nome adoptado por unha das formacións de música galega máis emblemáticas dos últimos tempos. A denominación adoptada provén da uva, pois, nos seus inicios, os membros fundadores, para se coñeceren, xuntábanse no Muíño Vello de Delio Domínguez, en Redondela, conversaban sobre música tradicional, botaban algunhas pezas e acababan saboreando algún elegante fillo da treixadura ou doutras uvas. Após trinta anos de existencia, hoxe o grupo Treixadura, composto por un cuarteto de gaiteiros, un acordeón e un orfeón, consegue xuntar millares de persoas nas súas actuacións ao longo e largo do país e é capaz, igualmente, de contar cun grupo de fans que se desloca por toda a nación para presenciar os seus concertos. No entanto, por causa da Covid-19, a formación, como a maior parte das bandas galegas, tivo obrigatoriamente de pór o pé no freo aos seus recitais. O título do seu sétimo e máis recente traballo discográfico, Inda canto (Inquedanzas Sonoras, 2018), parece recoller, case prospectiva e premonitoriamente, o firme desexo de o pobo galego voltar a cantar e escoitar música, case como un antídoto para a sociedade, onde a pandemia está a sementar sombras e incertezas en notábeis sectores das clases traballadoras.

Mais, tornando ao tema principal do presente texto, podemos formular a pregunta de en que asenta o suceso do grupo: cal é a causa do “fenómeno Treixadura”, como ten sido denominado ás veces nos medios de comunicación? Para isto, acaso debemos pensar na selección do repertorio? Quizais teñamos de pór en destaque acoidada interpretación? Talvez debamos reparar na benmaridada simbiose de acordeón, gaitas, percusión e voces? Naturalmente, a primeira resposta que xorde parte do facto de a explicación non obedecer só a un único factor, mais á confluencia de varios elementos. Por iso, se o público lector o por ben tiver, imos colocar aquí algunhas persoais impresións que só tratan de dar conta desa pegada social e cultural que conseguiron os gaiteiros e orfeón Treixadura.

Así, imos principiar pola proposta artística e pola formación que a vertebra, isto é, un grupo de gaitas clásico e voces masculinas (baixas, barítonas e tenores). Para tal efecto, temos de retrotraer as nosas pesquisas á primeira amálgama na historia da música galega que contou con parecida estrutura: o coro Aires d’a Terra, fundado na cidade de Pontevedra polo boticario e gaiteiro Perfecto Feixoo Poncet no ano 1883; o libro de José Luís Calle García Aires da Terra. La poesía musical de Galicia (1993) presentéanos cun pormenorizado traballo sobre ese pioneiro coro, por cuxa inspiración foron xurdindo nos primeiros anos do século XX outros conxuntos corais similares, amparados en moitos casos polas Irmandades da Fala: desta forma, nos inicios da pasada centuria irán nacendo Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela, 1916), Cántigas d’a Terra (A Coruña, 1916), Cantigas e Aturuxos (Lugo, 1917), Coral de Ruada (Ourense, 1919), Foliadas e Cantigas (Pontevedra, 1916) etc. Treixadura, por tanto, soubo recoller ese formato e actualizalo nunha oferta estética e acústica que asenta na historia musical galega desde hai máis de 130 anos.

Vinculado a esta proposta de coros que nace nos anos finais do Rexurdimento oito centista,está, sen calquera tipo de hesitacións,o repertorio. Máis unha vez, Treixadura fai excelsa gala dunhas coidadas seleccións de melodías que serven tanto para se significaren como carné de presentación canto para nos lembraren a riqueza da música galega de orixe tradicional: alalás, alboradas, foliadas, muiñeiras, pasacorredoiras, pasodobres, xotas etc. constitúen a cerna dunha propositada e representativa escolla de ritmos e xéneros populares da Galiza. Entre esas pezas, sobrancean as de orixe tradicional e de autor/a e mesmo tamén se dan casos de melodías que, a pesar de seren compostas recentemente, xa fan parte do patrimonio cultural galego: tal acontece con “Lela” (gravada no disco Vendima tarda, 2015), con letra de Castelao e música de Rosendo Mato Hermida, ou  con “O carro” (incluída en Inda Canto), coa lírica de Manuel María e música de Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”. Por súa vez, as melodías tradicionais proceden do repertorio de formacións emblemáticas (Cantigas da Terra, Os Areeiras, Os Campaneiros, Os Garceiras, Os Morenos, Os Soutelos, Os Trintasetc.), de cancioneiros clásicos (Casto Sampedro Folgar, José Inzenga Castellanos etc.) ou de intérpretes e grupos non tan coñecidos mais igualmente meritorios (Emilio Díaz Gutiérrez, Millo Verde de Aldán etc.). Canto ás pezas de autor/a, estas proveñen tanto dos membros de Treixadura (nomeadamente Paulo Nogueira) como de compositores/as do século XX (Canuto Berea, Gustavo Freire, Nando Casal, Ramón González Enríquez etc.). Eis, pois, o segundo acerto do grupo: a intelixente selección do repertorio, tanto pola diversa proveniencia canto pola variedade de xéneros.

Naturalmente, ao falarmos das pezas de Treixadura, unha notabilísima parte do suceso delas parte das letras. As máis son tiradas de cantigas tradicionais, algunhas extraídas de cancioneiros e outras collidas directamente da transmisión oral. Neste sentido, os case 30.000 textos anónimos que enforman ese importante legado literario-cultural –colixidos por Sarmiento, Sobreira, Casal Lois, Murguía, Pérez Ballesteros, Saco Arce, Valladares, Xoaquín Lourenzo, Schubarth & Santamarina etc.– constitúen unha ricaz fonte de inspiración para se adoptar e adaptar á sonoridade da formación. Ás veces, a letra acompasa unha música tradicional e, noutras ocasións, serve de pretexto para que un integrante de Treixadura compoña unha melodia ad hoc. E, xa que estamos a falar de canto tradicional, non queremos deixar pasar esta oportunidade para subliñarmos como a poesía de transmisión xeracional pode exhibir unha subtileza semántico-connotativa á altura do máis laureado poema culto: a “Foliada da Estrela da Guía”, por exemplo, que corresponde ao quinto corte do traballo Inda canto, recolle na súa primeira estrofe a vontade de alguén de ver a súa persoa amada no momento en que vai para a cama, isto é, cando tira a roupa do día e fica (case) espida. A elegancia formal e a insinuación neste desexo fica perfectamente sinalada conforme se pode apreciar na cantiga, que, lonxe de explicitar ansias eróticas con outro tipo de expresión lingüística, di, literalmente, o seguinte: “Quixera ser cravo de ouro, / onde colgas o candil, / para ver a túa cara / cando vas para durmir”.

Máis unha compoñente de relevo que está detrás do suceso do grupo asenta na súa sonoridade, xa que se torna suficiente escoitarmos unhas poucas notas dun preludio para sabermos que se trata de Treixadura. As gaitas dos membros da formación teñen un son verdadeiramente de gaitas, con moita potencia, o que se percibe nos recitais ao vivo e nas gravacións; a este respecto, como diría un mozo nonaxenario arteixán de 98 anos que coñecemos, soan ao mesmo tempo “fortes e finas”. Nunha entrevista que nos concedeu Xaquín Xesteira para o libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (2019), o gaiteiro de Cambados e membro fundador de Treixadura fai fincapé no seu modo de interpretar, con moita presión na palleta, mesmo tendo ás veces de adaptar“algunha nota” no pertinente obradoiro: “Gostamos das gaitas con moita sonoridade […]. A min particularmente agrádame sentir a vibración no punteiro e gosto de me sentir rodeado de son. Unha gaita ten de soar a gaita e non a un óboe de segunda categoría”. E non poderiamos concordar máis con estas impresións: unha gaita galega debe ter “o fol cheo de vontade”... Como acontece noutros tipos de música, cada gaiteiro ou gaiteira pode, evidentemente, escoller o tipo de son que quere tirar do instrumento, mais reparemos en que se a cornamusa galaica foi pensada para espazos abertos, daquela a súa sonoridade parece solicitar que se gratifique esta circunstancia. A carón do potente son das gaitas de Treixadura discorre un estudado acompañamento na percusión e ambos van confluír harmonicamente coas voces masculinas e co acordeón. E aquí teriamos, a noso ver, a terceira explicación do bon facer deste conxunto de gaiteira/os, percusionistas e cantadores.

Loxicamente, a selección de con que obradoiro de instrumentos tradicionais se traballa determina uns resultados ou outros. Hoxe en día, a calidade de artesáns de gaita e percusión é sobradamente coñecida e valorizada, a contribuíren así para a dignificación da música de orixe popular. De facto, nunca houbo tantos e tan bons, especialmente na metade occidental do país. Dentro deses obradoiros, a marca que máis sobrancea é Seivane, actualmente unha empresa con varias persoas a traballaren que deita as súas orixes na figura do patriarca familiar, Xosé Seivane (1921-2012), ilustre e multifacetado construtor que fabricou a súa primeira cornamusa no ano 1939 de modo totalmente autodidacta. Os integrantes de Treixadura, de novo segundo as palabras de Xaquín, tocan preferencialmente con gaitas que levan o carimbo Seivane, porque posúen “un timbre característico” e “un brillo e unha sonoridade especiais”. Os fillos de Xosé Seivane, Álvaro e Xosé Manuel, souberon facerse fieis continuadores do camiño iniciado polo pai e foron igualmente capaces de o aprimoraren con incuestionábeis avanzos técnicos e musicais (o pallón sintético ou seipal, o zapón moderno ou seipón, as válvulas de corte para os pallóns, o punteiro de ton regulábel ou seitor, os tubos cantores con dupla posibilidade de produciren sensíbel e subtónica etc.). Desde a nosa percepción, por tanto, estariamos diante da cuarta das causas do particular son de Treixadura, cal é a circunstancia de empregar instrumentos feitos de preferencia por ese coñecido obradoiro en particular.

Porén, unha proposta escénica baseada nos coros tradicionais, nun bon repertorio e nuns extraordinarios instrumentos non se torna capaz por si propia de ser suficiente para nos dar as respostas necesarias sobre o suceso do grupo. Faise preciso máis algun elemento que facilite a ensamblaxe deses factores. Aquí entra en xogo a compoñente técnica, pois un dos trazos que máis identifica o “son Treixadura” é a calidade interpretativa dos seus membros. Reparando nas gaitas, temos de facer mencion a un dos estilos típicos do sur do país, o das das Rías Baixas, en que se consegue unha ornamentación idiosincrática mercé a unha produtiva recorrencia aos picados longos e abertos (preteridos en tradicións gaitísticas con outros códigos estéticos, como a da Coruña). E a isto hai que adicionar a estilizada e pulcra técnica que demostran a gaiteira e os gaiteiros da formación, o que nos fai asistirmos, cada vez que soa un alalá, unha muiñeira ou unha foliada tocada por eles, a unha elegante e brillantista concepción da música galega de gaita. Este quinto motivo viría compactar os anteriores, tecéndoos cun fío de fino liño e producindo así o resultado sonoro que coñecemos.

Chegados a este punto, podemos aducir outras causas para nos ilustraren sobre o “fenómeno Treixadura" e véñennos rapidamente á memoria outras posíbeis motivacións: a estética decidida en apostar no traxe tradicional galego para as actuacións, a disposición formal nos escenarios, a equilibrada combinación de pezas cantadas e instrumentais, o número de integrantes, o sempre meritorio (e ás veces non suficientemente recoñecido) labor das persoas que se ocupan do son), a calidade dos traballos discográficos, a profesionalidade dos estudios de gravación, a precisa afinación, a formación musical dunha boa parte dos integrantes, a experiencia docente e profesional de moitos deles no ámbito da música de orixe popular, a inquebrantábel galeguidade da concepción artística, etc. Sen dúbida, todo axuda e, como afirmaba un colleiteiro de certa idade, “os bons acios sempre van dar ao mesmo pipo”.  

Así as cousas, xa que a cultura do viño voltou a aparecer a través da lembranza dese idoso viñateiro, e enlazando co principio deste texto, se a treixadura é unha das uvas autóctones máis representativas dos viños brancos galegos, Treixadura, no ámbito da música, non desmerece o seu homónimo vinícola: ben antes o contrario, pois conseguiu como poucos conxuntos parecidos dignificar e espallar o espírito musical da Galiza. Parabéns, pois, para Alberto, Álvaro, Antón Cabaleiro, Antón Fontenla, Anxo, César, Magoia, Pablo, Paulo, Quico, Ramón, Toniño, Xaquín, Xurxo e outros membros que nalgún momento fixeron parte do grupo, cuxo bon facer representa a virtude da esencia.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña