02:55 Domingo, 29 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-10-2020

A fouce é algo máis que unha ferramenta labrega con mango de madeira

A fouce, de ferramenta a báculo: símbolo do devalar, de Liberdade

Valorar (8)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


A fouce é algo máis que unha ferramenta labrega, con mango de madeira, quizais de buxo, do que arranca a  folla curva de ferro. Como afiado coitelo de longo semicírculo de ancho decrecente que remata en punta, media lúa no devalo, “ na fouce”, como  entre a acción e a destrución. Aparello feito pra manexar cunha soia man, pra protexer a outra  os segadores cos dediles ou “zocas”  e non mancarse cando amarran as gavelas que van a cortar coa fouce. Instrumente diferente á gadaña, herdeira da alabarda,  que é de ferro máis longo e non tan curva, en ángulo sobre un pau tamén longo, pra separala do corpo, non agacharse tanto e manexala coas dúas mans. Pola contra a gadaña é símbolo desa morte  que viste de negro,  nada representada na Galiza tradicional, pais máis de señas e compaña, cubertas de brancura e de luz. Ao fin e ao cabo, as cortantes e labregas fouce e gadaña  pasan a ser símbolo de rebelión comunal, de Liberdade.

Ferramenta común ás culturas, especialmente ao occidente. Imprescindible na roza e na sega, asociada ao trigo, co que a veces se representa e polo tanto ao pan noso de cada día, o que por algo se fai del Sacramento. Mercancía elemental do ferreiro e do afiador.

Usada  ademais como arma  defensiva en todas as espontáneas revolucións populares, como as dos Irmandiños contra o feudalismo medieval e máis aínda pros guerrilleiros contra os franceses, como é o machete nas américas e así a maxinaron e representaron os creadores.

Instrumento imprescindible e dunha longa Historia, a que se perde no Neolítico cando o ser humano comeza a domesticalo todo na natureza, primeiro usando pedras talladas, logo puídas e finalmente atopando minerais, fundidos e aliados, en cobre, bronce, ferro e finalmente o aceiro....

Mesmo cunha fouce na man representábase a Demeter, a deusa grega do agro. Símbolo pois do traballo individual. E así pasou a usarse pra identificar nos partidos comunistas a alianza do traballo do agro co martelo da industria , mesmo tamén entre as xeometrías da masonería.

A fouciña de ouro e sagrada dos druídas celtas

Segundo o que nos contan cronistas grecos latinos que viviron arredor do cambio de era, como Sotión de Alexandría, Dióxenes Laercio,  Diodoro Sículo, Cicerón, Tácito, Suetonio e o mesmo César, especialmente o xeógrafo e cronista latino Plinio o Vello - funcionario do imperio  en Xermania, a Galia e na Celtiberia e na Gallaecia quen ademais nos describe á perfección as explotacións mineiras de ouro deste noso confín... - cóntanos aspectos relativos a aqueles “outros” dos romanos, tan impresos de orientalismo,  que eles chamaban “celtas”, e detense nos ritos dos druídas, os que coa “Segur”, a fouciña-cetro de ouro, en ritual sacro, cortaban o visgo sagrado. E así se representaban e imitaban aos druídas os panceltistas do occidente atlántico europeo dos anos do Modernismo, aos que tanto seguía don Vicente Risco.

Nome de druída, asociado ao “deru”, en  indoeuropeo o carballo, así pois sacerdotes do carballo, segundo nos di o mesmo Plinio na súa Historia Natural.

Practicantes da aruspicina, a práctica da adiviñación de agoiros polo análise das entrañas de animais, en compaña do corvo e do cervo branco, formados na declamación. Ao respecto dinos Plinio ” Preparan sacrificios e  banquetes nas carballeiras, traen dous touros brancos cos cornos protexidos. Viste o druída de túnica branca, sube ao árbore e corta o visgo co seu fouciño de ouro, pra logo ser recibido por unha procesión de sacerdotes axudantes. Despois sacrifican os animais e suplican aos deuses....”

A Igrexa soubo recoller, aproveitar, asimilar e transmitir esas tradicións que vencellan á paisanaxe coa paisaxe, velaí como un novo druída cristián a Prisciliano e a súa doutrina a que tanto callou na súa terra da Gallaecia e no século V,  pervivindo en tradicións panteístas... Sacerdotes de rango que se acompañaban do báculo, vara de poder con remate en espiral, como unha serpe, herdo da fouciña sagrada dos druídas, velaí a do bispo Gonzalo mindoniense, tido popularmente como “santo”.

Lecturas como estas , xa dende os séculos da ilustración, avivaban as ansias identitarias dos pobos de occidente atlántico, galos, irlandeses, escoceses... En Galiza Vicetto e Murguía, como xa dixemos tantas veces, están na  liña celtista irlandesa e gala, a  que traspasan a Vicente Risco e ao arqueólogo Florentino López Cuevillas.  Risco, contrafío, móstrase empeñado, mesmo como neodruída en singularizar a cultura galega cunha base nas orixes históricas, nas lendas, na tradición celta. Asuntos regados polas relacións co editor de “Mercure” de Francia, o exótico  teósofo, Phileas Lebesgue, recoñecido pola súa confraría céltica como “Gran Druida dos galos”, mesmo inspira a Risco a crear unha Orde dos Cabaleiros do Sancto Graal, con reminiscencias a Breogán, Prisciliano, Arturo e á espera dun novo guieiro cara á cerna do pobo. Sentir  que creou a súa propia iconografía europea e galega: os druídas e as druidesas, vestidos de branco, na man a fouciña de ouro, os cánticos señardosos, contando sagas, o laido polo que se perde entre berros pra espertar, o agudo aturuxo.

Tradicións anovadas hoxe, por exemplo arredor do monumento megalítico de Stonnehenge en Salisbury, en Newgrange en Erín...Sen faltar a mímese na Galiza en horas especiais de solsticios e equinoccios, cando as raiolas do sol furan e petan na negrura das chantas  tumbas megalíticas---  acoden ao Pico Sacro ou á entrada dun dolmen como pra afirmar raiceiras.

A mecanización rematou con moitos artefactos e faenas e nos museos etnográficos podemos atopar tipoloxías de fouces: a pequena cardiña, usada pra poda, a evolución da fouce á gadaña, as variedades, os complementos como os dediles ou zocas, mesmo as pedras de afiar, en ocasións “pedras do raio” que eran machados puídos do neolítico atopados nas leiras. Pedras afiadoras humedecidas, metidas en cornos con auga levados ao cinto...e tantas cousas que aínda nos poden contar os derradeiros sobrevivintes, itinerantes  das segas  a Castela. Fouciñas que eran herdadas, que mesmo aparecen nos testamentos antigos, coidada ferramenta, coas que, nun ritual, mesmo podía arrancar as pitelas dun árbore milagreiro ou da porta dun santuario, como no santuario da Angustia eb Molinaseca, pra gardalas a modo de relicario que axuda a soportar as aventuras e desventuras dos camiños da sega.


A  fouce un emblema labrego, céltico, máis de traballo que de agresión
Abrindo ao século XX, o dos ismos, dos simbolismos e das revolucións acadan protagonismo os símbolos do traballo comunal, labrego, artesanal e industrial: a fouce, o martelo, a roda dentada, as espigas de millo, os acios de uvas... Grandes da pintura e da escultura trataron iso: Clará, Xulio González, Pablo Gargallo...as versións de Monserrat, aínda coa cabeza recatada, envolta no pano, pero coa fouce na man........ ao fin e ao cabo son artistas da Catalunya del “Segadors”. Símbolo da nova santa Liberdade e así a usaron poeticamente Pondal e Cabanillas, nas mans dunha muller cortando a corda tensa das divisións representouse na cabeceira do xornal “A Nosa Terra” no 1916, despois foise quitando ferro. Nome que se lle deu a publicacións, como “A Fouce” do órgano da Federación Agrario Rexionalista de Barcala, aparecida no 1919 na Baña e Negreira,  tamén nome do xornal publicado en xaneiro do 1926 ao 36 en Bos Aires, da asociación nacionalista, independentista,  “Pondal” e na que colaboraba  Vicente Risco,  Álvaro de las Casas, Victoriano Taibo, Paz Andrade, Victor Casas,  os Vilar Ponte, Fernández del Riego..... Suárez Picallo.... Con ese mesmo nome de “Fouce” , nas “vietnamitas”  do 1973 imprimíanse artesanais follas  clandestinas,  como a sindicalista das Comisións Labregas de Galicia.

Fouce guerreira pouco representada na arte galega: No monumento a Curros, na Coruña, entre o pobo labrego tras o poeta, ollamos a algunha muller coa fouce, como símbolo do seu traballo pegado á Terra; Castelao nos seus debuxos de Guerra empregaa nunha ocasión, si acaso no chan, deixada pola man vencida dunha muller morta...proba dun pobo de traballo e non de guerras.

A partir do 37, rompendo cos símbolos nacionais tomados dunha “Igrexa sacrílega” como di Castelao,  propón significativas mudas no escudo da Galiza: o uso da estrela e da fouciña, envoltos entre os versos de Cabanillas “antes mortos que escravos”.” (Nova Galiza, 6,  Xullo 1937) . “... Seriamos parvos se crésemos que pode subsistir despois da guerra o escudo tradicional de Galiza co seu emblema eucarístico, pois aínda que lle atribuísemos unha altísima significación poética, identificándoo co Santo Graal, non sería respectado polos sobrevivintes galegos despois do sacrílego proceder da Igrexa Católica no noso pais. Acatemos pois a realidade e criemos o novo escudo... “e despois de repasar e darlle voltas, mesmo entre a simboloxía socialista, conclúe “non quedaba máis que a fouce de ouro  ( do traballo e a segur celta) sobre dun fondo azul e a estrela vermella como emblema do Traballo e da Liberdade” . Escudo sobre a serea atlántica, aureolado coa divisa  que deixa patente o martirio sufrido...”

No referente lenzo de a ” Liberdade guindo ao Pobo Francés”  de Delacroix, (metáde do século XIX) Marianne,  no fragor da algarabía da batalla e de peito espido ergue a bandeira cunha man e na outra porta un fusil con baioneta e o neno unhas pistolas...simbolizando un novo tempo, fronte a un pasado de picas, gadañas e fouciños. Como nos murai  s propagandísticos do mexicano  Ribera, Orozco, Siqueiros... novas armas para novos tempos, o poder irracional das arma ante o Verbo e a Arte. Quedando a fouciña e a gadaña pra unha visión humilde, orixinal, inxenua, comunal de pasado labrego.

Na arte contemporánea galega o “artistiña” Xaime Quessada, experimentador, coñecedor de técnicas, do repertorio de símbolos risquiáns, pintor que estuda  Picasso,  as representacións do corpo e dos acenos, que tenta meter ritmo e arritmias entre as xeometrías da súa obra, que  denuncia a violencia, non mete a curva aceiruda da fouce entre o seu múltiple e rico imaxinario. Pola contra as pinturas de Fiz Valcarcel,  coutadas en auténtica “ourensanía”, aquelas  das buscas dos anos setenta, clamando xustiza e liberdade, mostran figuras xurando ao Ceo, apertando a fouce...ribeirando a  dialéctica da acción-destrución; como  nas de Perfecto Estévez onde lúas lorquianas se fan escintilante fouces.... a escultura de Mon Vasco, en cemento para a entrada do aeroporto de Alvedro emprega formas con suxestións  á fouce e ao martelo .... e que ao cabo dos anos censuraron e retiraron, sen ningún tipo de reclamación por parte de ninguén.

Linguaxe noso e universal de símbolos  enguedellado en novos novos emoticonos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña