Hai infinitos lugares da nosa Terra, que locen o nome de NOGUEIRA, e os seus derivados , Nogueiroa, Nogueiró, ,… e ainda algo mais extranos como : NIGUEIRA, ou AS NOGAIS.
Hai acordo xeral , na literatura toponímica, que tais nomes proceden da pranta chamada de NOGUEIRA ou NOCEIRA, que así se chama na nosa terra á árbore que produce noces.
Sob o ponto de vista etimolóxico, o caso non presenta dúbidas, tudo procede do latino NUX-CIS ou NUCARIA, de onde se chega ás duas solucións de NOGUEIRA ou de NOCEIRA.
O noso método, considera a corrección etimolóxica como unha condición necesaria, para a explicación dun topónimo; mas baseados só nese criterio, podemos chegar a grosos erros, que son impecabeis sob o ponto de vista evolutivo.
Nós, gostamos de atender á corrección, baixo do ponto materialista histórico, entendendo que os nomes dos lugares débense aos intentos da xente de resolver os seus problemas materiais de sobrevivencia.
Baixo ise holofote, comezamos a pór en cuestión a importancia das noces e por tanto das noceiras na economía agrícola do País.
Na verdade, ainda que aparecen citadas en documentos medievais, a sua importancia nunca alcanzou á das castañas.
As castañas, na alimentación humana foron básicas até a chegada das patacas de América.
O caldo, prato básico na alimentación do rural galego, era “ caldo de castañas”, e ainda hoxe comer un chourizo con castañas cocidas é un prato ben contundente.
A noz, nunca chegou a ocupar ise lugar básico da castaña, pensamos que foi un fruto adicional, como poderian ser as avelás, as nespereiras ou as milgrandeiras.
De feito, unha noceira sempre se sementaba nun comareiro ou lugar marxinal, pois baixo a sua sombra nada medraba, a causa dunha tinta que deitaba o seu froito.
Nun traballo anterior, abordamos o caso dos topónimos do feitío de, BUGALLIDO, BUGALLAL, BUGALLEIRA,…e derivados, e non nos conformamos coa explicación “oficial”, de que se debía á abundancia de “bugallos”, esa excrescencia dos carballos, provocada por un insecto.
Esta teoría renxía, ao usar o noso método economicista. Cómo pode ser que, semellante protuberancia, de nulo valor económico e totalmente inútil na economía rural, puidese producir tal número de chamadeiros no país !
A pesares da corrección etimolóxica, pensamos, por obvias cuestións materiasi, que esa non podía ser a orixe de tais topónimos.
Propuxemos que a orixe estaría no latino BUCULA, como relativo a lugares de criazón e mantenza de tenreiras e vacas.
Esta sí, que era unha industria que explicaría a abundacia de tal toponimia e a sua uniformidade por a Galiza adiante.
O mesmo proído sentimos cando límos a explicación “oficial” de topónimos como MEIXÓN FRIO, A FRIEIRA, A FRIELA, ou VILARIÑO FRIO.
Ainda que todo os toponimistas mallaban na idea da “frialdade” ou ausencia de calor nises lugares, nós pensamos, mais ben, na FRIVOLIDADE, ou sexa, lugares de paso do gando, temporários e de pouca importancia constructiva.
Nunca, os fenómenos metereolóxicos, por pasaxeiros e ocasionais, poden xerar topónimos.
Aquí, a nosa suspeita é que, dada a relativamente pouca importancia das noces na economía rural galega, a orixe da abondosa toponimia de NOGUEIRA e derivados, non debía proceder das noceiras. De onde, pois ?
A nosa pesquisa a loor do nome de MEIXÓN FRIO, que detectamos como procedente de FRÍVOLO, lévounos a matinar nun sinónimo de FRÍVOLUS, que é a palabra NUGALIS ou NUGARIS, que cobre as mesmas acepcións que FRÍVOLO, ou sexa : “ cousa de pouca monta”, “descansado”.
Daí, é de onde tiramos que dunha NUGARIA, podería sair a NOGUEIRA que nos ocupa; e tería o significado de aprisco ou curro do gando ovino ou vacuno, de carácter informal e de descanso, ou sexa, un tipo de alpendre rústico, se cadra, como unha etapa nas trashumancias daqueles tempos.
Esto explicaría a extensión e uniformidade dos topónimos desta familia, por os catro cantos da Terra.
Recollemos un documento do ano 1011 “…tertiam parte de ipsis NOGARIBUS, MOLINOS, et PESCARIAS et CANARIECAS in flumine,….” que dá para conxecturar, que non está falando de soutos de noceiras, senón de construcción feitas como : muiños, pesqueiras e levadas; cadraría mais que istes NOGARIBUS, fosen curros ou malladas pastorís, tamén construidas pola man do home.
Así, AS NOGAIS, estaríase referindo a unas MALLADAS NUGALIS, ou sexa, lugares de descanso provisórios, para o gando e os pegureiros.
Un topónimo como NOGUEIROA, caso de referirse a unha nogueira pequena, non tería suficiente poder toponimizador; os árbores pequenas medran, e o seu poder demarcador desaparecería.
Agora ben, se esa NOGUEIROA está describindo unha área de descanso pastoril; ainda que cativa, pode constituirse en topónimo.
Saindo fóra da Galiza, os ríos aragoneses que se chaman de NOGUERA PAYARESA e NOGUERA RIBAGORZANA, seica, non merecerán o seu nome, mais que debido a uns supostos nogais, ao feito de ter nascido nos vales pirenaicos onden radicarían estas NUGARIAS, ou curros de gando ? De NUGALIA tamén sairía o lugar de NUGALLÁS, no concello lugués de Antas de Ulla.
Aquí, está ainda mais clara a referencia a un lugar de descanso, se pensamos no atributo psicolóxico dunha persoa que é un NUGALLÁN, ou sexa, un “ descansado “ ou “preguiceiro”.
Non resisto a tentación de lembrar o ditado que escoitabamos, na nosa infancia, ao pé da lareira, falando da NUGALLA:
NUGALLA, queres pan ?
ben que o quero…, se mo dan !
pois, vai buscar o coitelo !
ai,… así,… xa non o quero !
En definitiva, fique por aquí a suspeita de que, nen todas as NOGUEIRAS son NOCEIRAS, e moi probabelmente fosen malladas, curros ou apriscos pastorís.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.