07:33 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-10-2020

A parroquia de Santiago do Burgo (Culleredo) é a que vén celebrando as festas populares máis multitudinarias nos últimos dous séculos

A romaría da Peregrina do Burgo (Culleredo): Orixes dunha festa histórica

Valorar (3)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


A parroquia de Santiago do Burgo (Culleredo) é a que vén celebrando as festas populares máis multitudinarias nos últimos dous séculos. Se ben na actualidade son as festas do Apóstolo, en torno ao 25 de xullo, as de referencia, tamén tiveron o seu momento de esplendor ás da Virxe dos Desamparados, no mes de maio, e a que agora nos ocupa, a Romaría da Peregrina, que se desenvolveu, polo menos, durante século e medio, e que lamentablemente desapareceu. (Destas tres festas, na época da II República, xa publicamos en 2008 unha primeira achega na revista das festas do Burgo).

Calquera que consulte a prensa histórica galega achará numerosas referencias a esta romaría ata moi avanzado o século XX. Mais o que imos tratar nesta ocasión son as súas orixes, para aclarar por que xurdiu no Burgo tan célebre celebración.

Temos que viaxar ata a última década do século XVIII. En 1790 entra a rexer a parroquia, (nese momento das menos importantes do actual concello de Culleredo, mais cun glorioso pasado medieval) o sacerdote Manuel Antonio Franco Romay. Unha das súas primeiras xestións foi conseguir, para a igrexa parroquial ou algunas imaxes, diversas indulxencias de varios arcebispos de Santiago; e mesmo obtería do pontífice Pío VI unha Indulxencia plenaria, por un Breve expedido en Roma o 28-11-1795, “a todos los Fieles de Jesuchristo que verdaderamente contritos, confesados y comulgados, Visitaren el Altar de la Santísima Virgen María, vajo el título de los Desamparados (cuya devotísima Ymagen coloqué a mi devoción en esta Yglesia) en el dia de su festividad, que es el segundo Domingo del mes de Mayo…”. Outro papa posterior, Pío VII, por Breve expedido en Roma o 23-8-1803, concedeu perpetuamente todas as indulxencias plenarias e parciais anteriores.

O párroco adquirira a citada imaxe da Virxe dos Desamparados, cun custo de 1.500 reais: así nolo relata nas contas de 1792.

Franco Romay acometerá importantes obras na igrexa: a nova fachada, o campanario e as campás, a construción da reitoral, o incremento de obxectos litúrxicos e imaxes…, deixando testemuña por escrito, moi detallada, de todas estas obras. Era tan minucioso que, nunha das súas anotacións, menciona que neses momentos estábanse empezando a cultivar na contorna as que chamaban “castañas da terra”, é dicir, as patacas.
Tamén conseguirá a cesión doutra imaxe, a da Divina Peregrina. No “Libro 3º de la Fábrica de la Parroquial Yglesia del Señor Santiago del Burgo: siendo Rector don Manuel Antonio Ffranco y Romay año de 1796”, podemos ler nunha anotación de 1796:

“Los debotos Manuel Balay y su muger Juana Rodríguez de Armentón, me regalaron para colocar en esta mi Yglesia una Ymagen de Ntr.a Sr.a vajo el Título de la Divina Peregrina, con la del Niño Dios en la mano; la q.e les costó en la ciu.d de Santiago cien ducados; y el vestido de tisú, con su esclavina de terciopelo y Conchas de plata,…1.200 rs.; la cual Ymagen coloco en el Altar que hize junto a la puerta de la Sachristía..”.
Polos apelidos, e a localidade, semella que o matrimonio doador era orixinario de Arteixo.

Tres anos despois, en 1799, anota os gastos de “un tragaluz q.e se abrió en el costado del mediodía en la pared de la Ygl.a para dar luz a esta y al Altar de la Divina Peregrina”, que tivera un custo de 320 reais. Nun inventario de 1802, menciónase que a igrexa ten cinco altares: un deles, o da “Divina Peregrina, con la Ymagen de la Virgen con el Niño, y las de S,n Roque =que es mía= y el Patrón Santiago, que sirve p.a el Anda quando en su día sale en Processión”. E ao ano seguinte, 1803, anota: “Hízome y conseguí el Retablo nuevo p.a la Soverana Ymagen de mi Señora de los Desamparados; el qual por venirle mejor al de la Divina Peregrina, se lo aplico, con la obligación de q.e se le ha de hacer otro a aquella, de quenta de las Limosnas q.e vinieren p.a dha Peregrina…su costo de 1000 rs.”.

Mais, -a partir desta doazón-…, cando xorde a que será celebrada romaría? A data máis antiga que atopamos polo momento indícanos que xa estaría consolidada en 1849. Nunha referencia de prensa, infórmasenos que “El Ómnibus” [un transporte de cabalos] “saldrá el domingo 9 del corriente con motivo de la festividad de la Peregrina a las seis de la mañana al Burgo, regresando a ésta a las ocho y media, y volviendo a salir a las dos y media de la tarde, la vuelta del último viaje será a las seis y media”. (Boletín Oficial de la Provincia de la Coruña, nº 106, A Coruña, 7-9-1849, p. 4). É lóxico supoñer que a celebración da festa xa debía ter algúns anos.

Volvemos encontrar outras referencias en 1857. Nun artigo da autoría de Ramón Puente y Brañas, lemos o seguinte: “El próximo domingo tendrá lugar en el Burgo la tan celebrada de la Peregrina: sabemos que muchas familias se disponen a pasar el día a orillas del Mero: muchas son las cabalgatas que se preparan para entonces y no dudamos que la carretera y el puente que cruzan aquel caserío se verán como todos los años cubiertos por una multitud animada. Parece que se dará un baile por suscrición desde las nueve de la noche hasta las cinco de la madrugada.

Iremos, observaremos y contaremos”. (El Iris de Galicia, nº 38, A Coruña, 9-9-1857, p. 4). Uns días despois, correron rumores de que se suspendería: ía haber Misións. Mais, á fin, celebrouse, “pero los rumores que circularon sobre su suspensión, fue causa de que no estuviese tan concurrida como en años anteriores. (El Iris de Galicia, nº 40, A Coruña, 16-9-1857, p. 4).

Durante estas primeiras décadas, -logo veremos algunas historias ao respecto- para asistir á romaría íase a pé, dacabalo, en carruaxes ou en embarcacións. Mais un impulso para unha asistencia aínda maior será a apertura do ferrocarril do Noroeste. Mesmo en 1870, anos antes de que se estivese aberto á explotación pública, xa se realizaban probas no anaco terminado, podendo considerarse ditas viaxes “más bien como unas pruebas de vagones dispuestas por el ingeniero jefe de la linea, ó como unas giras de placer”.

Unha desas expedicións partiu dende a estación de “Puente Gaiteira (Coruña)”, un domingo de setembro, ás tres da tarde. Atravesou en menos dun minuto o túnel da Pasaxe chegando á estación do Burgo aos sete ou oito minutos de partir. Logo dunha breve parada, continuou a viaxe ata a Enfesta, nas inmediacións de Betanzos.

O relator menciona que os vagóns eran cómodos e elegantes, que os terrapléns e noiros estaban en perfecto estado, e que a ponte da Marisqueira, de 35 metros de lonxitude, era magnífica. Mais tamén relata que “la afluencia de gente por todo el camino era inmensa, ya por la romería de la Peregrina que se celebraba ese día y ya también por los muchos viajeros que habían emprendido la excursión”. (La Correspondencia Universal, nº 160, Madrid, 25-9-1870, p. 3; Gaceta de los Caminos de Hierro, nº 40, Madrid, 2-10-1870, p. 627). 

En 1875 ábrese a liña de ferrocarril no tramo Coruña-Lugo, con estación no Burgo. O completo, A Coruña-Palencia, inaugurarase o 1-9-1883. O rei Afonso XII parará na estación do Burgo, sendo saudado pola Corporación Municipal.

O alto número de viaxeiros causaba, en ocasións, momentos de confusión, véndose algúns de 1ª clase, polos tumultos, tendo que viaxar en 3ª. (El Diario de Santiago, nº 1256, Santiago de Compostela, 12-9-1876, p. 2).

Confirma esta alta asistencia un anuncio publicitario do 7-9-1878 dos “Ferro-Carriles del Noroeste de España”: con motivo da festa, habería un servizo extraordinario para o día da celebración, o 15 de setembro. Da Coruña partirían, ao longo do día, cinco trens, con parada no Burgo e destino final en Cambre, e outros cinco sairían de Cambre con parada no Burgo e destino final Coruña.

Mais, como dicíamos, aínda seguía sendo básico o transporte por carruaxe. En 1874 as empresas “La Herculina” e “La Veterinaria”, acordaran poñer un servizo extraordinario o domingo 13 de setembro, saíndo dous coches ás 11 da mañá e outros dous ás dúas da tarde. Os billetes despachábanse na Administracion de “La Veterinaria” e na “Ferro-carrilana”. (Diario de Avisos, nº 1057, A Coruña, 10-9-1874, p. 8).

Días despois, o Diario cóntanos como foi a celebración: a pesar da chuvia que caera dende primeiras horas, “la gente no dejó de concurrir al sitio destinado para la celebración de la llamada de la Peregrina”. Coches de aluguer, de particulares e outros medios de transporte levaban a xente que, ansiosa de diversión, non lle importaba o tempo pouco agradable e apacible que ía, e que regresaban á cidade xa coa noite ben entrada. O mellor de toda a diversión fora que, felizmente, non houbera que lamentar ningunha desgraza nin o menor desgusto, “hijo siempre de la broma y de Baco”. (Diario de Avisos, nº 1062, A Coruña, 15-9-1874, p. 2).

Outra información que nos indica o multitudinario da festa, cos conseguintes posibles problemas de orde público, é, por exemplo, a que nos di que para a romaría de 1888 as autoridades ordenaron que prestasen servizo 20 parellas de infantería da Garda civil e catro de cabalería. Días despois, sabemos que foran 3.500 os viaxeiros que se achegaran á romaría usando o ferrocarril. (La Voz de Galicia, A Coruña, 5-9-1888, p. 2).

No que levamos visto ata agora, non sabemos aínda cal puido ser a causa do éxito da festa, que sobardaba o estritamente relixioso. Quizais nos ilustre a este respecto un emigrante natural de Vilaboa (Culleredo), Francisco Sandalio Fernández, que traballaba en Bos Aires como oficial dunha oficina de Rexistro. No semanario El Gallego publicará, en varias entregas, un artigo titulado “La Peregrina en el Burgo”. Nel, narra como asistiu a esta festa cuns amigos, en barca, levando instrumentos musicais, comida…, para pasar un agradable día de lecer, visitando tamén o templo.
Para ir a ela, coméntalle aos seus amigos que había diversos modos. Un era o tren, que saía catro ou cinco veces ao día, e o día da romaría facía viaxes extraordinarios, ao ser moita a concorrencia. Outro, recorrer a empresas de dilixencias (a “Ferro-Carrilana”, a “Victoria Coruñesa”, a “Herculina”, a “Veterinaria”…, que poñían coches a disposición do público que saían a cada momento da Rúa Nova. Útil, sobre todo á hora da preamar, era alugar un bote que conducise aos viaxeiros ata a ponte do Burgo. [A imaxe que ilustra este artigo, de ca. 1905, é un exemplo].

Tamén, na zona das portas da Torre, “esperan al público unos trescientos burros […], famélicos unos, bizarros otros y mal enjaezados”. Por último, aínda quedaba o medio máis barato: ir camiñando.

Esta romaría era “la más concurrida de las que se celebran en todas las parroquias inmediatas a la Coruña. No por vocación, ni porque a la Santa Imagen se le atribuyan milagros como se le atribuyen a la Virgen de Pastoriza, santuario distante una legua de la Capital […]. La Peregrina es […] la romería más aristocrática, la más a la moda”.

Na súa opinión, tres eran as circunstancias que favorecían ese éxito:

1ª: Que se celebrase, sen alteración, o domingo seguinte ao 8 de setembro, “en que se recolectan las mejores frutas, como la uva, la sandía, la rica pavía, etc. etc., convirtiéndose, por tanto, el espacioso atrio de la parroquial Iglesia en huerta universal”.

2ª Que por ser un mes coa letra R, os mariscos estaban en boa época: na Peregrina “encuentran los aficionados las ricas ostras, caras, eso sí, pero es dia de broma y…adelante!”.

3ª Que nas parroquias contiguas ou próximas ao Burgo (Sigrás, Cambre, Culleredo, Iñás, Oleiros, Almeiras, Rutis, Elviña…, mesmo ata preto de Betanzos), “en todas ellas está distribuida la aristocracia coruñesa en sus casas de quinta, aspirando el puro ambiente, disfrutando sus cristalinas aguas; y por consiguiente, en ese día no faltan a la romería; en carruaje el que lo tiene, y cabalgando o paseando los que viven en las inmediaciones”. (El Gallego, ano III, nº 12, Bos Aires, 25-3-1883, p. 1; nº 13, 1-4-1883, p. 1; nº 14, 8-4-1883, p. 2).

Como era o Burgo, ese lugar ao que chegaban os romeiros? Acollémonos, para finalizar, á descrición que Alejandro Carré Burón nos ofrece no seu artigo “Cartas a Carlos, III”:

“Era el 8 de Setiembre de 1878!... Te acuerdas, Carlos? Era domingo: En las cercanías de la ciudad se celebraba con entusiasmo la fiesta de la Peregrina ó sea de “nossa Sra de Setembre” como dicen sencillamente nuestros sencillos campesinos”. Na Coruña, “los pequeños embarcaderos lucían los mil caprichosos colores con que se adornan nuestras mujeres, y de la orilla salían a cada instante pequeñas embarcaciones conduciendo centenares de viajeros”.

Como tantas persoas, eles son uns dos que embarcan, e se dirixen ao Burgo, a onde arriban. O que tiñan á vista era o “largo y antiguo puente sobre el manso río; pequeña eminencia se elevaba a su derecha salpicada de casitas blancas sobre las que, negruzco y grave se levantaba el penacho de la iglesia. La ancha carretera dividía aquel grupo de desiguales viviendas, y esta, la plaza de la iglesia, las defectuosas calles, todo en fin se veía cuajado de gente alegre también y bulliciosa que con su industria o con su placer habían rendido allí atraídos por el nombre de la fiesta que se celebraba: estábamos en el Burgo!” (Liceo Brigantino, nº 52, A Coruña, 8-1-1884, p. 1-2).


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña